Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 21014

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 11 de abril de 2019 pola que se regulan as bases das axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas por esta entidade, co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se abre a súa convocatoria (código de procedemento VI420B).

BDNS (Identif.): 450802.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios/as dos edificios recollidos no ámbito de aplicación, que constitúan a totalidade dun mesmo edificio ou dun conxunto de vivendas unifamiliares e que vaian realizar actuacións de mellora de eficiencia enerxética obxecto da subvención e, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que posúan capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir cos obxectivos do proxecto polo que se solicita a axuda, en cumprimento do artigo 125.3.d) do Regulamento 1303/2013.

d) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto desta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán as condicións de axudas ás comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), para facer actuacións de mellora enerxética cofinanciadas con fondos europeos, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, correspondente ao código de procedemento VI420B.

Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria desta subvención para o exercicio 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 11 de abril de 2019, pola que se regulan as bases das axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se abre a súa convocatoria.

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2019 00007 e á aplicación 07.83.451A 781.2 dos orzamentos do IGVS, e a contía desta convocatoria será de 2.500.000 euros, financiados con fondos Feder, repartidos en 180.000 euros para executar no ano 2019, 1.600.000 euros no ano 2020 e 720.000 no ano 2021.

A intensidade da subvención consistirá nunha porcentaxe do 80 % do orzamento subvencionable, conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS, unha vez revisada a solicitude.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo