Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31045

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI400A).

A Xunta de Galicia ten como obxectivo fomentar o acceso á vivenda no seu territorio, velando polo cumprimento do dereito á vivenda de toda a cidadanía, recoñecido no artigo 47 da Constitución española de 1978.

Con esta finalidade promulgouse a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que se dirixe, tal e como proclama a súa exposición de motivos, a garantir o acceso á vivenda a quen realmente o necesita.

A realidade social dos últimos anos puxo de manifesto que un segmento da poboación moza sufriu con maior intensidade o problema do desemprego e tivo maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo e, polo tanto, para acceder a unha vivenda en propiedade.

Por outra banda, o 2 de maio de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas, a cal salienta o papel activo que deben desenvolver os conxuntos históricos como espazos que doten a vila ou a cidade dun valor engadido, formando parte do conxunto da vida cidadá e repercutindo favorablemente no seu desenvolvemento global; de aí que resulte necesario adoptar medidas dirixidas á dinamización e ao asentamento de nova poboación nestes ámbitos.

Neste contexto, mediante esta resolución, o Instituto Galego da Vivenda e Solo establece as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos, coas que se persegue axudar as persoas mozas a afrontar a emancipación e o acceso a unha vivenda en propiedade, así como revitalizar e poñer en valor os devanditos ámbitos.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivenda en centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2019.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda: o conxunto de persoas que habitan e gozan coa persoa beneficiaria dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.

b) Residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e do resto das persoas integrantes da súa unidade de convivencia: o domicilio en que constan empadroados todos eles.

c) Persoa menor de 35 anos: aquela que na data de presentación da solicitude non teña cumpridos os 35 anos.

d) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

e) Familia numerosa: interpretarase de conformidade co artigo 4 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, desenvolvida polo Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro.

f) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destas axudas tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

g) Centros históricos: aqueles ámbitos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos para os efectos das deducións previstas no número 14 do artigo 5 e nos números 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras:

Sexto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM.

Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou se dentro da súa composición existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Ter subscrito na data sinalada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no ordinal segundo g).

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, nos termos que se especifique na correspondente convocatoria, aquelas que tendo presentado unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda, ao abeiro de convocatorias inmediatamente anteriores, lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto.

Sétimo. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas nos municipios da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas en calquera outro municipio.

As axudas terán o límite do 20 % do prezo de venda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda que puidese recibir unha persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando ao importe da axuda que correspondería da adquisición do 100 % da vivenda a porcentaxe de cota adquirida.

Oitavo. Cómputo dos ingresos para acceder ás axudas

Para a determinación dos ingresos da unidade de convivencia da persoa adquirente partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia, relativa ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.

Noveno. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada copropietario/a interesado/a na concesión destas axudas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén poderán presentarse presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude, a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda.

d) Compromiso de ocupar a vivenda no prazo máximo de tres meses, contados desde a súa adquisición.

e) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio español, agás os supostos exceptuados no ordinal sexto 1.g).

i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos.

b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estaren obrigados a presentar a declaración do IRPF, xunta coa seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non seren outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

d) No caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

e) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– De ser o caso, documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia no poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

f) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

g) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que for formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude e a convocatoria prevexa o outorgamento das axudas para estes supostos.

h) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude e a convocatoria prevexa o outorgamento das axudas para estes supostos.

i) Certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no ordinal segundo g).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, o IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a súa acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décimo primeiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo.

Décimo segundo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, cando sexan estranxeiras, de ser o caso.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

f) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

g) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante.

k) Título de familia numerosa, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

l) Certificado acreditativo da discapacidade, no caso de que a persoa solicitante e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia e o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de que deba ser expedido por outra administración pública, deberá achegarse a correspondente documentación.

m) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

n) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da consellería competente en materia de política social da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

ñ) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lles é de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I e II e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de achegar, no prazo que se determine na resolución de convocatoria, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición dunha vivenda que reúna os requisitos establecidos no ordinal sexto 1.c).

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Décimo oitavo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e xunto coa totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Décimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a achega da escritura pública de compravenda que acredite a adquisición da vivenda nos termos establecidos na resolución de concesión.

2. Para o pagamento da subvención será necesario que a persoa beneficiaria achegue a escritura pública de compravenda na cal conste a axuda como parte do pagamento. Así mesmo, a escritura pública deberá incluír unha cláusula en que se recolla a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de destinar a vivenda adquirida a residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contado desde a data da formalización da súa adquisición en escritura pública ou un prazo inferior cando sobreveñan cambios de domicilio por razóns laborais ou cando se allee a vivenda reinvestindo o total do importe obtido co alleamento na adquisición doutra vivenda habitual e permanente que se adecúe ás novas circunstancias familiares da persoa beneficiaria.

Nos casos en que a escritura pública de adquisición fose anterior á data da publicación da convocatoria destas axudas, non se exixirá o sinalado no parágrafo anterior.

Tamén deberán presentar un xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con posterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.

3. A subvención pagarase á/ás persoa/s beneficiaria/s mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I, sen prexuízo do establecido no ordinal vixésimo respecto da cesión do dereito de cobramento da subvención.

Vixésimo. Cesión do dereito de cobramento da subvención

1. A persoa beneficiaria poderá ceder á persoa vendedora da vivenda o seu dereito de cobramento da totalidade do importe da subvención concedida, e deberá presentar, para tal efecto, nos termos previstos para a presentación da documentación complementaria, a seguinte documentación:

– Comunicación da cesión do dereito de cobramento, segundo o modelo que figura como anexo IV desta resolución.

– Documento polo que se formalizou a cesión.

2. Nas cesións do dereito de cobramento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas referidos á persoa ou entidade vendedora:

a) DNI, NIE ou NIF da persoa ou entidade vendedora e, de ser o caso, da súa persoa representante.

b) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa vendedora.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo IV e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS respecto da persoa beneficiaria sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

Vixésimo primeiro. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Destinar a vivenda adquirida a residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos contados desde a data da formalización da súa adquisición en escritura pública. Para estes efectos, as persoas beneficiarias e os restantes membros da súa unidade de convivencia deberán estar empadroados na vivenda desde a citada data. Ese prazo poderá ser inferior cando sobreveñan cambios de domicilio por razóns laborais ou cando se allee a vivenda reinvestindo o total do importe obtido co alleamento na adquisición doutra vivenda habitual e permanente que se adecúe ás novas circunstancias familiares da persoa beneficiaria. Nestes casos, será necesario comunicarlle ao IGVS estas circunstancias no prazo máximo de dous meses, e o IGVS poderá requirirlle a documentación que precise para os efectos de realizar as comprobacións oportunas.

No suposto de vivendas adquiridas mediante escritura pública con anterioridade á data da publicación da correspondente convocatoria, o empadroamento nelas deberá ser realizado, polo menos, desde a data de presentación da correspondente solicitude.

2. Ocupar a vivenda no prazo máximo de tres meses, contados desde a súa adquisición.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

4. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo segundo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención e/ou a adquisición dunha vivenda que non reúna os requisitos exixidos polo ordinal sexto 1.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue outra institución pública ou privada, agás coas axudas para a adquisición de vivenda previstas no Plan estatal de vivenda 2018-2021, regulado no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo).

2. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Vixésimo cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo quinto. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. As persoas beneficiarias deberán subministrar ao IGVS, logo do requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

III. Convocatoria:

Vixésimo sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2019 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Vixésimo sétimo. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe total de 800.000 euros, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo oitavo. Persoas solicitantes das axudas

Poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria as persoas que tivesen subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, nos termos previstos no ordinal sexto.

Vixésimo noveno. Prazo para a xustificación das axudas

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa das subvencións concedidas antes do 29 de novembro de 2019, nos termos establecidos no ordinal décimo noveno.

Trixésimo. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2018. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Trixésimo primeiro. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Trixésimo segundo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file