Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24113

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 3 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL400B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, «Do uso do galego no ensino», establece que «o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos» e que «as autoridades educativas da comunidade autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino».

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, polo que se regula o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no seu artigo 13.3 establece que «os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos a que se refire o punto 2 do mencionado artigo (impartidos en lingua galega e en linguas estranxeiras) terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes».

Pola súa parte, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece no artigo 7.2 que a Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado o 21 de setembro de 2004, define como obxectivo para a área do ensino «garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz».

Así mesmo, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 define as áreas en que se van agrupar as diferentes medidas deste plan. Unha delas, recollida tamén no Plan xeral de normalización da lingua galega, é a área das relacións laborais. Neste marco preténdense deseñar medidas que incrementen o uso do galego en todo o ámbito das relacións laborais e un dos obxectivos é asegurar a presenza da nosa lingua nas carreiras técnicas, no ensino non regrado e na formación profesional; espazo educativo onde a Secretaría Xeral ten detectado unha exigua presenza da lingua galega, polo que cómpre fomentar o seu uso nesta área.

A maiores, no apoio ás persoas con necesidades específicas de apoio educativo non pode estar allea a normalización lingüística e é preciso que o galego estea presente en materiais didácticos curriculares e complementarios que, en función das distintas necesidades, sirva de axuda ao desenvolvemento normal do alumnado nos diferentes niveis de ensino, neste caso, nos niveis non universitarios.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula o réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, o procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

Tendo en conta o devandito marco legal, faise pública esta convocatoria, mediante a cal se pretende fomentar a elaboración e a publicación de recursos didácticos curriculares en lingua galega e favorecer o tecido da industria editorial galega.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) (código de procedemento administrativo PL400B).

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da partida orzamentaria 11.40.151A.470.1, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por unha contía máxima total de 170.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas subvencións as empresas mercantís do sector editorial, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nesta orde e non estean incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde.

Artigo 4. Recursos didácticos subvencionables

1. Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes, realizados en soportes impresos ou dixitais.

A elaboración de material didáctico para a formación regrada de persoas adultas en lingua galega deberá incorporar as directrices do Marco europeo común de referencia para as linguas do Consello de Europa. Este texto pode ser consultado na páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.lingua.gal/recursos/outros/_/publicacions/recurso_0001/marco-europeo-comun-referencia-para-linguas

2. Para os efectos desta norma, considérase recurso didáctico complementario calquera tipo de material educativo que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos contidos nos currículos oficiais das ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, na epígrafe «edición de libros», que acreditarán coa copia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Os materiais ou proxectos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e nas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que, cando menos, o 60 % da proposta se realice en lingua galega e en cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, única lingua que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, e de 500 os editados en soporte dixital ou audiovisual. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito, e de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

– Os materiais terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e a referencia do depósito legal definitivo. As obras en formato electrónico ou noutros soportes análogos ou similares acreditarán a existencia do depósito legal segundo o indicado na normativa reguladora do depósito legal, Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal e Real decreto 635/2015, de 10 de xullo, polo que se regula o depósito legal das publicacións en liña. O depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2017. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

Artigo 6. Exclusións

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, mesmo cumprindo os requisitos exixidos no artigo precedente, os seguintes recursos:

1. A edición de material didáctico para o nivel universitario.

2. Libros de creación literaria, dicionarios e enciclopedias.

3. Os libros de bibliófila/o.

4. As publicacións de difusión gratuíta.

5. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre as súas persoas subscritoras.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. Os proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato en que se presenten.

CAPÍTULO II

Da convocatoria pública

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De acordo co artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, respecto das convocatorias de axudas e subvencións, considérase que as persoas físicas beneficiarias desta subvención teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

A presentación de solicitudes rematará no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da persoa xurídica solicitante. DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.

b) Se é o caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación:

1.1. Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, que será:

Se a empresa for unha persoa xurídica, a copia da escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional, e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito for exixible conforme a lexislación que lle fose aplicable.

1.2. Xustificación da representación con que actúa a persoa asinante da solicitude:

Cando a persoa asinante da solicitude actúe no nome dunha persoa xurídica, a copia dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a antedita representación ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

1.3. Copia do último recibo do imposto de actividades económicas onde consta que a empresa editorial dispón dunha sede na Comunidade Autónoma galega na epígrafe de «edición de libros».

1.4. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, coa persoa autora ou tradutora da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

1.5. Un exemplar completo da maqueta definitiva das obras para as que se solicita subvención, ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos ou soportes informáticos, recursos multimedia ou electrónicos.

1.6. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título e nas publicacións electrónicas, a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. Deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2017. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

1.7. Unha certificación da persoa que posúa a condición de editora pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2019 como data límite (anexo III).

1.8. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no cal, ademais, deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevé comercializar.

1.9. Deberá achegarse unha descrición da obra para a cal se solicita a subvención (anexo II).

1.10. Unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporalización da edición e as persoas destinatarias.

1.11. De acordo co artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, declaración do conxunto de todas as axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, suxeitas ao citado regulamento ou a outros regulamentos de minimis, incluída no anexo I.

2. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico e que se precisen para desenvolver o currículo. Por tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

3. Así mesmo, cando unha empresa editorial presente varias solicitudes da mesma obra ou publicación, en distintos soportes e/ou formatos, considerarase como un proxecto global e concederáselles unha única subvención, que determinará a aplicación dos criterios de valoración e concesión, ao conxunto de todos os formatos ou soportes en que se achegue a obra subvencionable.

4. A documentación especificada nos puntos 1.1 a 1.3 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

5. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos recursos didácticos curriculares e complementarios subvencionables no modelo de solicitude que figura como anexo I, xunto coa documentación e no prazo establecido, e achegar os documentos correspondentes aos puntos 1.4 a 1.10 por cada un deles.

6. Desestimaranse as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

9. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

10. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

11. Se a solicitude non reúne os datos de identificación ou algún dos previstos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirase a entidade ou a persoa solicitante, de conformidade co establecido no artigo 68 da dita lei, para que nun prazo de 10 días emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III

Da instrución do procedemento

Artigo 12. Instrución do procedemento

O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no articulado básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos desta convocatoria serán analizadas pola comisión de valoración que se creará para tal fin, segundo os criterios de valoración e concesión establecidos no artigo seguinte.

2. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, que poderá delegar nunha persoa coa condición de persoal funcionario da secretaría xeral.

Secretario/a: un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con voz pero sen voto.

Vogais:

– Unha persoa experta en didáctica proposta pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

– Unha persoa técnica con amplos coñecementos no eido da edición en galego, proposta pola Asociación Galega de Editores.

– Dúas persoas coa condición de persoal funcionario ou técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As persoas vogais e o/a secretario/a serán nomeados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. A comisión de valoración ten atribuídas as seguintes funcións:

– Informar e valorar as solicitudes, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria. Para isto, poderán contar cos informes técnicos dunha comisión de persoas expertas en deseños curriculares nomeada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Emitir informe relativo á adxudicación das subvencións.

4. A comisión quedará validamente constituída coa presenza do/da presidente/a, do/da secretario/a e da metade dos seus membros, conforme o establecido no artigo 17.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e no artigo 19.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

No non previsto nesta convocatoria o funcionamento desta comisión axustarase ao réxime establecido no capítulo II do título preliminar, sección 3ª da devandita Lei 40/2015 e no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010.

O funcionamento desta comisión axustarase ao réxime establecido na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da devandita Lei 40/2015 e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 14. Criterios de concesión e valoración das propostas

1. Consideraranse criterios de concesión da subvención os seguintes:

a) Calidade da obra:

1. Adaptación dos materiais ao currículo oficial establecido. Valoraranse a coherencia da proposta curricular, considerando a relación entre os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe, os contidos e o desenvolvemento das competencias clave, de 0 a 35 puntos.

2. Tipo de actividades. Valorarase de 0 a 10 puntos a súa adecuación á diversidade de aptitudes e intereses do alumnado, e que promovan a adquisición das competencias, a investigación, o traballo de grupo, a lectura comprensiva e mais a reflexión crítica, a iniciativa e a creatividade, así como a adquisición de hábitos intelectuais.

A obtención de 0 puntos en calquera das epígrafes 1 e 2 anteriores impedirá continuar o procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

3. Motivación. Valorarase de 0 a 5 puntos se o material ten en consideración os intereses do alumnado galego, as súas ideas previas, a súa idade; se é atractivo visualmente e se propón formas variadas e orixinais de introducir as unidades e os contidos a elas asociados.

Os proxectos que correspondan a material complementario deberán acadar 5 ou máis puntos na epígrafe 2, e un mínimo de 3 no punto 3, para ser susceptibles de ser subvencionados.

4. Tratamento dos valores democráticos. Valorarase de 0 a 5 puntos, se de maneira transversal aos obxectivos, competencias e contidos abordados, o material promove a igualdade, tolerancia, solidariedade e xustiza, a resolución pacífica de conflitos, a convivencia, os hábitos saudables, a sensibilidade cara á protección do medio natural, entre outros valores de similar natureza.

5. Adecuación da linguaxe ao nivel académico do alumnado. Valorarase de 0 a 5 puntos.

6. Adecuación á realidade cultural e social de Galicia. Valorarase de 0 a 15 puntos que o material proxecte unha imaxe de Galicia de comunidade con pasado, con presente e con futuro, rural e urbana e non se restrinxa a aspectos folclóricos ou costumistas.

7. Calidade lingüística. Valoraranse de 0 a 15 puntos os seguintes aspectos: a redacción e coherencia dos textos, a ausencia de castelanismos e de formas verbais incorrectas e a correcta colocación dos pronomes.

Unha puntuación inferior a 8 puntos na epígrafe 7 suporá que quedará excluído do procedemento de valoración para os efectos de concesión desta subvención.

b) Orixinalidade da obra:

1. Obras de creación propia. Valoraranse con 10 puntos.

2. Obras de refundición ou adaptación. Valoraranse con 5 puntos.

3. Tradución. Valoraranse con 3 puntos.

c) Os materiais curriculares destinados á Formación Profesional Específica –estudos conducentes á obtención dun título de ciclo formativo de grao medio ou superior– obterán un incremento final da puntuación global dun 20 % sobre a puntuación acadada, unha vez aplicados os criterios a) e b) establecidos neste artigo.

d) Os materiais curriculares destinados ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán, así mesmo, un incremento de puntuación global do 20 % sobre a puntuación acadada, unha vez aplicados os criterios a) e b) establecidos neste artigo.

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

As obras comprendidas no punto 2 da alínea b) anterior terán que incorporar contidos relacionados coa realidade social e cultural de Galicia. Para estes efectos, consideraranse adaptación todas aquelas modificacións do texto orixinal para adecualas ás particularidades sociais, culturais, económicas, históricas, políticas, xeográficas, deportivas, etc. de Galicia.

Para ser obxecto de subvención será preciso acadar unha puntuación global mínima do 50 % do resultado da suma das alíneas a) e b).

A puntuación que se asigne a cada proxecto obterase coa aplicación proporcional, dos tramos do baremo anteriormente descrito, do cal resultará que cada unha das subvencións propostas se determinará establecendo a proporción entre os puntos conseguidos e a dotación económica total da convocatoria.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. A comisión de valoración realizará un informe coa relación de entidades ou persoas solicitantes, especificando a súa puntuación de acordo cos criterios establecidos na convocatoria. Así mesmo, o órgano instrutor do procedemento formulará o correspondente informe-proposta de concesión das subvencións e a súa contía que, xunto co informe da comisión, elevará á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quen resolverá, por delegación da persoa titular da Consellaría de Cultura e Turismo, segundo o establecido na disposición adicional primeira da Orde do 21 de marzo de 2019, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección desta consellería (DOG núm. 63, do 1 de abril).

2. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificarase ás persoas interesadas propostas como beneficiarias. Segundo dispón o artigo 6.1 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, na citada resolución comunicarase á persoa beneficiaria o importe da axuda (expresado como o seu equivalente de subvención bruta), e o seu carácter de minimis.

Artigo 16. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días naturais para non aceptala, e transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

CAPÍTULO IV

Terminación do procedemento

Artigo 17. Resolución

1. O prazo máximo para a resolución de concesión non poderá exceder os cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e en calquera momento para o caso de desestimación presunta, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo previsto legalmente.

3. Transcorrido o prazo máximo para resolver o procedemento, entenderase que a concesión da subvención é desestimatoria e, por tanto, o silencio administrativo terá carácter negativo.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias e xustificación de custos

1. O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2019.

2. Co límite da dita data, as entidades e persoas beneficiarias das axudas deberán remitir á Secretaría Xeral de Política Lingüística a seguinte documentación:

2.1. Un exemplar da obra editada.

2.2. Unha certificación da tiraxe, expedida pola persoa editora ou representante da editorial ou, se é o caso, pola empresa que realice os traballos de impresión. No caso dos formatos electrónicos, tendo en conta que non sempre contan con soporte tanxible, esta certificación expresará o número de licenzas que se comercializaron ou que se espera comercializar, se as houber.

2.3. Acreditación da existencia do correspondente depósito legal. Para estes efectos, abondará cunha certificación emitida polo impresor ou, se é o caso, por quen represente legalmente a empresa, en que se exprese a posesión do depósito legal definitivo. No caso das obras que xa se presentaron editadas a esta convocatoria non se precisa xustificar este aspecto, por telo acreditado coa documentación que achegaron coa solicitude.

Así mesmo, cos materiais que non dispoñen de depósito legal, polas súas características, acreditarase que a data de obtención do ISBN definitivo é posterior ao 31 de decembro de 2017, agás que xa se tivese xustificado na fase da solicitude.

2.4. Anexo IV: declaracións complementarias do conxunto das axudas, incluídas as de minimis.

2.5. Os xustificantes dos gastos e pagamentos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión, e nos termos expresados na proposta presentada, xunto a unha relación detallada e numerada destes, por un importe mínimo equivalente ao da subvención concedida (excluído o IVE).

Os gastos e pagamentos xustificaranse con copia das facturas en formato electrónico admisible legalmente e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Así mesmo, para os efectos da súa consideración como subvencionable, estimarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o pagamento se realice mediante banca electrónica, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado electronicamente pola persoa representante da empresa beneficiaria das subvencións.

En concepto de nóminas e Seguridade Social só se admitirá un máximo do 30% do total da contía da subvención concedida, para o cal haberá que achegar, ademais das nóminas correspondentes, unha certificación en que se faga constar expresamente a parte proporcional que se dedicou á realización da obra, en tempo e en custo. No caso das publicacións electrónicas a porcentaxe citada poderá chegar ao 100 % do importe da subvención.

3. As persoas beneficiarias quedarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; pola a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; polo Tribunal de Contas e/ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Nas publicacións subvencionadas constará o carácter público do financiamento da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados polo Manual de identidade corporativa que poderán consultar no seguinte enderezo: www.xunta.gal/inicio-identidade-corporativa. O texto que se incluirá deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Cultura e Turismo. Secretaría Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 19. Pagamento

1. A subvención concedida aboarase mediante un pagamento único unha vez que se achegue a xustificación correcta.

2. Se o importe xustificado for inferior ao da subvención concedida, esta minorarase porcentualmente.

3. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade e a tiraxe definitiva certificada non concordaren co inicialmente declarado na solicitude.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) núm. 1407/2013 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013), deberase garantir que no caso de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e con independencia de que a axuda concedida polo Estado membro estea financiada total ou parcialmente mediante recursos da Unión Europea. O período dos tres exercicios fiscais determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

Así pois, as persoas beneficiarias deberán comunicar calquera axuda obtida baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

5. Esta subvención é compatible con calquera outra axuda para o mesmo proxecto co límite do 100 % do investimento. No caso de que se lle conceda outra subvención para o mesmo proxecto no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración autonómica. A este respecto, é de aplicación o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o importe da subvención se minorará cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

Artigo 20. Perda da subvención

Calquera alteración dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste suposto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, de conformidade co previsto no artigo 95 da Lei 39/2015, acordará, así mesmo, o arquivamento das actuacións e a caducidade do procedemento.

Disposiciones adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a súa actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Comisión de valoración

Se cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha ou algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituída/o pola persoa que para o efecto designe o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No entanto, no caso de recorrer potestativamente en reposición, non se produza interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file