Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2019 Páx. 22553

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 48/2019, do 25 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada LU-P-1505 a prol do Concello de Cervo.

Segundo o teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Cervo solicita á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade dun tramo da vía LU-1505, tramo comprendido entre o punto quilométrico 0,000 (orixe na N-642) e o punto quilométrico 2,250. O concello xustifica a súa solicitade no carácter urbano que presenta a maior parte do treito solicitado.

A Deputación Provincial de Lugo, no Pleno da corporación provincial levado a cabo o día 26 de xuño de 2018, aceptou o cambio de titularidade proposto e pon de manifesto que o punto final do treito que se cede se sitúa no punto quilométrico 1+970 da LU-P-1505, que corresponde á intersección coa LU-P-1504 Río Covo (N-642)-Fábricas de Sargadelos (LU-1505), deste xeito o percorrido da vía provincial LU-P-1504 e da estrada estatal N-642 constituirán unha posible alternativa viaria ao treito que se cede.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de abril de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cervo do treito da estrada LU-1505 Cervo (N-642)-Sargadelos-Vilaestrofe (LU-P-1502) comprendido entre os puntos quilométricos 0+000, inicio na intersección coa N-642, e o punto quilométrico 1+970, intersección coa LU-P-1504 Río Covo (N-642)-Fábricas de Sargadelos (LU-P-1505).

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Cervo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Cervo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de abril de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade