Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2019 Páx. 33516

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (100/2016).

Eu, María Blanco Aquino, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 100/2016 deste xulgado do social, seguidos contra a empresa Seguridad Integral Canaria, S.A., sobre reclamación de cantidade, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se achega:

«Sentenza.

A Coruña, 15 de marzo de 2019.

María Mercedes Pena Moreira, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, vistos os presentes autos de xuízo ordinario número 100/2016, sobre reclamación de cantidade, instados por Germán Sarmiento Pallares que compareceu ao acto da vista representado pola letrada María Jesús Dubra Rey, constando como parte demandada a mercantil Seguridad Integral Canaria, S.A., Juan Carlos Santos Barja na súa calidade de administrador concursal de Seguridad Integral Canaria, S.A., e o Fogasa, ningún dos cales compareceu ao acto da vista, pronunciou a seguinte sentenza,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Germán Sarmiento Pallares presentou demanda o 1 de febreiro de 2016 ante este xulgado, na cal, despois de expoñer os feitos e fundamentos que estimou pertinentes, remataba suplicando que, despois dos trámites oportunos e recibido o preito a proba, se ditase sentenza en que se recoñeza os dereitos reclamados polo demandante e se condene a demandada mercantil Seguridad Integral Canaria, S.A., ao inmediato aboamento das cantidades derivadas do devandito recoñecemento, incluíndo os xuros legalmente establecidos, con todas as consecuencias legais que se puidesen derivar do devandito recoñecemento.

Segundo. Admitida a trámite a demanda pola demandante con data do 22 de xaneiro de 2018, presentouse escrito en que se manifesta que tivo coñecemento que a mercantil demandada entrou en concurso de acredores e solicita a ampliación da demanda fronte á administración concursal de Seguridad Integral Canaria, S.A., na persoa do seu administrador concursal Juan Carlos Santos Barja e por dilixencia de ordenación con data do 22 de marzo de 2018 tívose por ampliada a demanda e sinalouse como data de celebración dos actos de conciliación e xuízo o día 31 de xaneiro de 2019; convocadas as partes, os devanditos actos tiveron lugar no día indicado coa asistencia do demandante, non asistindo a mercantil demandada, nin a administradora concursal, como tampouco asistiu o Fogasa citado para o efecto. Aberto o acto da vista, a parte demandante ratificou a súa demanda, aclarou que na demanda se sinala a cantidade de 197,68 euros como debida ao traballador na data xullo de 2015, pero que na data da vista ascende á suma de 968,38 euros, polo que solicita o recibimento a proba; en trámite de proba, a demandante propuxo proba documental e interrogatorio de parte e solicita, dada a non comparecencia da demandada citada para o efecto, que a teña por confesa nos feitos da demanda, e uniranse aos autos, logo de declaración de pertinencia, os documentos presentados; seguidamente a parte demandante fixo uso da palabra para conclusións, elevou a definitivas as súas iniciais peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos seguíronse todos os trámites legais.

Decido.

Desestímase a demanda interposta por Germán Sarmiento Pallares contra a entidade Seguridade Integral Canaria, S.A., e o administrador concursal Juan Carlos Santos Barja na súa calidade de administrador concursal, con intervención do Fondo de Garantía Salarial, Fogasa, e absolvese a parte demandada de todas as pretensións deducidas na súa contra e debe estar o Fogasa e pasar pola presente resolución.

Notifíquese a resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución abondando a manifestación da parte ou do seu avogado ou representante dentro do indicado prazo.

Así o acorda, manda e asina, María Mercedes Pena Moreira, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Publicacion. Esténdoa eu, letrada da Administración de xustiza, para facer constar que, na mesma data da sentenza, se deposita na Secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e as leis. Seguidamente, líbrase testemuño da sentenza para a súa unión aos autos. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Seguridade Integral Canaria, S.A., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 26 de xuño de 2019

A letrada da Administración de xustiza