Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 18 de xullo de 2019 Páx. 33583

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 86/2019, do 27 de xuño, polo que se crea o Museo do Viño de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura e Turismo vén desenvolvendo un labor activo e continuado de recuperación do rico, variado e singular patrimonio moble, documental e audiovisual que identifica a vitivinicultura de Galicia. A relevancia e volume deste patrimonio e a súa singularidade demandan a creación dunha entidade museística monográfica que mostre a xénese histórica e a realidade actual da identidade dos vales, bocarribeiras e costeiras vitícolas e a dos homes e mulleres viñateiros, construtores e mantedores dunha paisaxe agraria diferenciada e singular e produtores dunha personalidade cultural agraria única e significada.

A Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Decreto 291/1997, do 9 de outubro, aceptou a cesión, a título gratuíto, do uso e aproveitamento da casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, no termo municipal de Ribadavia (Ourense), feita pola Diocese de Ourense como futura sede do Museo do Viño de Galicia por 20 anos. Mediante a Orde do 22 de maio de 2018, da Consellería de Facenda, aceptouse a ampliación da cesión de uso da reitoral por 25 anos máis.

O edificio, con particular relevancia arquitectónica, ao ser unha construción pensada para a produción de viño, foi no pasado un priorado e adega dependente do mosteiro bieito compostelán de San Martiño Pinario, ao que subministraba os apreciados caldos do Ribeiro, produto dos seus grandes lagares.

A Xunta de Galicia executou desde o ano 2005 obras de restauración e rehabilitación deste inmoble para adaptalo, conservando as súas peculiaridades construtivas, á función de museo e orientado a albergar, logo da pertinente montaxe museográfica, o Museo do Viño de Galicia.

A Constitución española establece no seu artigo 148.1.15 que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de museos de interese para a Comunidade Autónoma.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia establece, no artigo 27.18, a competencia exclusiva desta Comunidade Autónoma en materia de museos de interese para Galicia e que non sexan de titularidade estatal, mentres que no seu artigo 37.2 determina que lle corresponde á Xunta de Galicia a potestade regulamentaria nas materias da súa competencia exclusiva.

Os museos aparecen definidos no artigo 111 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, como institucións de carácter permanente, abertas ao público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e ao desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición, de forma científica, estética e didáctica, de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu contorno natural, con fins de estudo, educación, aproveitamento e promoción científica e cultural.

O artigo 113 da citada lei establece que a creación, autorización e cualificación dun museo ou dunha colección visitable se fará por acordo do Consello da Xunta, e nel delimitarase o seu ámbito territorial e contido temático.

Así mesmo, o Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma galega, establece no artigo 5 que a creación de museos propios se fará por decreto da Xunta de Galicia, por proposta, neste caso, do conselleiro de Cultura e Turismo.

O Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, estipula que esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de promoción e difusión da cultura, dos aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia, e correspóndelle á Dirección Xeral de Políticas Culturais exercer as competencias en materia de promoción da cultura, en particular, entre outras, a protección do patrimonio documental, bibliográfico e museístico de Galicia.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Cultura e Turismo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Creación, ámbito territorial, temático e sede

1. Créase o Museo do Viño de Galicia, coa finalidade de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural, material e inmaterial, de interese etnolóxico e vitivinícola de Galicia para o coñecemento, aprendizaxe e desfrute da cidadanía en xeral e o aproveitamento e consulta das persoas dedicadas á investigación e ao estudo do universo vitivinícola, en particular.

Para estes efectos, o Museo do Viño de Galicia estrutúrase arredor de tres áreas funcionais básicas:

a) Área de documentación, conservación e investigación.

b) Área de difusión e comunicación.

c) Área de administración.

2. O seu ámbito territorial será o da Comunidade Autónoma de Galicia e o seu contido temático o relativo á etnoantropoloxía e á historia do fenómeno cultural vitivinícola.

3. A súa sede é o edificio da antiga casa reitoral de Santo André de Campo Redondo, no municipio de Ribadavia, na provincia de Ourense.

De conformidade co previsto no artigo 111 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, este inmoble quedará sometido ao réxime de protección establecido para os bens declarados de interese cultural.

Artigo 2. Obxectivos

1. Son obxectivos principais do Museo do Viño de Galicia a recuperación, incremento, conservación, documentación, investigación, exhibición e difusión, de maneira científica e didáctica, do patrimonio cultural, material e inmaterial, de interese etnolóxico e vitivinícola, que distingue as terras dedicadas ao viño en Galicia, incorporando os fondos históricos e etnográficos reunidos e documentados polo Museo Etnolóxico de Ribadavia e que constitúen a colección fundacional do Museo do Viño de Galicia.

Será unha finalidade clave do Museo do Viño de Galicia documentar e mostrar a identidade cultural de Galicia, a través da súa xeografía vitícola.

2. Son obxectivos complementarios do museo a organización de actividades científicas, formativas, divulgativas e de lecer que incrementen e favorezan o coñecemento da cultura da vide e o viño de Galicia e creen condicións para a difusión social e turística das comarcas vitícolas e da identidade enolóxica de Galicia, así como o intercambio con outras zonas e culturas vitivinícolas, utilizando os valores do patrimonio cultural vinculado ao viño para o establecemento de lazos interculturais e, polo tanto, para favorecer o encontro das identidades e alteridades socioculturais.

3. Na consecución dos seus obxectivos o museo velará pola integración transversal do principio de igualdade por razón de xénero.

Artigo 3. Funcións

Son funcións do Museo do Viño de Galicia:

1. A recuperación do patrimonio cultural, material e inmaterial, de interese etnolóxico e vitivinícola, representativo e identificador da cultura agraria centrada no monocultivo vitícola e nas tradicións creadas arredor do consumo, distribución e ritualización do viño en Galicia.

2. A exhibición ordenada das súas coleccións seguindo criterios científicos, de difusión e didácticos.

3. A organización de cantas actividades contribúan ao coñecemento e difusión do seu contido e á dinamización social e cultural.

4. A conservación dos bens culturais, documentais, mobles e inmobles, que integran ou se incorporen as súas coleccións e ao espazo de musealización.

5. A conservación, documentación e transmisión dos saberes populares e científico-académicos ligados á agronomía vitícola e á enoloxía e vinificación das distintas comarcas de Galicia.

6. A documentación dos fondos museográficos, documentais e bibliográficos ingresados no museo e o seu estudo e investigación, favorecendo a colaboración con entidades e persoas estudosas especializadas no coñecemento e divulgación dos diferentes ámbitos do mundo vitivinícola.

7. A produción de instrumentos didácticos e divulgativos, diferenciados para os distintos públicos e capacidades e que permitan o cumprimento do obxectivo formativo, turístico e de lecer previsto no artigo 2. Os ditos instrumentos didácticos e divulgativos produciranse aproveitando as novas tecnoloxías e os recursos audiovisuais e interactivos.

8. A elaboración de dispositivos de sinalización e información adaptados ás necesidades e limitacións das distintas persoas usuarias e visitantes, tanto na exposición permanente como nas mostras temporais.

9. A realización de publicacións e traballos de estudo, documentación e divulgación, tanto mediante edicións en formato tradicional ou polas redes de comunicación telemática, mediante produción propia ou en colaboración con entidades científicas e académicas, a través da consellería competente en materia de museos, que desempeña a representación do museo de conformidade co artigo 6 deste decreto.

10. A formación dun fondo bibliográfico especializado no mundo da vide e o viño, con particular atención ás publicacións, en distintos soportes e formatos que tratan a vitivinicultura desde as ciencias sociais e, particularmente, desde a antropoloxía, a etnoloxía, a historia e a xeografía.

CAPÍTULO II

Xestión dos fondos, titularidade e funcionamento

Artigo 4. A colección

1. Integran a colección do Museo do Viño de Galicia:

a) Os fondos iniciais ou colección estable, constituída polos bens do patrimonio cultural galego pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia, que están na actualidade no Museo Etnolóxico de Ribadavia e que teñan nitidamente un carácter ligado aos temas da vide e do viño.

b) Os bens culturais pertencentes a outras administración públicas ou a terceiras persoas que se atopan na actualidade depositados no Museo Etnolóxico de Ribadavia, logo da oportuna autorización das persoas titulares, ligadas aos temas da vide e do viño.

c) Todos aqueles bens que, de conformidade coa normativa vixente, se incorporen no futuro.

2. O incremento, localización e movemento da colección acomodaranse aos procedementos regulamentariamente establecidos, así como ás previsións da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, en todo o que lle sexa de aplicación.

Artigo 5. Titularidade e adscrición

O Museo do Viño de Galicia, centro de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, estará adscrito á consellería con competencias en materia de cultura e dependerá do órgano da consellería con competencias en materia de museos.

Artigo 6. Competencias da Administración titular

1. A consellería competente en materia de museos exercerá, no ámbito de aplicación deste decreto, as seguintes atribucións respecto do museo:

a) A xestión técnica.

b) A xestión económico-administrativa.

c) A aprobación do programa anual de actividades e investimentos.

d) As relacións institucionais do museo con calquera outra Administración, organismo ou entidade, así como a súa representación institucional dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Acceso e accesibilidade

1. O museo facilitará o acceso da cidadanía e das persoas investigadoras, sen prexuízo das restricións que, por mor da conservación dos bens nel custodiados, poidan establecerse, para facilitar o coñecemento, desfrute e investigación dos bens culturais nel custodiados, conforme os obxectivos e funcións determinadas.

2. O museo garantirá a accesibilidade física e a supresión de barreiras de comunicación para os seus visitantes.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de cultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo