Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 22782

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan as instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2019/20.

O Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Deseño en desenvolvemento do citado Decreto 172/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características da proba específica de acceso, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de Música e Artes Escénicas, de Idiomas, Deportivas, de Conservación e Restauración de Bens Culturais e nos estudos superiores de Deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no dito decreto.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2019/20, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Deseño, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido nos artigos 4.1 e 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, será única para as diferentes especialidades destes estudos superiores e terá carácter unificado para todas as persoas aspirantes. As características e a cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño axustaranse ao disposto no artigo 5 da citada orde.

3. En consonancia co artigo 4.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do/da aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciatura ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á dita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a dita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez estean en posesión do título de bacharelato.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A dita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso directo

1. Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

2. Os/as aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e calendario establecido nesta resolución.

3. No caso de que a persoa aspirante estea pendente da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2018/19, e en consecuencia non dispoña do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderá igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e a admisión aos estudos superiores de Deseño, e deberá presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido nesta resolución.

Terceira. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas superiores de Deseño que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Deseño, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Cuarta. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Deseño reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Quinta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso constituirase o tribunal que figura no anexo II desta resolución. A Dirección da Escola de Arte e Superior de Deseño na que se desenvolvan as probas específicas de acceso aos estudos superiores de Deseño adoptará as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das probas, en colaboración coa presidencia do tribunal e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Sexta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 7 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/reximeespecial e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías das escolas de arte e superiores de deseño. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías das escolas.

3. Na solicitude deberanse indicar, por orde de preferencia, as especialidades que se desexan cursar así como a escola en que as desexan cursar. Poderanse solicitar un máximo de catro opcións.

4. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na Secretaría de calquera das escolas de arte e superiores de deseño.

Sétima. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de DNI, NIE ou pasaporte.

b) Resgardo do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías das escolas).

– Modelo AI, xerado electronicamente e impreso desde a ligazón:

http://www.atriga.gal/es/tributos-da-comunidade-autonoma/taxas-e-prezos/confeccion-on-line-impresos

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato ou titulación equivalente.

– Certificación académica do bacharelato con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Certificación académica do título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño cursado, no caso de optar pola quenda de acceso directo.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da primeira instrución desta resolución.

– Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.

d) Pendente de realizar a proba que substitúe o requisito de titulación. Esta circunstancia farase constar na solicitude, a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

e) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

f) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Novena. Publicación da listaxe de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A dita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios de cada unha das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia o día 11 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional os días 12 e 13 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición (ou a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.gal).

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 14 de xuño no taboleiro de anuncios das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: http://www.edu.xunta.gal.

Décima. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. A proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 17 de xuño no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño desenvolveranse o día 3 de xullo na EASD Pablo Picasso da Coruña, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

A EASD Pablo Picasso da Coruña organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nela.

Décimo primeira. Adxudicación de prazas

As vacantes existentes nas distintas especialidades e centros adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso ou, se for o caso, da cualificación media do expediente académico do/da aspirante. Para tal efecto, atenderase á especialidade e EASD que o/a aspirante teña sinalado como primeira preferencia na súa inscrición. Enténdese por primeira preferencia aquela que o/a aspirante indique en primeiro lugar, ou en lugares sucesivos se as especialidades ou EASD solicitadas esgotaran as súas prazas.

O día 18 de xullo, a comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a listaxe definitiva de admitidos/as para cada escola e especialidade.

Décimo segunda. Admisión do alumnado que superou as probas de acceso e os que optaron polo acceso directo

De conformidade co artigo 4.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os/as aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante das prazas ofertadas será asignado mediante a proba específica de acceso.

Cando o ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño fose cursado segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), a nota calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia; no caso de ciclos cursados segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), a nota calcularase segundo se dispón no artigo 19.9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. No caso de graduados en Artes Plásticas e Oficios Artísticos, a cualificación que ter en conta será a obtida na reválida ou proxecto final do plan de estudos de 1963.

Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico das persoas inscritas que soliciten acceder aos estudos superiores de Deseño aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no expediente académico do/da inscrito/a consten explicitamente as cualificacións numéricas das disciplinas. Neste caso serán as que se teñan en conta:

• Suficiente/aprobado: 5,5.

• Ben: 6,5.

• Notable: 7,5.

• Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

No caso de non quedaren cubertas as prazas correspondentes ao acceso directo, estas prazas serán asignadas aos/ás aspirantes que superaron a proba específica en cada centro.

Décimo terceira. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza na adxudicación do 18 de xullo deberán formalizar a súa matrícula entre os días 19 e 24 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlle ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na Secretaría da escola de arte e superior de deseño en que obteña praza, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a Dirección da Escola de Arte e Superior de Deseño, implicará a perda do dereito á praza asignada.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, e no caso de que non se cubrisen todas as prazas ofertadas, o día 31 de xullo, a comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional unha nova adxudicación de prazas de acordo cos criterios de adxudicación de prazas indicados na instrución décimo primeira. Os/as aspirantes que obteñan praza nesta adxudicación deberán formalizar a súa matrícula entre os días 2 e 4 de setembro.

4. No caso de quedaren prazas vacantes, a comisión de admisión establecerá un calendario de probas extraordinarias na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios dos centros e nas súas páxinas web. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución e a adxudicación de prazas resultante farase pública na páxinas web das EASD o día 13 de setembro. Os/as aspirantes que obtivesen praza nas probas extraordinarias deberán formalizar a súa matrícula entre os días 16 e 18 de setembro.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de 10 alumnos/as admitidos/as, non se cuantificará para estes efectos o alumnado repetidor.

Décimo cuarta. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, as cualificacións das probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación perante a Dirección da EASD Pablo Picasso da Coruña, quen a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a Dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da Xefatura Territorial poñerá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixido á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: sxapere@edu.xunta.gal.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

ANEXO I

Proba para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba de acceso substitutiva do requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música, Deseño, Conservación e Restauración de Bens Culturais e Arte Dramática na Comunidade de Galicia, en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, non teñan superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e cumpran os 18 anos no ano 2019.

3. As persoas inscritas deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición e para a súa realización deberán presentar o día da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As probas realizaranse en Santiago de Compostela, no IES As Fontiñas, rúa de Estocolmo, número 5; o día 17 de xuño, de acordo co seguinte horario:

– 9.00 horas: presentación.

– Das 9.30 ás 10.30 horas: Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Das 10.30 ás 11.30 horas: Lingua Castelá e Literatura.

– Das 12.00 ás 13.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

– Das 13.00 ás 14.00 horas: Filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00 horas: Historia de España.

Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito os exercicios que se propoñan para cada unha das tres materias elixidas.

5. Características da proba:

• Lingua estranxeira: Inglés ou Francés (elixir unha).

Inglés:

A proba consta de 9 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Primeira parte: 8 cuestións tipo test relacionadas cun texto. O candidato ou candidata deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta de cada pregunta tipo test na táboa de solucións ás preguntas.

– Segunda parte: 1 cuestión que exixe unha redacción por parte da persoa candidata.

Puntuación: 1 punto por cada reposta correcta na primeira parte, a puntuación máxima é de 8 puntos. A segunda parte da proba valorarase con 2 puntos máximos. Corresponde co exercicio de redacción.

Francés:

A proba consta de 5 preguntas relacionadas coa temática dun texto e distribuídas da seguinte forma:

– Preguntas 1 á 4: cuestións de resposta breve.

– Pregunta número 5: cinco cuestións tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción entre as tres ofertadas e sinalar a resposta correcta no cadro correspondente na táboa de solucións.

Puntuación: as preguntas 1, 2, 3 e 4 valoraranse con 2 puntos máximo cada unha. A pregunta número 5 valorarase cada epígrafe con 0,40 puntos, ata un total de 2 puntos.

• Lingua Castelá e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (neste exercicio descontaranse 0,125 puntos por cada resposta errada).

• Lingua Galega e Literatura:

A proba consta de 5 exercicios distribuídos da seguinte forma:

– Exercicios 1, 2 e 3: cuestións relacionadas cun texto.

– Exercicio 4: unha cuestión de expresión escrita.

– Exercicio 5: dez cuestións tipo test. Cumprirá elixir unha única resposta correcta para cada pregunta e sinalala na táboa de solucións ás preguntas.

Puntuación: 1 punto por cada pregunta referida ao texto. 2 puntos polo exercicio de redacción. 0,50 puntos por cada pregunta tipo test (descontaranse 0,25 puntos por cada resposta errada).

• Filosofía:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

• Historia de España:

A proba consta de 10 exercicios tipo test. O alumnado deberá elixir unha única opción e sinalar a resposta correcta a cada pregunta tipo test na táboa de solucións ao final do exame.

Puntuación: cada resposta correctamente contestada sumará 1 punto. Cada resposta incorrecta descontará 0,25 puntos.

Non existirá, en ningunha das materias, penalización no caso de non responder as cuestións que, nese caso, serán cualificadas cun 0.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato (Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia).

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A proba de acceso substitutiva do requisito de titulación será cualificada con termos de apto/a e non apto/a.

8. Listaxe de resultados e período de reclamacións.

Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e as que non superaron a proba, o día 18 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 18 e 19 de xuño, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 20 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 26 de xuño, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade con artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba de acceso substitutiva do título de bacharelato para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá validez permanente en todo o territorio nacional.

11. Tribunais das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal cualificador das probas substitutivas do requisito de titulación de bacharelato será nomeado por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

ANEXO II

Probas específicas para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudios das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse na Coruña, na EASD Pablo Picasso, rúa Os Pelamios, nº 2, na Coruña, o día 3 de xullo, de acordo co seguinte horario:

a) Primeira parte: das 11.00 ás 13.00 horas.

b) Segunda parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

– 1º exercicio: das 16.00 ás 18.00 horas.

– 2º exercicio: das 18.00 ás 20.00 horas.

4. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño constará de dúas partes:

a) Primeira parte:

Durante un máximo de dúas horas, a partir dun texto, imaxe e/ou material audiovisual proporcionado polo tribunal, os/as aspirantes deberán facer por escrito un comentario crítico e razoado e responder á/ás cuestión/s que o tribunal lles formule ao respecto.

Nesta parte da proba, o tribunal valorará:

– A comprensión dos conceptos, a utilización da linguaxe, a capacidade de análise e síntese e o nivel expresivo e expositivo amosados.

– A capacidade para desenvolver razoadamente ideas e argumentos.

– O coñecemento dos valores significativos do deseño en xeral no contexto histórico, cultural e socioeconómico.

– A identificación e valoración dos movementos artísticos e intelectuais máis representativos en relación co deseño.

b) Segunda parte. Os/as aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo durante un máximo de catro horas:

– 1º exercicio: debuxo mimético á man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.

– 2º exercicio: debuxo á man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiadas, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.

Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

5. Cualificación da proba específica de acceso. Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais. A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas polo/a aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 puntos.

6. Concluída a proba específica, e antes do día 8 de xullo, o tribunal publicará a listaxe de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e de aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da EASD Pablo Picasso da Coruña, e remitirán a devandita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

7. Os/as aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido na instrución décimo cuarta desta resolución, durante os días 9 e 10 de xullo.

8. O/A director/a da EASD Pablo Picasso deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, e publicará o día 12 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da EASD Pablo Picasso da Coruña, achegando a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal).

9. A comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o día 18 de xullo, a listaxe definitiva de admitidos/as para cada escola e especialidade, por quenda de acceso mediante proba específica e por quenda de acceso directo.

10. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente

Manuel Andrés Soto Gómez

José Juan Díaz Vieites

Vogal 1º

Manuel Fernández González

Antía Salgado Mesa

Vogal 2º

Miguel Ángel Mantilla González

José Manuel Taboada Beato

Vogal 3º

María Vázquez López

Salvador Guinart Rovira

Secretaria

Esther Novo Calles

Beatriz Díaz Ocampo

11. Comisión de admisión aos estudos superiores de Deseño.

Presidenta: María Rosario Ureña Lara.

Secretaria: Esther Novo Calles.

Vogal 1º: Manuel Andrés Soto Gómez.

Vogal 2ª: Esther Muñoz Mella.

Vogal 3º: Santiago Riande Torres.

Vogal 4º: César Taboada Varela.

12. A superación da proba específica a que fai referencia o punto anterior faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para o que fose convocada.