Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 6 de xuño de 2019 Páx. 27493

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2019, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve o procedemento de reavaliación do posto de xefatura de Servizo de Cardioloxía na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Óscar Díaz Castro desempeña o posto de xefe de Servizo de Cardioloxía da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés desde o 4 de novembro de 2013, convocado por Resolución da Xerencia do 4 de xuño de 2013 ao abeiro do sistema de avaliación colexiada establecida no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo) de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño).

Por Resolución do 4 de decembro de 2018, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, convocouse o procedemento de reavaliación do posto de xefatura de Servizo de Cardioloxía na Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

Unha vez realizado o acto público de defensa da actividade realizada e do proxecto técnico para desenvolver nos próximos catro anos, a Comisión Técnica Especializada acordou elevar a esta xerencia proposta desfavorable á continuidade no desempeño deste posto por parte de Óscar Díaz Castro.

Tras a dita avaliación, púxose en coñecemento do interesado a mencionada proposta, outorgándolle, de conformidade co establecido na Orde do 6 de xullo de 2011, un prazo de dez (10) días de audiencia para formular as alegacións e achegar a documentación que considere pertinente.

Dentro do prazo legalmente establecido, o interesado formulou as correspondentes alegacións que, unha vez revisadas e analizadas, foron resoltas pola comisión técnica de avaliación convocada para o efecto, sendo a proposta a seguinte:

«Por todo o exposto, e á vista de que as alegacións realizadas polo interesado non invalidan os motivos que figuran recollidos na proposta inicial desta comisión e que eses motivos son obxectivos, fundamentados e acreditados nas argumentacións expostas tanto na acta primeira como nesta mesma acta, a Comisión mantén o informe desfavorable, tanto no relativo ao informe da actividade realizada como no referente ao proxecto técnico e programa de obxectivos, cuantitativos e cualitativos, para os próximos catro anos...».

Por canto antecede,

O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés con base nas atribucións conferidas no Decreto 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra, que no referido ás funcións de cada órgano directivo –artigo 4– se remite ao Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, e a Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e delegan competencias nos seus órganos directivos, modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012

RESOLVE:

Dispoñer o cesamento de Óscar Díaz Castro como xefe de Servizo de Cardioloxía da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés con efectos do día 15 de maio de 2019.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a Dirección de Recursos Humanos, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 14 de maio de 2019

José Ramón Gómez Fernández
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés