Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 8 de xullo de 2019 Páx. 32184

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública o expediente de descatalogación dos exemplares e formacións codificados como 8A, 21A, 24A, 31A, 74A, 75A, 103A, 109A, 122A, 25F e 31F no Catálogo galego de árbores senlleiras.

O artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, establece o procedemento de catalogación e descatalogación de exemplares e formacións.

Entre os obxectivos do Servizo para a revisión do estado de conservación e de saúde das árbores e formacións incluídos no catálogo galego de árbores singulares para a súa actualización e difusión, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (obxectivo temático: 6, prioridade de investimento: 6.4, obxectivo específico: 6.4.1, actuación: 6.4.1.2) (expediente de contratación 35/2017 PN), adxudicado pola Resolución do 29 de decembro de 2017 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e formalizado o 29.12.2017 entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, atópase o de revisar o estado de saúde e os datos dendrométricos dos exemplares e formacións incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Durante a realización dos traballos de campo correspondentes ao devandito servizo identificáronse un total de once árbores e formacións para as que se tiña producido a súa morte biolóxica ou a perda dos valores que motivaron a súa catalogación, polo que se observarían os criterios para a súa descatalogación, recollidos no punto 7 do artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro.

O Comité das árbores senlleiras, reunido en sesión ordinaria o día 24.4.2019, acordou, de forma unánime polas persoas asistentes á reunión, en base na información debidamente documentada achegada de xeito previo pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e valorada así mesmo durante o desenvolvemento da reunión:

– Informar favorablemente a descatalogación das seguintes árbores e formacións, como consecuencia da perda dos valores que motivaron a súa catalogación:

8A. Araucaria excelsa da Casa de Tenreiro (Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco) situada na Casa de Tenreiro, Pontedeume (A Coruña).

21A. Castiñeiro do Mola (Castanea sativa Mill.), situado no Souto de Mola, A Mezquita (Ourense).

24A. Castiñeiro da Regadiña (Castanea sativa Mill.), situado na Regadiña, A Pobra de Trives (Ourense).

31A. Camecíparis de Lawson do Castelo de Soutomaior (Chamaecyparis lawsoniana (A. Murr.) Parl.), situado no Castelo de Soutomaior, Soutomaior (Pontevedra).

74A. Carballo albar da Praza do Campo de Quindous (Quercus petraea (Mattusch.) Liebl.), situado en Quindous, Cervantes (Lugo).

75A. Rebolo da Praza do Campo de Quindous (Quercus pyrenaica Will), situado en Quindous, Cervantes (Lugo).

103A. Teixo da Casa de Tenreiro (Taxus baccata L.), situado na Casa de Tenreiro, Pontedeume (A Coruña).

122A. Nogueira de Licín (Juglans regia L.), situada en Licín, O Saviñao (Lugo).

25F. Buxeda do Pazo de San Lourenzo (Buxus sempervirens L.), situada no Pazo de San Lourenzo, Santiago de Compostela (A Coruña).

31F. Tileiras prateadas do mosteiro de Oseira (Tilia tomentosa Moench), situadas en Oseira, San Cristovo de Cea (Ourense).

– Informar favorablemente a descatalogación do seguinte exemplar, como consecuencia da súa morte biolóxica:

109A. Araucaria excelsa do Pazo de Rubiáns (Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco) situada no Pazo de Rubiáns, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Polo anterior, con data do 25.6.2019 a Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolveu acordar o inicio, por propia iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do procedemento de descatalogación dos exemplares e formacións codificados como 8A, 21A, 24A, 31A, 74A, 75A, 103A, 122A, 25F e 31F no Catálogo galego de árbores senlleiras como consecuencia da perda dos valores que motivaron a súa inclusión, e do exemplar codificado como 109A no Catálogo galego de árbores senlleiras como consecuencia da súa morte biolóxica, e resolveu igualmente someter o expediente e a documentación correspondente a un período de información pública.

En consecuencia, ábrese un período de información pública do expediente de descatalogación das árbores e formacións mencionadas neste anuncio, e a documentación asociada, durante un prazo de 20 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións por escrito, ou ben a través do enderezo de correo electrónico: dxpn.cmatv@xunta.gal, poñendo no asunto «Información pública árbores senlleiras».

Durante o citado prazo, a documentación correspondente poderá ser examinada nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña, Vicente Ferrer, 2, 15071, A Coruña.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, rúa Paseo, 18, 32003 Ourense.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra, avenida María Victoria Moreno, 43, 4º, 36071 Pontevedra.

Durante ese mesmo período poderase consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=expedientes_senlleiras.html&sub=Arbores_senlleiras/) a información do expediente que non se corresponda con datos de carácter persoal (Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais).

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural