Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Xoves, 9 de maio de 2019 Páx. 22256

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 14 de xaneiro de 2019, Pablo Albores Cabaniña, representante da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 20 de decembro de 2018, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, con número de protocolo 3450, por Kiom Think Group, S.L., Coremain, S.L. e Sivsa Soluciones Informáticas, S.A.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto primordial a difusión, promoción e formación do coñecemento no ámbito tecnolóxico, na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos propios e alleos que teñan un alto interese xeral.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Coremain, S.L., representada por Manuel Alonso Fernández como presidente; Sivsa Soluciones Informáticas, S.A., representada por Adrián Alonso Muras como vicepresidente; Cristina Goldar Soto como secretaria non patroa; Marcos Caderno Lorenzo como tesoureiro; e Colegio Lar, S.L., representada por Rodrigo Manuel Salgado Pombo como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

6. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de marzo de 2019 (DOG núm. 70, do 10 de abril), clasificouse de interese educativo a Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento e adscribiuse á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no devandito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como ao resto de normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2019

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional