Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 22983

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de abril de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 12 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza).

O director xeral de Desenvolvemento Rural, con data do 12 de marzo de 2019, ditou a resolución que se transcribe a seguir:

«O acordo da zona de concentración parcelaria de Oroso (A Cañiza-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 6 de agosto de 2001, e na actualidade encóntrase pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello da Cañiza solicitou a cesión da titularidade do predio núm. 102 do Fondo de terras da zona para aparcadoiro no contorno da igrexa parroquial.

Vista a proposta da xunta local da zona; a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/85, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dado o destino para o que se solicita o referido predio, e respecto do que se entende que é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral resolve:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Oroso (A Cañiza-Pontevedra) e adxudicar ao Concello da Cañiza a titularidade do predio núm. 102, que causa baixa no Fondo de terras da zona para ser destinado a aparcadoiro no contorno da igrexa parroquial.

Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que o predio sexa destinado ao fin para o que é adxudicado, a titularidade do referido predio reverterá sobre o Fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello da Cañiza».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes que contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Pontevedra, 25 de abril de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra