Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24520

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 6 de maio de 2019 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual (código de procedemento ED202A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E concretamente no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece, no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece que todos os ciclos de formación profesional básica tamén incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

O Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe, e se establecen as bases da formación profesional dual, pretende crear as bases para a implantación progresiva da formación profesional dual en España, entendida como o conxunto de accións e iniciativas formativas que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas, combinando os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.

Polo exposto, e considerando que a formación práctica tanto no módulo de formación da FCT como na FP dual teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no cal se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover de cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, en empresas doutros países do módulo profesional de formación en centros de traballo ou da FP dual, contribúe á adquisición destas competencias.

No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.

Este ano, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon en marcha o plan de calidade en formación profesional do sistema educativo e o plan de dinamización da FP dual de Galicia que pode ser obxecto de cofinanciamento por parte do Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Fondo Social Europeo, polo que se incorpora a esta convocatoria o alumnado de FP dual que realice formación na empresa.

Tendo en conta a importancia desta formación, e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das actividades que se desenvolven na empresa, correspondentes ao módulo de FCT ou á FP dual, considérase necesario convocar axudas económicas para este alumando.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Convocar axudas económicas para a realización en empresas do módulo profesional de FCT e da FP dual en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento ED202A), nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, Artes Plásticas e Deseño, Ensinanzas Deportivas e programas formativos que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.

2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, de Artes Plásticas e deseño, Ensinanzas Deportivas que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.

Artigo 2. Requisitos

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, Artes Plásticas e Deseño, Ensinanzas Deportivas e programas formativos ou algún ciclo formativo de FP dual.

2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro de 2019.

3. Non poderá ter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O/A solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Documentación

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

– Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

– Declaración do enderezo de residencia durante o período de realización da FCT ou de FP dual, segundo o anexo II desta orde.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correpondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realice a FCT nos períodos outubro 2018-marzo 2019 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2019.

Acollerase a este primeiro prazo o alumnado de FP dual.

O alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2019 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2019, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2019. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2019. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2019 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

3. As solicitudes, xunto co resto dos anexos requiridos, serán facilitados ao alumnado polo centro educativo no cal estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou FP dual. Toda esta documentación se xerará a través da aplicación informática www.edu.xunta.es/fct, polo que os anexos desta orde só serven para efectos informativos.

4. As solicitudes, xunto co resto dos anexos, só se poderán presentar no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo ou a FP dual.

Artigo 6. Orzamento

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 10.20.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un importe máximo de 800.000 € (oitocentos mil euros). 750.000 € (setecentos cincuenta mil euros) do proxecto 2014-00401 e 50.000 € (cincuenta mil euros) do proxecto 2019-00061, financiadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional de conformidade coa normativa nacional vixente e, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do obxectivo temático número 10. «Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e un aprendizaxe permanente». Esta contía poderase incrementar na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2019, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a contía total da suma das solicitudes supera o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todas as persoas solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Reservarase un 85 % do orzamento para o primeiro prazo, un 15 % para o segundo e será acumulable o orzamento excedente do primeiro período para o segundo.

Artigo 7. Contía da axuda e número de xornadas

1. Contía da axuda.

a) Alumnado que realice a FCT ou a FP dual dentro do territorio español.

a.1) Na Comunidade Autónoma:

Ata un máximo de 300 € cando se cumpran as seguintes condicións:

• O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo.

• O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello de residencia do/a alumno/a durante o período de realización da FCT ou da FP dual.

A contía que percibirá o alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

a.2) Fóra da Comunidade Autónoma.

Percibirán unha cantidade fixa de 200€ aínda que realicen a FCT ou a FP dual en varios centros de traballo.

b) Alumnado que realice a FCT ou a FP dual fóra do territorio español.

b.1) Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía

120 €

72 €

Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa

180 €

120 €

Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Suecia

240 €

150 €

b.2) Non integrados na Unión Europea:

País

Contía base

Contía por semana

Europeos

180 €

120 €

Doutros continentes

240 €

150 €

A contía base é para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro.

2. Número de xornadas.

O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será do 80 % das correspondentes a cada ensino.

O límite máximo de xornadas obterase dividindo entre oito o número de horas do módulo de FCT e, no caso da FP dual, o número de xornadas de permanencia na empresa.

Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo 14, letra f), da Orde do 28 de febreiro de 2007, o máximo de xornadas será o correspondente ás do ensino que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e non complete o número total de horas do módulo de FCT do ciclo formativo correspondente deberá completar as restantes horas dentro do territorio español con anterioridade ou posterioridade.

Non terá dereito á axuda convocada nesta orde:

– O alumnado de FP dual en cuxos proxectos se inclúan axudas por desprazamento e aloxamento.

– O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida unha axuda Erasmus + KA102, Fundación Paidea, ou calquera outra que financie totalmente o período de FCT, polas xornadas realizadas fóra do Estado español.

Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida ou solicitada calquera outra axuda para a mesma finalidade concederánselle o 50 % da axuda correspondente ás xornadas realizadas fóra do Estado español, e a parte proporcional da axuda das xornadas realizadas dentro do territorio español, sempre dentro do límite establecido no artigo 14.

Ao alumnado que realice a FP dual fóra do territorio español concederáselle o 50 % da axuda correspondente ata un máximo de 1.500 €, sempre dentro do límite establecido no artigo 14.

Artigo 8. Documentación que tramitarán os centros

1. Os centros educativos utilizarán, para a xestión destas axudas, a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou da FP dual ou nas instrucións remitidas aos centros.

2. A dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte das persoas solicitantes.

4. Unha vez rematado o prazo de reclamacións, a dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de persoas solicitantes, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.

5. O centro, a través do/da coordinador/a de FCT, unha vez finalizada a estadía do alumnado en centros de traballo, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.

6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou a FCT ou a FP dual, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. Esta certificación será xerada na aplicación informática www.edu.xunta.es/fct unha vez que rematen todas as persoas solicitantes o período de FCT ou de FP dual.

Artigo 9. Arquivamento da documentación

1. O centro arquivará a seguinte documentación en papel como mínimo por un período de 5 anos.

a) Solicitudes orixinais (anexo I).

b) Declaracións de residencia (anexo II).

c) Copia do DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

d) Declaracións responsables complementarias segundo dispón o artigo 12, alínea 2 desta orde (anexo IV), de ser o caso.

e) Certificación de realización das prácticas.

2. No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, a aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo III) deberase asinar e escanear para a súa remisión por correo electrónico a fct@edu.xunta.es, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Adxudicación das axudas

Á vista das certificacións dos centros e do crédito dispoñible, a Dirección Xeral elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Comunicación e publicación das axudas

1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicarase o anuncio da exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Neste caso, a publicación das persoas beneficiarias producirá os mesmos efectos que a notificación, segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As persoas interesadas poderán entender desestimadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12. Pagamento das axudas

1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.

2. A persoa beneficiaria presentará no centro, no momento da finalización da estadía no centro de traballo, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo IV), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería anunciará a exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias con indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a nos centros educativos colaboradores na xestión desta convocatoria de axudas e na Base de datos nacional de subvencións prevista no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Compatibilidade das axudas

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada, sen prexuízo do sinalado no artigo 7.2 desta orde.

Artigo 15. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/as solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedan, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo IV desta orde.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma, reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se detalla na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 18. Modelos normalizados de formularios

Para calquera outro trámite distinto da presentación da solicitude, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ED202A-G.pdf
ED202A-G.pdf
ED202A-G.pdf
ED202A-G.pdf
ED202A-G.pdf