Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32233

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 25 de xuño de 2019 pola que se dispón o nomeamento dos membros do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, modificada pola Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, creou o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia como o órgano colexiado de participación e consulta dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación nos asuntos relacionados coa investigación, transferencia, valorización e innovación.

O artigo 22.1 da dita lei establece que o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia terá a seguinte composición:

a) Unha persoa representante de cada unha das universidades públicas de Galicia.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio e solvencia en materia de investigación, valorización, transferencia e innovación. A designación destas persoas será realizada conforme as seguintes regras:

1ª. Dúas persoas representantes dos organismos públicos de investigación non universitarios de Galicia, propostas por acordo entre eles.

2ª. Unha persoa representante dos centros tecnolóxicos de Galicia, proposta por acordo entre eles.

c) Unha persoa representante das empresas dos parques tecnolóxicos de Galicia, proposta por acordo entre eles.

d) Dúas persoas representantes de empresas, unha delas en representación dunha peme, por proposta do Consello Galego de Cámaras.

e) Tres persoas en representación da Xunta de Galicia, designadas entre as consellarías titulares de centros ou organismos públicos de investigación.

f) Tres persoas representantes da cidadanía, por proposta do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

g) Un funcionario ou unha funcionaria ao servizo da Axencia Galega de Innovación actuará nas reunións como secretario ou secretaria do Consello Asesor, con voz pero sen voto.

Asi mesmo, o artigo 22.3 especifica que, corresponde o nomeamento das persoas integrantes do Consello Asesor en Investigación e Innovación á persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación e innovación, por proposta dos axentes indicados con anterioridade.

En consecuencia, e por proposta dos citados axentes,

DISPOÑO:

Artigo 1. Nomear as seguintes persoas como membros do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia:

En representación de cada unha das universidades públicas de Galicia a:

Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela.

Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña.

María Consuelo Pérez Vázquez, vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo.

En representación dos organismos públicos de investigación non universitarios de Galicia a:

Antonio de Ron Pedreira, delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia.

Manuel Rodríguez Vázquez, Director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

En representación dos centros tecnolóxicos de Galicia a:

Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia.

En representación dos parques tecnolóxicos de Galicia a:

Pedro García Trejo, director de G.T.G. Ingenieros, S.L.

En representación da Xunta de Galicia de entre as consellarías titulares de centros ou organismos públicos de investigación a:

Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación, en representación da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Beatriz Allegue Requeijo, Xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, en representación da Consellería de Sanidade.

Covadonga Salgado, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, en representación da Consellería do Mar.

En representación da cidadanía a:

Iker Sertucha Lista, presidente do Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia.

Pilar Bermejo Barrera, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega de Ciencias.

Edita de Lorenzo Rodríguez, profesora da Universidade de Vigo, por proposta do Pleno da Unidade de Muller e Ciencia.

A Luisa Boquete Pumar, directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación como secretaria do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

Artigo 2. Unha vez que o Consello Galego de Cámaras designe unha persoa en representación das empresas, procederase ao seu nomeamento, quedando dese modo completada a composición do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

Artigo 3. Os ditos nomeamentos, conforme o artigo 22.4 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, modificado pola Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, terán unha duración do mandato de catro anos, sen posibilidade de reelección.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria