Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24037

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019 sobre planificación das autorizacións de instalación de salóns de xogo e tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Adoptado Acordo polo Consello da Xunta en sesión do día 16 de maio de 2019,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no punto quinto, dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 16 de maio de 2019 que a continuación se transcribe:

«De conformidade co artigo 5.1 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, as autoridades competentes que no exercicio das súas respectivas competencias establezan límites ao acceso a unha actividade económica ou ao seu exercicio, de conformidade co previsto no artigo 17 da dita lei, ou exixan o cumprimento de requisitos para o desenvolvemento dunha actividade motivarán a súa necesidade na salvagarda dalgunha razón imperiosa de interese xeral de entre as comprendidas no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Así mesmo, de acordo co artigo 5.2 da dita lei, calquera límite ou requisito establecido conforme o apartado anterior deberá ser proporcionado á razón imperiosa de interese xeral invocada e deberá ser tal que non exista outro medio menos restritivo ou distorsionador para a actividade económica.

Entre os conceptos definidos como razóns de interese xeral no artigo 3.11 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, están comprendidos a orde pública, a saúde pública, a protección dos dereitos, a seguridade e a saúde das persoas consumidoras e das persoas destinatarias de servizos, así como a loita contra a fraude. Algúns destes conceptos están tamén recollidos no artigo 17 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, entre os que poden xustificar a exixencia dunha autorización administrativa.

A actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha intervención por parte da Administración de cara ao establecemento de mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas participantes nos xogos, garantan a protección das persoas menores de idade a daquelas persoas que o precisen por motivos de saúde, e que permitan velar pola orde pública e o desenvolvemento regular dos xogos evitando a fraude. En definitiva, como admitiu o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, as consecuencias prexudiciais que para as persoas consumidoras e para a sociedade no seu conxunto comporta a actividade do xogo xustifica a imposición de límites e de exixencias co fin de controlar os riscos e de acadar os obxectivos fundamentais de prevención da incitación ao gasto excesivo en xogo e de loita contra a adicción ao xogo e contra a fraude.

A especial protección da saúde e a seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, a garantía da orde pública e impedir a fraude na actividade do xogo son, así, razóns imperiosas de interese xeral que xustifican o establecemento de limitacións en materia de xogo, como as relativas á imposición dun réxime de autorización previa para a instalación de establecementos de xogo así como a necesidade dunha planificación que limite o número destas autorizacións de instalación.

Actualmente na Comunidade Autónoma de Galicia existen catro tipos de establecementos de xogo sometidos ao réxime de autorización administrativa para a súa instalación: os casinos, os bingos, os salóns de xogo e as tendas de apostas. No caso dos casinos de xogo, a propia Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, recolle unha planificación no seu artigo 8. E, en relación coas salas de bingo, é no Regulamento do xogo do bingo, aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio, onde se recolle unha planificación que limita a súa instalación. En cambio, no que respecta aos salóns de xogo e ás tendas de apostas non se recolle unha planificación nin na Lei 14/1985, do 23 de outubro, nin nos correspondentes regulamentos, sen prexuízo do establecemento por estes últimos de determinadas limitacións en materia de distancias a outros establecementos ou espazos de xogo e a centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade.

Con motivo dos estudos e dos traballos preparatorios previos para a elaboración dun anteproxecto de lei reguladora dos xogos de Galicia púxose de manifesto a necesidade de recoller no novo texto legal unha planificación dos salóns de xogo e das tendas de apostas consistente no establecemento dunha limitación do número máximo destes establecementos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, nos últimos anos detectase un incremento considerable nas solicitudes de autorización de instalación de salóns de xogo e de tendas de apostas, que pasaron de 54 salóns de xogo en 2013 a 97 salóns en 2018 e de 20 tendas de apostas existentes en 2013 a 41 en 2018, o que, unido á preocupación social existente e ao aumento dos problemas de adicción aos xogos practicados nestes establecementos, xustifica a necesidade de realizar unha planificación que limite o número deste tipo de establecementos de xogo na Comunidade Autónoma, fixando, logo da avaliación da oferta de xogo e das razóns de interese xeral implicadas, un número máximo que permita conseguir os obxectivos invocados de protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude na actividade do xogo a través dunha oferta cuantitativamente moderada.

As ditas razóns imperiosas de interese xeral, en que se basea a regulación proxectada no anteproxecto de lei reguladora dos xogos de Galicia, que iniciará en breve a súa tramitación, están xa presentes na actualidade, polo que, en exercicio da competencia de planificación recoñecida ao Consello da Xunta polo artigo 22.b) da vixente Lei 14/1985, do 23 de outubro, resulta necesario adoptar nestes momentos unha planificación transitoria e provisional co fin de atender sen demora tales razóns de interese xeral e, á vez, evitar que a aplicación da nova normativa legal na materia poida verse frustrada, tendo en conta a posible produción de accións especulativas ao ser factible que, de non adoptarse ningunha medida planificadora nestes momentos, se produza un incremento excesivo da oferta de xogo con produción de graves prexuízos para as razóns imperiosas de interese xeral sobre as que descansa a intervención administrativa en materia de xogo.

Conforme o artigo 25.3.a) da Lei 14/1985, do 23 de outubro, as medidas de planificación deben ser sometidas a informe da Comisión de Xogo de Galicia, en que está representado o sector do xogo. No momento en que a medida de planificación provisional e transitoria prevista neste acordo foi sometida ao dito informe atopábanse en tramitación 21 novos expedientes de instalación de salóns de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, pendentes algúns da obtención do permiso de apertura e outros da propia autorización de instalación. Non constaba nese momento en trámite ningunha solicitude relativa á instalación de tendas de apostas.

Con posterioridade á reunión da Comisión de Xogo consta a presentación electrónica de 14 novas solicitudes, e é probable que o dito número se incremente, o que confirma a necesidade antes apuntada de adopción dunha medida planificadora que evite accións especulativas con produción de graves prexuízos para as razóns imperiosas de interese xeral sobre as que descansa a intervención administrativa en materia de xogo.

Atendida, polo tanto, a oferta de xogo xa existente na Comunidade Autónoma e as solicitudes que se atopaban en tramitación cando a proposta de planificación provisional e transitoria recollida neste acordo foi sometida á Comisión do Xogo de Galicia e, por ende, foi dada a coñecer ao sector, considerando a situación noutras comunidades autónomas onde se está producindo un enorme crecemento da actividade do xogo, e avaliados os riscos do xogo desde a perspectiva da protección da saúde e da seguridade das persoas consumidoras e usuarias dos xogos, de garantía da orde pública e de loita contra a fraude, considérase necesario realizar a aludida planificación provisional e transitoria do número de salóns de xogo e de tendas de apostas. En concreto, a limitación que se establece no presente acordo parte do número de salóns de xogo e tendas de apostas existentes e do respecto ás solicitudes xa presentadas cando a medida de planificación provisional e transitoria contida neste acordo foi sometida a informe da Comisión de Xogo de Galicia e, por ende, foi coñecida polo sector, fixándose o número máximo destes establecementos nun número equivalente, co que se garante unha oferta de xogo respectuosa coas razóns de interese xeral citadas e se consegue tamén a finalidade antes indicada de impedir condutas especulativas, das que son exemplo as solicitudes presentadas tras o coñecemento da medida polo sector a través da Comisión de Xogo de Galicia, que tendan a menoscabar a regulación futura e impedir a eficacia das decisións de planificación que queira adoptar finalmente o lexislador, con grave prexuízo das razóns de interese xeral en que se fundamentan tanto a presente medida de planificación como as que poidan preverse na futura lei.

A dita planificación axústase así aos principios de necesidade e tamén de proporcionalidade. Neste sentido, as limitacións derivadas da planificación recollida neste acordo, ademais de seren as necesarias para atender as razóns de interese xeral en que se fundamenta, terán unha duración temporalmente limitada ata a entrada en vigor da nova lei reguladora dos xogos de Galicia e, en todo caso, ata o prazo máximo de nove meses desde a publicación deste acordo, de non terse producido con anterioridade a entrada en vigor da nova lei. Neste último caso, antes do vencemento do referido prazo de nove meses efectuarase unha avaliación da oferta de xogo existente co fin de determinar a necesidade de adopción dun novo acordo.

Por último, ordénase o inicio do procedemento de elaboración dunha norma regulamentaria que adapte a regulación existente á planificación establecida no presente acordo.

Con base en todo o anterior, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe da Comisión de Xogo de Galicia, e despois da deliberación do Consello da Xunta,

ACÓRDASE:

Primeiro. Planificar o número de autorizacións de instalación de salóns de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, limitándoas a un número máximo de 118.

Segundo. Planificar o número de autorizacións de instalación de tendas de apostas na Comunidade Autónoma de Galicia, limitándoas a un número máximo de 41.

Terceiro. A planificación provisional e transitoria prevista neste acordo terá unha duración máxima de nove meses contados desde a data de publicación deste acordo, e entenderase sen prexuízo do que poida dispor a nova lei de xogo que se recolle neste acordo.

No caso de que, antes do vencemento do referido prazo de nove meses non entrase en vigor a nova lei, efectuarase unha avaliación da oferta de xogo existente co fin de determinar a necesidade de adopción dun novo acordo.

Cuarto. Ordenar o inicio do procedemento de elaboración dunha norma regulamentaria que adapte a regulación existente á planificación establecida no presente acordo.

Quinto. Dispoñer a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior