Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 21 de xuño de 2019 Páx. 29667

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de xuño de 2019 pola que se publica a ampliación de crédito da Orde do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2018 e 2019 (código de procedemento TR301V) e se procede á ampliación do prazo de presentación de solicitudes da súa convocatoria.

A Orde do 31 de maio de 2018 (DOG núm. 114, do 15 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019 (código de procedemento TR301V), establece na exposición de motivos que os créditos estimados na orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais e nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 y 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

No artigo 2.5 da devandita orde establécese que se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Con base nese artigo realizouse unha primeira ampliación recollida na Orde do 21 de novembro de 2018 pola que se publica a ampliación de crédito da Orde do 31 de maio de 2018 (DOG núm. 226, do 27 de novembro) e unha segunda ampliación a través da Orde do 20 de maio de 2019 (DOG núm. 102, do 31 de maio).

Así mesmo, no artigo 1.2 establécese que se convocan as referidas subvencións para as accións formativas que se iniciasen no período que vai do 1 de xullo de 2018 ao 30 de xuño de 2019, o que ten como consecuencia que, no número 1 do artigo 16, se fixe que a data límite de presentación de solicitudes fose o 30 de xullo de 2019 para aquelas accións formativas iniciadas entre o 16 de novembro de 2018 e o 30 de xuño de 2019.

Coa finalidade de permitir que o alumnado desempregado que asista ás accións formativas da formación profesional para o emprego financiadas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, poida seguir percibindo as bolsas e axudas recollidas no procedemento TR301V mentres se tramitan as seguintes bases e convocatoria e se adaptan os aplicativos informáticos que permitirán mellorar e axilizar a súa xestión, ademais de conseguir acompasar o período de vixencia das ordes que regulan este procedemento ao período de execución da maior parte das referidas accións formativas (de outubro a setembro), cómpre ampliar o prazo de vixencia da convocatoria recollida na Orde do 31 de maio de 2018, de maneira que ao seu abeiro se poidan solicitar bolsas e axudas ata o 31 de outubro de 2019, referidas a accións formativas que rematen ata o 30 de setembro de 2019.

Como consecuencia da ampliación do prazo, cómpre ampliar tamén o crédito previsto, xa que o sumatorio do importe inicial e das sucesivas ampliacións non se prevé suficiente para o pagamento de todas as bolsas que as persoas beneficiarias poidan solicitar durante o novo período ampliado.

Por todo o exposto, no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o número 2 do artigo 1 da Orde do 31 de maio de 2018, de xeito que a convocatoria das subvencións do procedemento TR301V ao cal se refire, corresponderá ás bolsas e axudas que se soliciten polo alumnado desempregado das accións formativas que se iniciasen desde o 1 de xullo de 2018 ata o 30 de setembro de 2019, ambos incluídos e que cumpra os correspondentes requisitos.

Artigo 2

Modifícase o número 1 do artigo 16 da Orde do 31 de maio de 2018, de maneira que a data límite de presentación de solicitudes se amplía ata o 31 de outubro de 2019, para aquelas accións formativas iniciadas ata o 30 de setembro de 2019, incluído, respectando sempre o prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que tivese lugar o feito causante.

Artigo 3

Amplíase o importe total dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 31 de maio de 2018, nas seguintes contías e aplicación orzamentarias, con créditos incorporados procedentes de fondos finalistas da mesma aplicación e proxecto que o crédito inicial por un importe de 1.500.000 € para o exercicio de 2019.

Ano 2019

Aplicación

Proxecto

Importe

Inicial

09.41.323A.480.0

2013 00545

2.091.812 €

1 ª ampliación

09.41.323A.480.0

2013 00545

2.758.000 €

2ª ampliación

09.41.323A.480.0

2013 00545

4.855.000 €

3ª ampliación

09.41.323A.480.0

2013 00545

1.500.000 €

Total

11.204.812 €

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria