Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24516

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020.

BDNS (Identif.): 455026.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os concellos de Galicia, mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios locais; asociacións de entidades de economía social, asociacións e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo e da economía social, do emprendemento ou o desenvolvemento económico ou local; e empresas privadas (entidades tractoras) para o programa I e cooperativas ou sociedades laborais de nova creación constituídas como resultado dun laboratorio cooperativo no rural, para o programa II.

Segundo. Obxecto e finalidade

Dinamizar a economía local, identificando oportunidades de negocio no territorio e seleccionando un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica no dito sector a través da constitución dunha cooperativa ou unha sociedade laboral, a través dos seguintes programas:

Programa I, dirixido á dinamización da economía local mediante fórmulas de economía social, a través de entidades mentoras que identifiquen oportunidades de negocio no seu territorio e seleccionen un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica nun determinado sector, ao cal lle impartirán a formación específica necesaria nesa área de actividade, así como asesoramento e acompañamento.

Programa II, dirixido a fomentar e promover o emprendemento colectivo baixo fórmulas de economía social no ámbito da Comunidade Autónoma, concederanse axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais resultantes dos laboratorios cooperativos no rural previstos no programa I.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020 (http://ceei.xunta.gal/).

Cuarto. Contía

O orzamento total ascende a seiscentos mil euros (600.000 €) e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte: programa I: 300.000 € (anualidade 2019) e programa II: 300.000 € (100.000 € para a anualidade 2019 e 200.000 € para a anualidade 2020).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para o programa I, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Para o programa II comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Sexto. Outros datos

Os incentivos a que se refire o programa II desta convocatoria están sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos regulamentos da Comisión (UE) 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014, segundo proceda.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria