Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24459

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de maio de 2019 pola que se declara de utilidade pública a Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias.

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto recolle unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.

En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002, sinala que, por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas asociacións en que concorran determinados requisitos, que, en esencia, consisten en que os seus fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo aos fondos públicos, que conten con medios axeitados e organización idónea para o cumprimento dos fins e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas e en funcionamento durante os dous anos anteriores á solicitude.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte competente por razón do rexistro en que estea inscrita a asociación solicitante.

En aplicación desta normativa, e logo de solicitude de declaración de utilidade pública pola entidade interesada, instruíuse o correspondente expediente administrativo pola Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.

Constan no dito expediente as memorias de actividades e demais documentos de obrigada achega pola interesada, así como os informes dos departamentos e organismos competentes e, sinaladamente, o preceptivo informe favorable do Ministerio de Facenda.

Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.

Na súa virtude, e ao amparo das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións,

RESOLVO:

– Declarar de utilidade pública a Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias, inscrita no Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia co número 1998/2-2.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza