Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 27 de xuño de 2019 Páx. 30457

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario (código de procedemento SA803A).

A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Adscrito á Consellería de Sanidade, baixo a súa dirección, vixilancia e tutela, configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. A súa estrutura orgánica regúlase actualmente no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os seus fins e funcións no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 53 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a atención sociosanitaria configúrana o conxunto de coidados sanitarios e aqueloutros que lle correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados ás persoas enfermas xeralmente crónicas que, polas súas especiais características, poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, no seu artigo 136, establece que a atención sociosanitaria deberá cubrir as necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. Do mesmo xeito, o citado artigo encomenda á Consellería de Sanidade o fomento de actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras en que a cooperación entre o sistema sanitario e o sistema de servizos sociais comporte vantaxes sociais e asistenciais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Do mesmo xeito, a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial é a unidade encargada de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, entre elas, as entidades sen ánimo de lucro, na xestión de programas de carácter sociosanitario.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia recolle a posibilidade de establecer programas específicos para o tratamento de situacións que presenten unha alta incidencia no territorio ou unha gran relevancia sociosanitaria, como é o caso do alcoholismo.

Tendo en conta estas premisas e a importancia actual do tecido asociativo galego no desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario, considérase de interese prioritario o establecemento dunha liña de axudas orientadas a apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados a colectivos de persoas afectadas por alcoholismo e ludopatía, así como persoas dependentes e afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema e enfermidades neurodexenerativas, e que precisen coidados e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

Para favorecer a continuidade dos programas subvencionados ao abeiro desta orde considérase necesaria unha temporización bianual.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; polo Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2019 e entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2020. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adiccións sen substancia, ludopatía, por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema e enfermidades neurodexenerativas.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA803A para este procedemento administrativo.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema e enfermidades neurodexenerativas.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa Comunidade Autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet ou outras fontes de información acordadas no seo do Sistema Nacional de Saúde.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.

No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para a realización do programa. A dirección e coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, este persoal será o seu responsable.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Programas subvencionables

Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.

Os programas subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:

Liña A: programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

a) Ludopatía: programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.

b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

1º. Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.

2º. Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

Liña B: programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema e enfermidades neurodexenerativas:

a) Programas de rehabilitación fisioterapeútica.

b) Programas de rehabilitación logopédica.

c) Programas de rehabilitación cognitiva.

d) Programas de terapia ocupacional.

e) Programas de apoio psicolóxico.

2. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2019 e entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2020. Tratarase, en todo caso, dun mesmo programa executado tanto no 2019 coma no 2020.

3. As entidades só poderán concorrer á liña A ou á liña B e solicitar axuda para un único programa.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Consideraranse como gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios, en particular:

a) Os gastos do persoal laboral cualificado e acreditado da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa.

Soamente será considerado gasto subvencionable de persoal aquel que figure no anexo III.

Como máximo será subvencionable, como retribución económica, en cada categoría profesional, a cantidade equivalente segundo a Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, referida ao persoal laboral. Imputaranse de forma proporcional as horas que a persoa traballadora dedica ao dito programa.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social segundo a seguinte táboa salarial, referidas a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas:

Grupo I

31.619,06 €

Grupo II

25.295,45 €

Grupo III

22.133,14 €

Grupo IV

18.970,83 €

Grupo V

15.809,53 €

Grupo VI

12.647,22 €

Grupo VII

10.539,35 €

Para xornadas inferiores ás corenta horas, realizarase o cálculo proporcional.

b) As axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 por 100 do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

c) Os gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 15 por 100 do importe total subvencionable do programa.

d) Os outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

e) Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais, e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

2. Consideraranse gastos pagados os realizados desde a data de inicio do programa no 2019 ata o 31 de outubro de 2019 e desde a data de inicio do programa no 2020 ata o 31 de outubro de 2020, e efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación (31 de outubro de 2019 e 31 de outubro de 2020, respectivamente). Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, a entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre dos anos 2019 e 2020.

3. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrante das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos resolveraas a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. As federacións que reciban subvención non poderán xustificar os gastos do programa a través de calquera outra entidade que reciba axuda mediante esta orde.

Artigo 5. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiras persoas a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Aplicarase o que dispoñen os artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A entidade beneficiaria poderá subcontratar ata o 50 % da contía total concedida e en ningún caso concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

Artigo 6. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades e contía

1. Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de catrocentos setenta e oito mil euros (478.000 €), que se distribuirán do seguinte xeito:

a) Para o ano 2019 asignarase un importe de dous centos trinta e nove mil euros (239.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.21 e co código de proxecto 201400027 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019:

Liña A: 119.500 €.

Liña B: 119.500 €.

b) Para o ano 2020 asignarase un importe de dous centos trinta e nove mil euros (239.000 €)con cargo á aplicación 5001.413A.481.21 e co código de proxecto 201400027 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020:

Liña A: 119.500 €.

Liña B: 119.500 €.

A efectividade da asignación aos proxectos seleccionados dos importes das subvencións para o ano 2020 queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano.

2. O crédito previsto no punto anterior deste artigo poderá ser ampliado nos supostos e condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria. Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

En todo caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución desta convocatoria de subvencións.

3. Subvencionaranse os 15 primeiros programas de cada unha das liñas que acaden a puntuación mínima establecida no artigo 14.1.b), de acordo coa orde de prelación establecida.

Se dentro dunha mesma liña non se esgota o crédito dispoñible para esta, o crédito sobrante poderase destinar para o financiamento dos programas das entidades que se atopen en reserva segundo a orde de prelación establecida. Se aínda así queda crédito sen asignar nunha das liñas, este poderase destinar á outra liña de axuda seguindo o criterio anteriormente establecido.

4. As subvencións que reciban as entidades en virtude desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

5. O importe da axuda para o programa subvencionado será, como máximo, de 20.000 €. De acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe das subvencións outorgadas non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos nacionais ou internacionais, supere o custo total das actividades subvencionadas que desenvolverá a entidade beneficiaria.

6. A contía solicitada non poderá superar os 20.000 € nin ser inferior a 4.000 €.

7. A obtención doutras axudas deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial no momento da súa concesión.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) A copia da escritura de constitución.

c) Os estatutos da entidade.

d) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2018.

e) A memoria técnica do proxecto asinada electronicamente cos seguintes puntos:

1º. Denominación do programa.

2º. Cronograma detallado das datas e horario previstos.

3º. Número de horas do programa.

4º. Número de persoas beneficiarias do programa.

5º. Fundamentación teórica e pertinencia do programa.

6º. Descrición dos criterios de inclusión no programa. Deberase indicar cales son os criterios que deben cumprir as persoas potencialmente beneficiarias para poder formar parte do programa e cal é o procedemento a seguir no caso de que o número de persoas solicitantes para formar parte deste sexa superior ao número de prazas dispoñibles.

7º. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa.

8º. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa.

9º. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos. Enténdese por indicador de proceso aquel que permita avaliar a realización dunha actividade independentemente do resultado e por indicador de resultado, o que avalía o grao en que a actividade acadou os obxectivos propostos. Estes indicadores deberán coincidir cos que se acheguen no informe de resultados final (artigo 17.4).

10º. Innovación. Indicarase a incorporación de novas tecnoloxías ou de novos sistemas de xestión ou organización que proporcionen valor ao programa. Cobertura de necesidades emerxentes ou non cubertas polos recursos públicos.

f) O anexo III, asinado electronicamente, cos seguintes puntos:

f.1) Os recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).

f.2) Os medios materiais con que conta a entidade para a realización do programa.

f.3) A valoración económica do programa e desagregación dos custos previstos para a súa realización.

f.4) O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.

f.5) A indicación de se o programa se desenvolve nun área de dispersión xeográfica.

f.6) Lingua en que se desenvolverán as actividades.

g) O anexo IV asinado electronicamente.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento (código DIR GE0011027), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que poderá solicitar da entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) O NIF da entidade solicitante.

b) O DNI/NIE da persoa representante.

c) A titulación universitaria de licenciado ou o grao e/ou título oficial non universitario das persoas participantes no desenvolvemento do programa.

d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) O certificado de débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) O certificado de débedas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

g) O certificado de estar inscrito no rexistro administrativo competente

h) A consulta de concesións e subvencións de axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e IV).

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na normativa que regula a Base de datos nacional de subvencións, transmitirase a esta a información que require a dita normativa, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

2. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

3. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

4. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 13. Procedemento, instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, corrixa a falta, realice as aclaracións ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas solicitados e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos programas presentados. Esta comisión estará integrada polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial ou a persoa en que delegue, que exercerá a presidencia e terá voto de calidade en caso de haber empate na obtención de acordos.

b) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Sociosanitaria ou persoa en que delegue.

c) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias ou persoa en que delegue.

d) Dúas persoas de entre o persoal técnico da devandita subdirección, unha delas asumirá a secretaría, ou persoas en que deleguen.

e) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Económica ou persoa en que delegue.

Por proposta da presidencia do devandito órgano, poderase solicitar o asesoramento de persoas expertas externas con competencia nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, considerarase independente aquela persoa en que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Na Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 14. Criterios de valoración das solicitudes

1. Para a valoración dos diferentes puntos deste artigo só se terán en conta os que estean debidamente xustificados. A Comisión de Valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

a) Valoración da entidade solicitante (0-30 puntos):

1º. O grao de implantación da entidade. Valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade (máximo 4 puntos):

Federación de ámbito autonómico: 4 puntos.

Asociación integrada nunha federación de ámbito autonómico: 2 puntos.

2º. A antigüidade da entidade. Outorgarase 1 punto por cada dous anos transcorridos desde a data de creación da entidade (máximo 5 puntos).

Para os efectos do cómputo tomarase como referencia a data que figure nos estatutos da entidade ou na documentación de constitución correspondente.

3º. A experiencia da entidade solicitante na realización de actividades ou en programas relacionados coa tipoloxía de axuda a que se presente (máximo 5 puntos).

Outorgarase 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de organismos públicos, sempre que esa axuda fose para actividades ou programas relacionados co tipo de axudas obxecto desta orde. Se no mesmo ano se reciben varias axudas, só se computará unha delas. Para a súa comprobación deberán presentar copia acreditativa da concesión da subvención ou referencia do diario oficial en que se publicou a dita concesión.

4º. A calidade na xestión da entidade, mediante o desenvolvemento, a implantación e o mantemento de sistemas de xestión de calidade recoñecidos, debidamente acreditados e actualizados mediante premios ou recoñecementos de calidade (3 puntos).

5º. O grao de dedicación da entidade aos colectivos a que se dirixen os programas obxecto de subvención.

Dedicación exclusiva á atención en alcoholismo, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema e enfermidades neurodexenerativas: 4 puntos.

6º. A participación social e voluntariado (máximo de 3 puntos): valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de persoas voluntarias coas que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde.

7º. A adecuación de recursos humanos (máximo de 6 puntos): valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme aos seguintes criterios:

7º.a) A proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade:

Ata o 50 %: 0,5 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

7º.b) A proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

Máis do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

7º.c) O emprego de persoas perceptoras da Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada como mínimo unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratado cando menos a unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

7º.d) O emprego de mulleres vítima de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratado cando menos unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

7º.e) O emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo con criterios seguintes:

Máis do 10 % e ata o 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de persoas empregadas maiores de 45 anos realizadas por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

7º.f) A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan entre outras medidas o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Valoración dos programas (0-70 puntos):

1º. O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa (entendendo como tal o lugar onde se desenvolven as actividades, non a procedencia das persoas beneficiarias), conforme a seguinte escala: (máximo 6 puntos):

Dous concellos: 1 punto.

Tres concellos: 2 puntos.

Catro concellos: 3 puntos.

Cinco concellos: 4 puntos.

Máis de cinco concellos: 5 puntos.

Dispersión xeográfica: no caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgarase 1 punto.

2º. O ámbito de actuación destinado exclusivamente a determinados colectivos: persoas mozas ou adolescentes, mulleres ou colectivos en risco de exclusión (4 puntos).

3º. O contido e calidade do programa (máximo 60 puntos): para garantir un mínimo de calidade dos programas, todos eles deberán superar unha puntuación mínima de 30 puntos nesta epígrafe:

3º.a) A descrición do programa (máximo 10 puntos):

O cronograma detallado das datas e do horario previstos (máximo 1 punto).

A adecuación dos medios materiais e dos recursos humanos (máximo 2 puntos).

O número de horas do programa (máximo 2 puntos).

O número de persoas beneficiarias do programa (máximo 2 puntos).

A innovación. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor ao programa (máximo 3 puntos).

3º.b) A fundamentación teórica e pertinencia do programa (máximo 10 puntos).

3º.c) A descrición dos criterios de inclusión no programa (máximo 10 puntos).

3º.d) Os obxectivos xerais e específicos definidos para o programa (máximo 10 puntos).

3º.e) A proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa. Avaliaranse os protocolos de traballo previstos para a consecución dos obxectivos e o nivel de detalle da metodoloxía (máximo 10 puntos).

3º.f) A adecuación da proposta de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa (máximo 10 puntos).

2. As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, conforme o procedemento que se recolle neste número. Avaliaranse inicialmente os criterios correspondentes á capacidade técnica da entidade. Seguidamente, realizarase a valoración individual de cada programa, o cal deberá obter a puntuación mínima exixida. Esta última puntuación sumarase, por separado, á puntuación obtida pola entidade na fase de valoración da súa capacidade técnica.

Como resultado obteranse dúas listaxes ordenadas de maior a menor, incluíndo a quenda de reservas, unha por cada unha das liñas de axuda previstas.

O crédito global de cada liña ratearase entre as 15 primeiras entidades de cada liña segundo a orde de prelación establecida, sen prexuízo do que establece o artigo 6.3. O rateo realizarase en proporción á puntuación total obtida e o importe solicitado.

