Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Xoves, 9 de maio de 2019 Páx. 22261

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2019 pola que se convoca o curso superior As leis 39/2015 e 40/2015, do procedemento administrativo común e do réxime xurídico do sector público: teoría e práctica.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior «As leis 39/2015 e 40/2015, do procedemento administrativo común e do réxime xurídico do sector público: teoría e práctica», de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

As leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, introducen novidades relevantes na regulación do procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público, que inciden, entre outras, na organización e no funcionamento da Administración, no réxime xurídico dos convenios, na responsabilidade patrimonial das administracións públicas, nos recursos administrativos, na tramitación electrónica dos procedementos e nos dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración.

O obxectivo principal deste curso é abordar o estudo das citadas modificacións do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común desde unha perspectiva práctica, para o cal, nunha primeira parte de cada sesión, procederase á análise, estudo e debate dos temas propostos e, na segunda parte, á súa aplicación a través da resolución de supostos prácticos.

2. Contido.

O curso estrutúrase en 8 sesións, nas cales se tratarán, entre outros, os seguintes temas:

• As relacións administrativas ad intra. Principios xerais de actuación do sector público e dos órganos das administracións públicas. Relacións interadministrativas.

• As relacións administrativas ad extra. Os dereitos das persoas nas súas relacións coa Administración pública.

• Cuestións xerais do procedemento administrativo común I: os prazos. Cómputo. Efectos da extemporaneidade nas actuacións administrativas: en especial, caducidade, silencio administrativo e prescrición.

• Cuestións xerais do procedemento administrativo común II: a eficacia dos actos administrativos. Especial referencia ao procedemento notificador e ás notificacións electrónicas.

• A tramitación electrónica do procedemento administrativo. Identidade dixital. Presentación documental electrónica. Expediente, documento e arquivo electrónicos. Interoperabilidade.

• O procedemento administrativo común I: os interesados. Iniciación de oficio e por instancia de parte. As medidas preventivas.

• O procedemento administrativo común II: ordenación, instrución e finalización do procedemento. Especial referencia á resolución do procedemento administrativo.

• Os principios da potestade sancionadora. As especialidades do procedemento sancionador.

• Os principios da responsabilidade patrimonial das administracións públicas. As especialidades do procedemento de responsabilidade patrimonial.

• O sistema de recursos administrativos.

• Nulidade e anulabilidade. A revisión dos actos en vía administrativa.

• A iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria.

• Os convenios na Lei 40/2015.

3. Prazas: 80.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estea en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder os e as profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

5. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, nas seguintes datas: 21 e 28 de maio; 4, 11, 18 e 25 de xuño; e 2 e 9 de xullo de 2019.

Terá unha carga lectiva de 45 horas presenciais, distribuídas en 8 sesións: 7 sesións de 6 horas lectivas, que se impartirán en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas) e en horario de tarde (das 16.00 ás 19.00 horas), e unha sesión de 3 horas, o último día do curso, en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas).

6. Inscrición.

6.1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 14 de maio de 2019.

6.2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 4 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

7.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

7.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

7.4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, dando preferencia ao persoal empregado público.

9. Matrícula.

9.1. Importe.

O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para as persoas destinatarias que non teñan a condición de persoal empregado público que, no caso de ser seleccionadas, recibirán as instrucións para realizar o pagamento.

9.2. Pagamento.

As persoas seleccionadas poderán facer efectivo o pagamento da matrícula nun prazo único ou en dous prazos.

O/a alumno/a seleccionado/a deberá efectuar o pagamento, total ou do primeiro prazo (60 %), dentro dos tres días hábiles seguintes ao da comunicación da súa selección por parte da EGAP e, o 40 % restante, no caso de optar polo pagamento fraccionado, entre o 14 e o 21 de xuño de 2019.

Unha vez formalizado o pagamento da matrícula, total ou fraccionado, o/a alumno/a deberá enviar o correspondente xustificante bancario ao enderezo de correo novas.egap@xunta.gal, especificando o seu nome e apelidos. A formalización da inscrición no curso quedará condicionada ao envío do devandito xustificante no prazo establecido.

A EGAP non devolverá as cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

10. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

10.1. No espazo deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días hábiles contados desde o día da súa publicación.

10.2. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no mesmo espazo a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

11. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

11.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

11.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

12. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

13. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública