Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2019 Páx. 23869

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 30 de abril e o 9 de maio de 2019, o tribunal nomeado por Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), modificada pola Orde do 12 de marzo de 2019 (DOG núm. 51, do 13 de marzo) e pola Orde do 11 de abril de 2019 (DOG núm. 72, do 12 de abril), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado por Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Revisadas na sesión que tivo lugar o 30 de abril de 2019, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos), e fíxase en 60,33 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria.

Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal o 2 de abril de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións no conxunto de todas as quendas, ata completar o número máximo de 180, sempre que obtivesen un mínimo de 40 respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta), e asignando a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas aínda que se supere o número de aspirantes antes indicado (180).

O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 9 de maio de 2019, e de acordo cos criterios de corrección acordados polo tribunal o 2 de abril de 2019, superaron o primeiro exercicio un total de 186 aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019

Vanessa Cal Ríos
Presidenta do tribunal