3. Se dúas ou máis entidades obtivesen unha puntuación igual e, por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo do número de axudas recollido no número anterior, non puidesen recibir axuda todas elas, a preferencia para a obtención da correspondente subvención seguirá os seguintes criterios e pola seguinte orde:

a) Maior puntuación na valoración do programa (artigo 14.1.b).

b) Maior puntuación acadada na epígrafe do contido e calidade do programa (artigo 14.1.b), parágrafo terceiro).

c) Valoración da entidade (artigo 14.1.a).

d) Uso da lingua galega para desenvolver as actividades do programa.

4. O importe da subvención adxudicada será proporcional á puntuación total obtida tras a valoración dos criterios, asegurando en todo caso un importe mínimo suficiente para garantir o desenvolvemento do programa en condicións de eficacia e calidade.

5. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial poderá realizar os axustes que considere axeitados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

6. Se de conformidade co artigo 15.7 unha entidade beneficiaria renuncia á axuda destinada ao programa e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 6.1 ou do límite máximo de número de axudas recollido no número 2 deste artigo quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación establecida tal como se recolle neste artigo, incluída a quenda de reservas.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e da Presidencia do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

9. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión que será notificada á entidade beneficiaria nos termos previstos no número 3 deste artigo.

Artigo 16. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, e sen non o é, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben seren impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado, desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 17. Pagamento e xustificación

1. Os pagamentos correspondentes realizaranse de acordo co procedemento de aprobación do gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e faranse efectivos do seguinte xeito:

a) Anualidade 2019:

Primeiro pagamento á conta: a xustificación terá carácter obrigatorio e incluirá a relación de gastos executados desde a data de inicio do programa no 2019 ata o 31 de outubro de 2019, ademais daqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puideron pagar nese prazo (ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación).

Esta xustificación terá como data límite de presentación o 10 de novembro de 2019. O máximo pagamento que se realizará será do 50 % da subvención concedida.

Para obter o 50 % da subvención concedida deberá xustificarse o 50 % do importe orzamentado do proxecto (anexo III).

No caso de xustificar unha contía inferior a ese 50 %, o pagamento do ano 2019 reducirase proporcionalmente ao custo efectivamente xustificado, perdéndose definitivamente o dereito a recibir o pagamento restante que correspondería ao dito ano.

b) Anualidade 2020:

Segundo pagamento á conta: a xustificación terá carácter obrigatorio e incluirá a relación de gastos executados desde a data de inicio do programa no 2020 ata o 31 de outubro de 2020, ademais daqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puideron pagar nese prazo (ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación).

Esta xustificación terá como data límite de presentación o 10 de novembro de 2020. O máximo pagamento que se realizará será do 50 % da subvención concedida.

Para obter o 50 % da subvención concedida deberá xustificarse o 50 % do importe orzamentado do proxecto (anexo III).

No caso de xustificar unha contía inferior a ese 50 %, o pagamento do ano 2020 reducirase proporcionalmente ao custo efectivamente xustificado, perdéndose definitivamente o dereito a recibir o pagamento restante que correspondería á dita anualidade.

2. Os pagamentos anteriores realizaranse unha vez cumprida a finalidade e demais condicións desta orde nos termos que recollen os artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como os artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e xustificados os gastos e pagamentos realizados mediante a seguinte documentación:

a) Os xustificantes dos gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes, onde se faga constar o/a acredor/a e documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto e o importe (segundo o anexo V).

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

b) A certificación expedida polo/a secretario/a ou o/a representante da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento das actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados (segundo o anexo VI).

3. Considéranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 4.

4. A documentación xustificativa dos gastos presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica https://sede.xunta.gal e dirixirase á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, con data límite do 10 de novembro de 2019, no caso da primeira xustificación, e do 10 de novembro de 2020, no caso da segunda. Esta subdirección xeral emitirá unha certificación favorable de ser conforme.

Con data límite do 10 de xaneiro de 2020 as entidades subvencionadas deberán presentar un informe sobre os resultados das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención durante o ano 2019 segundo o anexo VII.

Así mesmo, con data límite do 10 de xaneiro de 2021, as entidades subvencionadas deberán presentar un informe sobre os resultados das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención durante o ano 2020 segundo o anexo VII.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, incluíndo a visita aos centros de desenvolvemento do programa subvencionado, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa. Segundo o establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria deberá dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento do programa subvencionado, nos termos regulamentariamente establecidos. En concreto, deberán manter no espazo dedicado á realización das actividades, de xeito visible, un cartel coa lenda «Proxecto cofinanciado» acompañado do logotipo da Xunta de Galicia e do Servizo Galego de Saúde.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 19, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.

2. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.

b) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.

c) Comunicar, en todo momento, á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares previstos para a realización de cada programa. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.

Artigo 19. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, de ser o caso, da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

2. Malia o recollido no artigo 15, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Respecto do réxime de infraccións e sancións, será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
missing image file
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf
SA803AG.pdf