Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 20958

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de abril de 2019 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral (código de procedemento ED010A).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición adicional sexta, punto 2, a facultade das comunidades autónomas para ordenaren a súa función pública docente no marco das súas competencias, respectando, en todo caso, as normas básicas contidas no punto 1 da propia disposición.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios, establece no seu artigo 2 que, cando unha praza docente de nivel non universitario queda vacante ou eventualmente non estea ocupada, poderá ser cuberta, en comisión de servizos de carácter voluntario, cun funcionario docente que reúna os requisitos para o seu desempeño.

Mediante a Orde do 28 de xuño de 2006 regulouse a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal dos corpos docentes en centros dependentes da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral. Esta orde foi modificada parcialmente polas ordes do 3 de maio de 2007 e do 14 de marzo de 2012 e, finalmente, substituída pola Orde do 9 de xuño de 2017. Esta orde, así mesmo, foi derrogada pola Orde do 23 de febreiro de 2018 coa finalidade de ampliar a idade dos fillos nos supostos de núcleos familiares compostos por un único proxenitor ou proxenitora; que o persoal que superase o procedemento selectivo puidese efectuar unha solicitude; e modificaba o artigo 4, punto 2, para dar máis liberdade para realizar a solicitude de centros e permitir a exclusión daqueles en que resulta máis difícil conciliar a vida familiar e laboral.

Porén, parece razoable introducir máis modificacións para mellorar a conciliación da vida familiar e laboral do persoal docente, como eximir da obrigatoriedade de ter un destino definitivo nunha localidade a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia a aquel persoal docente que preste servizos nun centro educativo con xornada partida ou regular a situación do persoal con fillos ou fillas con discapacidade para outorgarlles un tratamento máis favorable.

Pola súa vez, cómpre modificar, ademais, o punto 3 do artigo 4 e mais o artigo 5 da Orde do 23 de febreiro de 2018 para adecualos á nova redacción dada ao artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como tamén a disposición adicional primeira da Orde do 23 de febreiro de 2018 para cumprir co deber de información ás persoas afectadas establecido polo artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 e 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Por razóns de claridade, en consideración ás modificacións que é preciso realizar, derrógase a Orde do 23 de febreiro de 2018 e apróbase unha nova orde.

Na súa virtude, co obxecto de fixar as condicións e o procedemento administrativo da comisión de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa e para as cales estea habilitado, do persoal funcionario de carreira e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, por motivos de conciliación da vida familiar e laboral (código de procedemento ED010A)

2. Tamén poderá solicitar esta adscrición o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal nomeado funcionario en prácticas, o persoal que superou o procedemento selectivo correspondente e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas e o persoal funcionario interino docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. Esta adscrición temporal en comisión de servizos estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente e que lle corresponda a adxudicación dunha praza das solicitadas de acordo cos criterios establecidos na regulación da adxudicación de destinos provisionais para o curso académico que corresponda.

4. A adscrición provisional do persoal que superou o procedemento selectivo e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas realizarase inmediatamente despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal funcionario de carreira.

5. A adscrición provisional do persoal funcionario interino docente realizarase despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal que ese ano superou o procedemento selectivo para ingreso ou acceso no corpo correspondente e estará, ademais, supeditada a que lle corresponda prestar servizos en función do número de prazas ofertadas da especialidade e do número de orde na adxudicación da persoa funcionaria docente interina.

Artigo 2. Solicitantes

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo en réxime de comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a distinta localidade, se é o caso, do seu centro de destino:

a) O persoal funcionario dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación, dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que se encontre en situación de servizo activo, de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

b) O persoal que superou o procedemento selectivo de ingreso ou acceso no corpo correspondente e estea pendente de ser nomeado funcionario en prácticas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

c) O persoal laboral docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que se encontre en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

Artigo 3. Requisitos

1. Tipo I) Ter un fillo ou filla menor de catro anos, ou ter e convivir cun fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo II) Ter dous fillos ou fillas menores de seis anos ou un fillo ou filla menor de seis anos cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo III) Ter tres fillos ou fillas menores de doce anos ou dous fillos ou fillas menores de doce anos se un deles ten un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos ou fillas computarase o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior a aquel en que se efectúa a solicitude.

Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo nunha localidade a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia.

Non será exixible este requisito a aquelas persoas que presten servizos nos centros de educación infantil, educación infantil e primaria, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros de educación especial e centros públicos integrados que teñen réxime de xornada partida.

3. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos.

4. Cando ambos/as os/as cónxuxes ou parella de feito sexan persoal docente, só unha das dúas persoas poderá solicitar a comisión de servizos.

5. Poderán solicitar esta comisión as dúas persoas proxenitoras nos supostos de custodia compartida en virtude de sentenza xudicial.

Artigo 4. Solicitudes

1. Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do fomulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos http://www.edu.xunta.es/cadp e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Petición a centros e/ou localidades.

As persoas interesadas deberán solicitar en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, agás os centros penitenciarios, os centros de educación permanente de adultos e os centros ordinarios en que se imparten ensinanzas de adultos e aqueloutros centros en que se imparten ensinanzas en réxime de xornada partida, que serán de solicitude voluntaria.

Poderán engadirse voluntariamente peticións a centros ou localidades que se consideren convenientes, tendo en conta que, neste caso, é preceptivo solicitar os centros ou localidades a que se fai referencia no parágrafo anterior.

3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Informe médico coa data probable de parto cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude, se for o caso. No informe deberá constar, así mesmo, se o embarazo é simple, duplo ou de triplo.

b) Certificación literal de nacemento ou copia do libro de familia actualizado, en todo caso.

c) Copia da sentenza xudicial pola cal se establece a custodia compartida, se for o caso.

d) Copia da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción ou o acollemento permanente ou preadoptivo, se for o caso.

e) Copia da resolución administrativa de acollemento permanente ou preadoptivo cando non fose expedida pola Xunta de Galicia, se for o caso.

f) Copia da resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que non se modificasen as circunstancias familiares. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) Certificado de residencia da persoa solicitante.

c) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos cando fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación.

d) Resolución administrativa de acollemento permanente ou preadoptivo respecto dos fillos ou fillas menores de dezasesis anos na dita situación cando fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionamente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións daquelas resolucións e actos administrativos que non sexan obxecto de publicación de acordo co establecido nesta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se aceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Nos anos que se convoque o concurso xeral de traslados de ámbito estatal e se resolva por corpos en distintas datas, o prazo será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do último concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.

2. Para as persoas que superen o procedemento selectivo de ingreso ou acceso no corpo correspondente e estean pendentes de ser nomeadas funcionarias en prácticas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o prazo será de dous días hábiles contados desde a publicación da relación de persoas aprobadas polo tribunal correspondente.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comisión de valoración

As solicitudes someteranse a informe preceptivo da comisión de valoración que se constituirá para o efecto como órgano consultivo na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, integrada por:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

– Ata un máximo de tres persoas funcionarias da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que actuará como secretario/a.

Todas elas serán designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante por sindicato para asistir ás sesións da comisión.

Artigo 10. Resolución provisional e reclamacións

Unha vez sometidas as solicitudes a informe, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará na páxina web www.edu.xunta.gal a resolución provisoria.

Contra a dita resolución provisoria as persoas interesadas poderán formular reclamación no prazo de cinco días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación na web.

Artigo 11. Resolución definitiva

A resolución definitiva que declare a procedencia ou improcedencia da concesión da comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo da proposta da comisión de valoración, e será publicada na páxina web www.edu.xunta.gal.

A deformación dos feitos ou calquera falsidade consignada na solicitude ou na documentación achegada será causa de denegación ou revogación, se é o caso, e inhabilitan para solicitar a comisión de servizos no próximo curso académico.

Contra a resolución ditada, a persoa interesada poderá formular recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de conformidade cos artigos 8.2, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Adxudicación de destino

1. Terán prioridade na adxudicación de destinos as comisións de servizos por motivos de saúde sobre as comisións de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral.

2. Nas comisións de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral a prioridade virá determinada polos seguintes grupos:

a) Tipo III.

b) Tipo II.

c) Tipo I.

Dentro de cada grupo, a prioridade se determinará por ser un único proxenitor ou proxenitora, a antigüidade como persoal funcionario no corpo, a antigüidade no centro e a puntuación no concurso-oposición, sucesivamente.

Artigo 13. Toma de posesión

A toma de posesión será a que dispoña a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nas súas normas reguladoras do comezo do curso.

Artigo 14. Vixencia

A vixencia da comisión de servizos ou adscrición provisional por motivos de conciliación da vida familiar e laboral será dun curso académico, sen prexuízo da súa prórroga, que poderá concederse, logo da solicitude da persoa interesada, no suposto de seguir cumprindo os requisitos establecidos nesta orde.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Adscrición provisional

Para os efectos desta orde serán tratadas como comisións de servizos as adxudicacións de destino ao persoal funcionario de carreira suprimido ou en expectativa de destino, ao persoal nomeado funcionario en prácticas, ao persoal que superou o procedemento selectivo correspondente e estea pendente de ser nomeado funcionario en prácticas, ao persoal funcionario interino e ao persoal laboral docente.

Disposición adicional terceira. Prazo de solicitude no suposto de non convocarse o concurso de traslados

Se nun curso académico non se chega a convocar o concurso de traslados entre o persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación, o prazo de solicitude será desde o 15 de abril ata o 30 de abril do ano correspondente.

Disposición adicional cuarta. Obriga de realizar dúas solicitudes

O persoal docente suprimido, desprazado, o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal nomeado funcionario en prácticas, o persoal que superou o procedemento selectivo correspondente e estea pendente de ser nomeado funcionario en prácticas e o persoal funcionario interino a que se lle conceda unha comisión de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral deberá realizar, ademais da solicitude de comisión de servizos, unha solicitude ordinaria.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 23 de febreiro de 2018 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes que imparte docencia en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file