Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2019 Páx. 31809

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 21 de xuño de 2019 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2019/20 (código de procedemento BS303C).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándoa entre outros ao ámbito da xuventude.

Así mesmo, mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e do desenvolvemento comunitario.

De conformidade co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica de Xunta de Galicia; co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle ao dito órgano da Xunta de Galicia propoñer e executar as políticas de xuventude e voluntariado, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asume o exercicio das ditas competencias e funcións, de conformidade co disposto no artigo 25 do dito Decreto 176/2015, do 3 de decembro.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude, destacando entre eles as instalacións xuvenís, e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

A Consellería de Política Social dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as cales figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e mantenza, ofrecen aos/ás mozos/as estudantes residentes unha serie de servizos e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde coa apertura dunha nova convocatoria para o ano 2019 do procedemento de adxudicación de prazas a persoas colaboradoras bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e proceder á súa convocatoria, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a oferta de prazas para persoas colaboradoras bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2019/20, e establecer as bases para a súa concesión (procedemento BS303C).

2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

6 home/muller

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data do 31 de decembro do ano en curso.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

f) Ter unha renda media familiar que non supere o 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (en adiante, IPREM) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 9.1.b).

2. Ademais, as persoas beneficiarias destas bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Solicitudes, presentación e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.

O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia de todas as follas do libro de familia onde figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

b) Copia do título de familia numerosa cando non fose expedido pola Xunta de Galicia; de ser o caso.

c) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de que non se achegase xa certificado de residencia onde conste este dato.

d) No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a nova situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos para seren tomadas en consideración.

e) A acreditación de ser muller xestante, se é o caso, xustifícase presentando unha certificación médica que acredite o embarazo no momento de presentación da solicitude de axuda.

f) A situación de violencia de xénero, de ser o caso. Esta situación acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) A situación de orfandade: certificado da acta de defunción do/s causante/s falecido/s, copia do libro de familia ou o documento estranxeiro equivalente, certificado literal de nacemento do/da solicitante, se é o caso.

h) Discapacidade: certificado acreditativo do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente, cando os ditos documentos non fosen expedidos na nosa Comunidade Autónoma.

i) Certificación académica: orixinal ou copia na cal figuren as notas correspondentes ao último curso académico en que estivo matriculado ou, se é o caso, da proba de obtención de título. Na certificación deberá constar a nota media.

j) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia xuvenil de acordo coas funcións recollidas nos números 3 e 4 do artigo 13. Este proxecto deberá incluír: obxectivos, metodoloxía, actividades e a temporalización e os custos destas. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade, o centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos/das destinatarios/as.

k) Certificado de monoparentalidade cando non fose expedido en Galicia, se é o caso.

l) Anexo II, comprobación de datos de terceiras persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que deben presentar de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, tanto os indicados no anexo I para o solicitante como no anexo II para os demais membros que compoñen a unidade familiar:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e, se é o caso, do representante e demais membros que compoñen a unidade familiar.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Datos do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Datos do título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado do grao de discapacidade, da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Desemprego. Acreditación da situación legal de desemprego sen prestación económica da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Familia monoparental, certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. No caso de que as persoas interesadas, o/a titor/ra ou representante legal ou os demais membros que compoñen a unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I (solicitude por parte de persoa interesada ou titor/a ou representante legal) e no anexo II (comprobación de datos de terceiras persoas que compoñen a unidade familiar), e achegar os documentos correspondentes.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Publicación e notificación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento, sen prexuízo do recollido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado http://xuventude.net, con carácter complementario.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar tramites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comisións cualificadoras e órgano instrutor

1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

b) Vogalías:

A persoa que exerza a xefatura da Sección de Xuventude e Voluntariado e, no caso de non existir ese posto, unha persoa funcionaria do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Na designación das persoas integrantes da comisión de cualificación procurarase atender ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

A valoración de solicitudes polas distintas comisións seguirá unha interpretación única dos criterios establecidos no artigo 9.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado en cada servizo territorial e levarase a cabo conforme o estipulado no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

a) Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 7 puntos, de conformidade cos seguintes criterios de avaliación:

1º. Obxectivos. Valorarase a definición e coherencia interna dos obxectivos e o sistema de avaliación e seguimento propostos: ata 1,25 puntos.

1º.1. Obxectivos: ata 1 punto.

1º.1.1. Inexistencia de descrición de obxectivos: 0 puntos.

1º.1.2. Descrición básica (obxectivos xerais): 0,50 puntos.

1º.1.3. Descrición correcta (obxectivos xerais e específicos): 1 punto.

1º.2. Sistema de avaliación: ata 0,25 puntos.

1º.2.1. Non se establecen sistemas de avaliación e seguimento ou os previstos son deficientes: 0 puntos.

1º.2.2. O/s sistema/s elixido/s é/son básico/s: 0,10 puntos.

1º.2.3. O/s sistema/s elixido/s é/son destacado/s: 0,25 puntos.

Cando o sistema de avaliación se valore como correcto é porque se entende que resulta adecuado e suficiente para avaliar o grao de consecución dos obxectivos, a adecuada utilización dos recursos e a eficacia do programa.

2º. Metodoloxía: ata 0,25 puntos.

2º.1. Descrición básica: 0,10 puntos.

2º.2. Descrición correcta: 0,25 puntos.

3º. Actividades previstas para a implementación práctica do proxecto, ata 5 puntos tendo en conta:

3º.1. Descrición das actividades: ata 1 punto.

3º.1.1. Descrición básica: 0,25 puntos.

3º.1.2. Descrición correcta: 0,50 puntos.

3º.1.3. Descrición destacada: 1 punto.

3º.2. Tipoloxía de actividades: ata 2,50 puntos.

3º.2.1. Educativas, didácticas: 1 punto.

3º.2.2. Lúdicas: 0,75 puntos.

3º.2.3. Deportivas: 0,50 puntos.

3º.2.4. Outras: 0,25 puntos.

3º.3. Carácter innovador: 0,50 puntos.

3º.4. Recursos que se van empregar: ata 1 punto.

3º.4.1. Descrición imprecisa: 0,25 puntos.

3º.4.2. Descrición detallada: 1 punto.

4º. Temporalización: ata 0,25 puntos.

4º.1. Imprecisión: 0,10 puntos.

4º.2. Precisión: 0,25 puntos.

5º. Custos: ata 0,25 puntos.

5º.1. Descrición imprecisa: 0,10 puntos.

5º.2. Descrición detallada: 0,25 puntos.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro; cadros 392+405 da declaración do imposto da renda das persoas físicas. Tomarase o importe do total dos ingresos da unidade familiar, para o cal se sumarán as rendas do total de membros computables e o resultado dividirase entre o mesmo número para obter así a renda media da unidade familiar.

O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación desta convocatoria.

Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, e sempre e cando cumpran as condicións consideradas no artigo 4.1.d).

A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50 % do IPREM: 10 puntos.

Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 8 puntos.

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 6 puntos.

Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 3 puntos.

c) Situación de familia numerosa:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Orfandade:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

e) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

f) Residencia: por ter a súa residencia familiar en Galicia: 2 puntos.

g) Embarazo: por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

h) Violencia de xénero: persoas vítima de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fose emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 4.1.f): 1 punto.

i) Outras circunstancias sociofamiliares: por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e acreditada adecuadamente no momento de presentar a solicitude: ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

1º. Por ter algún/algunha irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por un/unha único/a proxenitor/a que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outro/a proxenitor/a, non contribúa economicamente ao sustento.

j) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade ou proba de acceso á universidade, terase en conta só a nota media da parte xeral. Cando o curso universitario sobre o cal se fai a media non fose completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base en 60 créditos de que conta o curso universitario segundo o Plan Boloña. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

k) Entrevista persoal. A comisión cualificadora poderá citar as persoas solicitantes para a realización dunha entrevista persoal que se valorará de 1 a 5 puntos.

Puntuarase segundo o seguinte baremo:

1º. Resposta a diferentes situacións que poden xurdir na residencia: ata 1,5 puntos.

2º. Preguntas concretas sobre o desenvolvemento do proxecto presentado (aclaracións...): ata 1,5 puntos.

3º. Motivacións para a solicitude da praza de bolseiro: ata 1 punto.

4º. Análise de aptitudes e actitudes: ata 0,5 puntos.

5º. Preguntas base para ver a súa adaptación á figura de colaborador: ata 0,5 puntos.

l) Desemprego: situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

m) Ter sido residente na mesma residencia para a cal se solicita a bolsa en cursos académicos anteriores: 5 puntos.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daqueles/as residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuaranse os criterios indicados no caso de non completar o curso académico na residencia polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade persoal grave dos/das residentes ou dalgún/dalgunha familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, cos/coas que convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas merecedoras dunha bolsa de Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable da Dirección da residencia, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

2. Para os efectos do disposto neste artigo, considéranse membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante, o pai, a nai ou os/as titores/as legais, e os/as irmáns/irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os/as de maior idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do IPREM.

b) En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

1º. Computarase que a unidade familiar da que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo no número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

2º. Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

c) No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio non se considerará membro computable aquel/aquela que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, tendo que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

d) Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa coa que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as se os tiver. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugamento da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do/da solicitante.

Artigo 10. Dereitos das persoas adxudicatarias

1. As persoas colaboradoras bolseiras, como residentes, poderán facer uso dos servizos de aloxamento e mantenza, aula de estudo-biblioteca, salas de xogos, televisión e vídeo, e das actividades culturais e deportivas que se desenvolvan na residencia.

2. As persoas colaboradoras bolseiras como perceptoras da bolsa desfrutarán de:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o seu período ordinario de funcionamento, de setembro a xullo.

Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento, ben que se lles reservará ás persoas colaboradoras bolseiras o dereito á tenza de enxoval nos cuartos.

As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

O aloxamento será de tal xeito que lles permita ás persoas colaboradoras bolseiras a normal realización dos seus estudos.

b) O recoñecemento da súa condición de persoa colaboradora bolseira ante o resto das persoas residentes.

c) Contar coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa a actividade que desenvolva/n como persoa/s colaboradora/s bolseira/s na residencia.

Artigo 11. Instrución

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 9. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia. O órgano instrutor á vista dos expedientes e do informe da Comisión de Avaliación, elevará a proposta de resolución.

Artigo 12. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

Por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, a resolución de adxudicación das prazas, a relación definitiva de admitidos/as e a lista de agarda coa puntuación obtida serán aprobadas e notificadas pola persoa que exerza a xefatura territorial de cada provincia onde radique a residencia no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a solicitude correspondente. As ditas relacións notificaranse de acordo co establecido no artigo 6.

Artigo 13. Lista de agarda

A lista de agarda estará formada polas persoas solicitantes avaliadas que non obtivesen praza por quedar fóra do corte debido ao número de prazas convocado, e estará ordenada segundo a puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 9.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Con posterioridade á proposta de resolución e sempre que existan vacantes, poderanse realizar outras propostas polo órgano instrutor, partindo do informe emitido pola Comisión Cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de agarda definida no artigo 13.

As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de agarda.

Artigo 15. Efectividade da resolución

1. Posteriormente á publicación da resolución de adxudicación requiriranse as persoas beneficiarias para que presenten a seguinte documentación necesaria para formalizar a bolsa, advertíndolles de que no caso de non atender o requirimento se entenderán decaídas no seu dereito á praza:

a) Fotocopia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado médico en que se faga constar que a persoa solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa nin defecto físico ou psíquico que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que van cursar ou, no caso do alumnado do 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel.

2. A documentación a que se refire o punto anterior terá que presentala de acordo co establecido no artigo 3, números 1, 2 e 3 no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, excepto a fotocopia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2019. No caso de que a persoa interesada non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, e deberá, non obstante, presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 16. Xustificación da axuda

1. No mes seguinte ao remate da bolsa, a persoa interesada deberá presentar, de acordo co establecido no artigo 3, números 1, 2 e 3, unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido na residencia.

2. No mesmo prazo remitirase, como consecuencia das funcións de comprobación que lle corresponden ao órgano concedente, á xefatura territorial un certificado emitido pola persoa que exerza a Dirección da residencia, no cal conste que a persoa bolseira permaneceu na dita residencia desde a data en que se lle concedeu a bolsa ata o remate do curso académico.

Artigo 17. Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras

1. As persoas colaboradoras bolseiras, como residentes, teñen as seguintes obrigas:

a) Obriga de incorporarse ás residencias xuvenís o día de inicio do curso académico, segundo o plan de estudos de cada persoa beneficiaria e como máximo o 16 de outubro de 2019, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario, perderán o dereito á praza adxudicada e cubrirase a vacante conforme a lista confeccionada pola Comisión Cualificadora.

b) Respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

c) Deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día que finalice o calendario académico e, en todo caso, o prazo máximo será o 31 de xullo de 2020.

Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual dos seus autores e das súas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terase que aboar o seu custo.

2. As persoas colaboradoras bolseiras, como perceptoras da axuda, teñen as seguintes obrigas:

a) A condición de persoa colaboradora bolseira obriga a esta nos termos previstos no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Obriga de participar en todas as tarefas e labores relacionados coa dinamización do centro en actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras. Correspóndelle á persoa que exerza a Dirección da residencia asignar estas tarefas en función do proxecto de actividades previsto no artigo 4.1.j), así como tamén colaborar no funcionamento ordinario da residencia segundo as indicacións da Dirección do centro.

En ningún caso a persoa bolseira realizará prácticas vinculadas a tarefas que sexan exclusivas do persoal propio da Xunta Galicia.

c) Dentro das actividades de información xuvenil a que fai referencia o parágrafo anterior inclúese a de participar no programa Correspondentes xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, asumindo as obrigas e os dereitos derivados do referido programa.

Artigo 18. Natureza da relación persoa colaboradora bolseira-Administración

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

As persoas seleccionadas adquirirán exclusivamente a condición de persoa colaboradora bolseira e non substituirán ou realizarán actividades propias do persoal da residencia xuvenil. En ningún caso suporá relación contractual ou de calquera outro tipo entre a persoa colaboradora bolseira e a Xunta de Galicia.

Artigo 19. Compatibilidade

A obtención da praza de persoa colaboradora bolseira é compatible con outras bolsas, axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe da subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 20. Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas

1. A persoa titular da xefatura territorial, logo dos informes pertinentes, e logo da audiencia á persoa interesada, motivando a resolución, procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como cando as persoas adxudicatarias:

a) Incumprisen as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2, 10 e 17.

b) Incorresen en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumprisen a disciplina do centro.

2. Como axuda en especie, no caso de que se declare a procedencia do reintegro da bolsa, considerarase como cantidade recibida e haberá que reintegrar un importe equivalente ao prezo de adquisición do servizo, e será exixible o xuro de demora correspondente. Todo o anterior de acordo co disposto no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Socia en función do seu respectivo ámbito territorial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Política Social.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional cuarta. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia na Lei de subvencións de Galicia e demais normas de procedente aplicación.

A devolución da axuda concedida por incumprimento das condiciones establecidas e aceptadas pola persoa bolseira non se insire no ámbito do dereito sancionador.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file