Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 8 de maio de 2019 Páx. 22085

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2019 pola que se convoca o Curso de servidumes e limitacións sectoriais.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Curso de servidumes e limitacións sectoriais, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O obxectivo deste curso é que o alumnado poida adquirir os coñecementos necesarios en relación coa normativa que regula as diferentes afeccións sectoriais e os seus procedementos de tramitación, as interaccións entre elas e a súa compatibilidade co planeamento. As exposicións teóricas complementaranse con diferentes exemplos prácticos de aplicación real dos aspectos estudados.

2. Contidos.

O curso está estruturado en dous bloques temáticos:

Parte I. Contidos teóricos.

Desenvolverase ao longo das tres primeiras xornadas do curso, nas cales se expoñerán os aspectos fundamentais relacionados coa normativa e exixencias derivadas das diferentes afeccións sectoriais.

Os contidos teóricos expostos nas sesións presenciais do curso complementaranse co apoio dunha plataforma en liña onde se poñerá á disposición do alumnado a documentación correspondente ás devanditas sesións e outros materiais didácticos adicionais.

Neste bloque trataranse os seguintes temas:

• Dominio público e servidumes. As limitacións e afeccións en solo rústico. O Plan básico autonómico.

• Normativa sectorial de agricultura, tratamento de residuos e servidumes no ámbito agrario.

• Normativa sectorial de afección a portos.

• Servidumes e limitacións derivadas da normativa de augas.

• A protección e conservación do patrimonio cultural. A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

• O réxime de protección do Camiño de Santiago.

• Dominio público e servidumes na lexislación de costas e a súa influencia nas construcións.

• O Plan de ordenación do litoral.

• Afeccións sectoriais de ambiente.

• Espazos naturais e paisaxe.

• O réxime xurídico e as servidumes de vías públicas: estradas, ferrocarrís.

• Establecementos comerciais.

• Réxime regulador de infraestruturas eléctricas. Servidumes e limitacións de dominio.

• Policía mortuoria e sanidade.

• Normativa reguladora de montes e incendios.

• Réxime xurídico de vivendas en solo rústico.

• Normativa sectorial de instalacións aeronáuticas.

Parte II. Mesa redonda.

Como complemento aos contidos teóricos impartidos, a última tarde do curso destinarase integramente á resolución de cuestións expostas polo alumnado, nun formato de mesa redonda onde o profesorado responderá as preguntas formuladas. Ademais das preguntas que queiran formular nesta sesión, ao longo do curso, os alumnos e alumnas poderán ir trasladando, a través da plataforma de formación do curso, calquera cuestión ou dúbida que lles interese incorporar á devandita sesión.

3. Persoas destinatarias.

O curso está dirixido aos seguintes grupos de persoas destinatarias:

1. Persoal empregado público das administracións públicas galegas dos subgrupos A1 ou A2 e persoal laboral dos grupos I ou II.

2. Arquitectos/as interesados/as en ampliar os seus coñecementos cunha formación especializada no campo do urbanismo ou profesionais en exercicio do ámbito urbanístico que necesitan actualizar os seus coñecementos en xestión urbanística.

3. Profesionais que estean en posesión do título de técnico superior de urbanismo, que desexen especializarse no ámbito da disciplina urbanística e a intervención da Administración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección do BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1 punto.

4. Desenvolvemento.

Desenvolveranse tres edicións deste curso, en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

Edición Vigo:

Lugar: Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Doutor Cadaval, 5.

Datas: 13, 24 e 27 de maio e 3 e 10 de xuño de 2019.

Edición A Coruña:

Lugar: Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Federico Tapia, 64.

Datas: 14, 21, 28 de maio e 4 e 11 de xuño de 2019.

Edición Santiago de Compostela:

Lugar: sede de Santiago de Compostela do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, praza da Quintana, 1; aula de formación.

Datas: 15, 16, 23 de maio; 6, 13 e 20 de xuño de 2019.

Horario: O curso desenvolverase ordinariamente, en horario de mañá, das 10.00 ás 14.15 horas, e de tarde, das 15.45 ás 20.00 horas, nas datas indicadas para cada unha das edicións, fóra dos días 15 e 16 de maio na edición de Santiago, onde o horario será soamente de tarde.

Duración: 40 horas lectivas presenciais.

5. Número de prazas: 50 prazas en cada unha das edicións. Número total de prazas: 150.

6. Inscrición e matrícula.

6.1. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario que para este efecto figurará na epígrafe de formación da páxina web do COAG (www.coag.es/formacion/), na sección deste curso, e acreditarán a documentación requirida e especificada no devandito sitio.

6.2. Os importes da matrícula serán os seguintes:

• Persoal empregado público e colexiados do COAG subscritos ao servizo de formación: 165 €.

• Colexiados do COAG: 215 €.

• Solicitantes que cursasen o Curso superior de técnico de urbanismo: 135 €.

• Resto de solicitantes: 250 €.

6.3. O importe da matrícula, que deberá aboarse ao COAG, deberá formalizarse de acordo coas instrucións e medios de pagamento que figuran na plataforma de matriculación do COAG (www.coag.es/formacion).

6.4. O prazo da matrícula permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 10 de maio de 2019, ou ata esgotar as prazas dispoñibles.

7. Criterios de admisión.

A metade das prazas (25 en cada edición, un total de 75 prazas) estarán reservadas para o persoal empregado público das administracións públicas galegas dos subgrupos A1 ou A2 e persoal laboral dos grupos I ou II.

As prazas reservadas ao persoal empregado público que non sexan cubertas unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes poderán ser ocupadas polo resto de persoas destinatarias.

O número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación das listaxes de alumnado seleccionado.

Dado que o criterio de admisión é por rigorosa orde de presentación das solicitudes, no momento de formalizar a matrícula, cada solicitante terá a confirmación da súa admisión no curso.

Con todo, finalizado o prazo de inscrición, publicarase na sección deste curso da páxina web do COAG (www.coag.es/formacion/) a listaxe de persoas seleccionadas para participar neste curso, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren nas relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada ao COAG cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa enviando un correo electrónico a formacion@colexiodearquitectos.org, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos os controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

10. Modificacións.

A EGAP e o COAG reservan para si a facultade de modificar o programa, interpretar e resolver os incidentes que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Corresponde á Dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o seu desenvolvemento.

A realización de cada unha das edicións deste curso queda condicionada tamén á formalización e ao pagamento das matrículas por un importe que o COAG considere suficiente para o seu financiamento. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a súa realización, o COAG procederá á devolución das cantidades aboadas.

11. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso, emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Para a emisión dos certificados electrónicos de aproveitamento é imprescindible que todas as persoas que superasen o curso e teñan dereito á emisión do seu certificado se teñan rexistrado con anterioridade no espazo área de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/login.php).

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública