Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32309

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 1 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública o anteproxecto de orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local (ENIL en diante) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición dun concello e despois do informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos ENIL recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, prazo no que as entidades promotoras deben presentar, como requisito imprescindible para a declaración definitiva do ENIL, o seu plan de conservación.

Vista a solicitude presentada polo Concello da Coruña ante a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda para a declaración do espazo denominado Torre de Hércules como ENIL, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública na tramitación da solicitude co obxecto de cumprir co disposto no artigo 18.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia ás persoas interesadas o anteproxecto de orde de declaración provisional do ENIL Torre de Hércules por un prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o expediente de declaración e o texto do anteproxecto de orde declarativa:

a) Na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

b) Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Declaración do ENIL Torre de Hércules»

• Opcionalmente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e os representantes dalgunhas das anteriores.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2019

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural