Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2019 Páx. 33413

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de xuño de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento das Pontes de García Rodríguez, no ámbito das Veigas (Poboado Encaso).

O Concello das Pontes de García Rodríguez remite a modificación puntual de referencia, para os efectos do previsto no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG) e artigo 144.14 do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación, redactada polo arquitecto Joan Enric Pastor Fernández (en representación de Jornet-Llop-Pastor SLP); e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello das Pontes de García Rodríguez dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal (NNSSP) aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9.12.1985.

2. A modificación é promovida con base nun convenio urbanístico subscrito polo concello con Endesa Generación, S.A., que se tramita simultaneamente con ela.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 25.4.2017 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación o 9.5.2017, resolvendo non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Consta contestación de:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 11.4.2017 no que se indica que a modificación non suporá impactos paisaxísticos significativos.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura do 20.4.2017 de non ter impacto nas actividades de competencia desa dirección xeral.

c) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 3.3.2017, da Área de Planificación e Programación, con indicacións.

5. Constan informes municipais con observacións, favorables á aprobación inicial, do arquitecto (31.10.2017) e a secretaria (29.12.2017). A interventora municipal emitiu informe desfavorable para os efectos da súa aprobación inicial. Así mesmo, foi asinado un convenio urbanístico entre o concello e Endesa Generación o 28.12.2017.

6. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación e o convenio o 26.1.2018. Foron sometidos a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol do 31.1.2018 e Diario Oficial de Galicia do 9.2.2018). Presentáronse catro alegacións, segundo o certificado do 16.4.2018 incluído para o efecto no expediente.

7. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (trámite do artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu informe o 4.6.2018:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 20.2.2018, de non necesidade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 7.5.2018, favorable con condicións.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 21.5.2018, favorable, coa expresa manifestación de que non existen zonas de afección das estradas autonómicas que afecten a esta modificación puntual por tratarse dun treito urbano.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 24.5.2018, sen obxeccións.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que fose emitido.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de A Capela, Mañón, Monfero, Muras, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Xermade, respondendo unicamente o concello de San Sadurniño (o 22.2.2018), sen alegacións á modificación.

8. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

a) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: informe do 5.2.2018, sobre a situación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, competencia de Augas de Galicia.

b) Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 6.3.2018 no que se manifesta que non se observa incidencia no Inventario de Bens e Dereitos do Estado.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 16.2.2018, favorable.

d) Dirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa: informe do 27.2.2018, sen obxeccións.

e) Deputación Provincial da Coruña: informe do 20.4.2018, favorable.

f) A Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital emitiu o 15.3.2018 informe con consideracións.

9. Constan: informe do arquitecto municipal do 26.12.2018, favorable; informe de fiscalización da intervención municipal de 26.12.2018, favorable con observacións; e informe xurídico do oficial maior do 23.1.2019 propoñendo a aprobación provisional.

10. A modificación puntual e o convenio foron aprobados provisionalmente polo Concello Pleno de data 30.1.2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta a un ámbito de 32,62 ha, situado na parte oeste do núcleo urbano das Pontes de García Rodríguez. Correspóndese co poboado construído pola empresa Encaso (Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustibles, Líquidos e Lubricantes) en varias etapas entre 1944 e 1968. A maior parte do ámbito (unhas 31,3 ha) está constituído por tres parcelas rexistrais, propiedade de Endesa Generación, S.A., parcelas privadas estruturadas en viario, equipamentos e espazos libres e 211 lotes destinados a uso residencial que a empresa aluga aos seus empregados. Na fotografía aérea de 1956 incorporada ao proxecto (plano 2-04) obsérvase que nesa data xa existía a estrutura viaria e a maior parte das edificacións do poboado.

2. As normas subsidiarias vixentes clasifican o ámbito (plano O-1 de clasificación do solo, folla B, e plano O-2 de delimitación do solo urbano) como solo urbano, cualificado como tipo g) relativo ás zonas xa desenvolvidas con actuacións unitarias que se manteñen nas súas condicións actuais (a decembro de 1985, data de aprobación definitiva das normas) de uso e volume.

3. No plano O-3 de cualificación do solo 1/2000 distínguense as parcelas destinadas a equipamento (E) e o resto, destinado a vivenda unifamiliar illada. Os intersticios están destinados á rede viaria, aínda que os planos O-4 de aliñacións 1/2000, O-9 de aliñacións 1/1000 e O-6 de trazado e características da rede viaria non definen aliñacións neste ámbito, agás parcialmente na avenida das Veigas. O poboado non está incluído en ningunha das unidades de actuación do plano O-5 das NNSSP.

4. A modificación puntual fundaméntase na vontade municipal e da sociedade propietaria, de regularizar o ámbito xurídico e urbanisticamente. A modificación, sen alterar substancialmente a edificabilidade nin os usos, tende a:

a) Obtención polo concello dos solos cualificados nas NNSSP como equipamento (algúns actualmente zonas verdes) e parte de solos de viario con ordenanza residencial, para incorporalos aos sistemas xerais e locais públicos, agás algúns equipamentos que permanecen como privados.

b) Adaptación da parcela do supermercado de equipamento (E) a comercial (6).

c) Definición da trama urbana residencial e regulación dos parámetros urbanísticos.

5. Daquela, a modificación supón en síntese:

a) Cualificación como solo público de cesión gratuíta de 92.819,18 m2 con destino a equipamentos (28,5 % do ámbito), 51.602,54 m2 con destino a viario e 36.872,12 m2 con destino a espazos libres (11,3 % do ámbito).

b) Cualificación como dotación privada de 10.282 m2.

c) Cualificación como equipamento público da escola infantil municipal xa existente, que ocupa unha parcela de 1.601 m2.

d) Cualificación como solo residencial en distintas ordenanzas de 120.848,46 m2.

e) Cualificación como usos terciarios de 1.909,99 m2; e 1.632,49 m2 de aparcadoiros.

6. Na modificación o ámbito considérase como solo urbano consolidado, cun grao de urbanización efectiva completo. A execución réxese polo convenio que se tramita simultaneamente, no que a empresa propietaria se compromete á cesión dos terreos dotacionais públicos e á execución das obras de urbanización previstas na estratexia de actuación, cara a acadar a condición de soar (artigos 17.a) e 26.1.a) do RLSG).

7. Esta modificación derroga a anterior, aprobada o 21.7.2003, que afecta a unha parcela de equipamento do ámbito; e deixa sen efecto no seu ámbito o punto 10.2.2.6 da normativa urbanística das normas subsidiarias vixentes, sobre a posibilidade de usos de equipamento nas distintas ordenanzas.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, en relación coas observacións formuladas no informe da DXOTU do 25.4.2017, e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador daquela presentado, obsérvase:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 da LSG): a previsión de novas dotacións públicas e a alteración da normativa para adecuala á realidade preexistente, acada o interese público requirido.

2. O proxecto contén formalmente os documentos para definir a modificación co alcance e contido correspondentes (punto III.2 do informe da DXOTU do 25.4.2017).

3. Réxime urbanístico aplicable: o concello xustifica que o ámbito ten un grao de urbanización efectiva asumida polo planeamento urbanístico, suficiente como para que as obras necesarias teñan un carácter accesorio e de escasa entidade, que poidan executarse simultaneamente coa edificación, o que determina o carácter de solo urbano consolidado conforme o artigo 17.a) da LSG. Así mesmo, sinala que as obras de urbanización propostas legalmente non serían necesarias, pois o grao de urbanización existente é completo, coas redes correspondentes, pois procédese meramente á súa modernización, sen se tratar dunha actuación de transformación urbanística, xa que as obras que se van executar teñen o carácter de ordinarias.

4. A modificación cumprimenta en xeral as observacións formuladas no punto III.5 do informe da DXOTU do 25.4.2017. Porén, cómpre subliñar:

• Artigo 22 da normativa inclúe a regulación das pequenas edificacións que se permiten nos espazos libres públicos, cunha ocupación máxima do 10 %, pero non se adapta ao establecido no artigo 70 do RLSG, que limita a súa altura (1 planta), superficie construída (200 m2) e ocupación total (5 % da área).

• Artigo 17 sobre o sistema viario, prevé nas vías V que o espazo para o peón terá un ancho maior a 1,50 m, cando o artigo 5.b) do documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados, aprobado pola Orde VIV/561/2010, prescribe 1,80 m.

5. Outras cuestións:

a) O plano O.02 representa un ámbito (liña castaña continua) que semella non corresponder co descrito no texto, excluíndo o futuro equipamento público E1a*.

b) Cómpre distinguir no proxecto os sistemas xerais dos locais, tanto no texto como graficamente (artigo 52.f) e concordantes da LSG).

c) A regulación da zona verde Lv (compatible coa vialidade) no contorno da parcela comercial, fai que deba considerarse como un aparcadoiro; e por tanto formará parte do sistema de comunicacións e non do de espazos libres e zonas verdes (artigo 65 e concordantes do RLSG).

d) O punto 5.2 da normativa que menciona as normas subsidiarias da provincia da Coruña de 1991, hoxe derrogadas polo Plan básico autonómico.

e) No plano O-02 e concordantes cómpre corrixir a cualificación da parcela da OPYDE (oficina de promoción e desenvolvemento económico) duns 2.526 m2, que aparece como E10b* en vez de E10b (pto. 4.3 da memoria xustificativa).

f) Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 7.5.2018:

• A catalogación do poboado PV-01 non abrangue a súa totalidade, ao excluír expresamente as pistas deportivas, incumprindo a conclusión a.1) do informe.

• O artigo 45.3.b) da normativa sinala que as obras de urbanización requirirán autorización previa, non axustándose ao punto 3..a) segundo guión.

• Fallan dos dous elementos arqueolóxicos do catálogo que figuraban no borrador e na aprobación inicial (pto. 10 memoria de información).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a Aprobación Definitiva á Modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de As Pontes de García Rodríguez no ámbito de As Veigas (Poboado Encaso), con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas nos puntos 4 e 5 anteriores. Con este fin, o concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda