Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2019 Páx. 33711

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de xullo de 2019 pola que se crea e se regula a composición, funcionamento e organización do Consello Técnico de Atención Primaria.

O artigo 26 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, prevé que por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade se poderán establecer órganos de participación comunitaria a outros niveis territoriais e funcionais do Sistema público de saúde de Galicia, coa finalidade de asesorar os correspondentes órganos directivos e implicar as organizacións sociais e cidadás no obxectivo de acadar maiores niveis de saúde.

Para tal efecto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, mediante orde, regulará a composición e establecerá as normas xerais de organización e funcionamento destes órganos.

É unha realidade que o patrón epidemiolóxico da poboación está a cambiar como consecuencia do aumento das enfermidades crónicas e o dito cambio está a orixinar unha maior demanda na utilización dos servizos a que ten que adaptarse o sistema sanitario. A poboación de Galicia atópase entre as máis lonxevas do mundo, cunha esperanza de vida ao nacer superior aos 83 anos e cun 25 % da poboación que supera os 65 anos. Unha situación que, segundo indican as proxeccións, continuará aumentando nos próximos anos de forma moi acusada.

O modelo asistencial tradicional, centrado na resolución das patoloxías agudas, ten por tanto que ir cambiando tamén para adaptarse ás novas necesidades. E tamén a división tradicional en dous niveis asistenciais separados, dado que será necesaria unha visión integradora, novas dinámicas de traballo non soamente entre a atención primaria e a hospitalaria, senón tamén con outros axentes implicados nos coidados de diferentes aspectos como os correspondentes a servizos sociosanitarios, os de saúde pública ou as propias asociacións de pacientes.

A atención primaria debe constituírse no nivel asistencial que lidere a xestión dos procesos de atención ás persoas con enfermidade crónica dentro do sistema sanitario e converterse no seu eixe vertebrador.

O Servizo Galego de Saúde ten iniciado para iso un proceso no cal se tratan de abordar estes retos do futuro e definir as liñas estratéxicas que poidan axudar a que o persoal teña máis tempo para atender as persoas enfermas, a mellorar a coordinación entre a atención primaria e o hospital, mellorar a formación e a investigación.

Este proceso de definición estratéxica do novo modelo será desenvolvido a través do Consello Técnico de Atención Primaria que, cun carácter permanente, realice funcións en relación cos aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria, desde unha visión multidisciplinar, que se reflicta na súa composición e que poida tratar sobre os programas e medidas que se van desenvolver neste proceso.

O citado artigo 26 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, establece para tal efecto que este tipo de órganos poderán incluír, ademais do persoal e dos representantes de equipo directivo que se considere, entre outros, representantes dos colexios profesionais sanitarios, sociedades científicas, asociacións, entidades locais e as persoas consumidoras e usuarias, así como persoas físicas e xurídicas de recoñecido prestixio no campo das ciencias da saúde.

En cumprimento do sinalado, esta orde crea e regula a composición, funcionamento e organización do Consello Técnico de Atención Primaria, dentro dos parámetros normativos antes indicados e como resposta a unha necesidade do propio Sistema público de saúde de Galicia e dos seus profesionais.

Na súa virtude, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación e a regulación da composición, funcionamento e organización do Consello Técnico de Atención Primaria como órgano colexiado de asesoramento técnico no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Funcións do Consello Técnico de Atención Primaria

1. Ao Consello Técnico de Atención Primaria correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asesorar o Servizo Galego de Saúde nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria, sen prexuízo das competencias que poidan ter outros órganos.

b) Propoñer e elaborar programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación.

c) Informar e asesorar sobre as medidas destinadas á mellora da xestión da demanda no ámbito da atención primaria e a análise da mellora da súa capacidade resolutiva e da carteira de servizos.

d) Asesorar sobre aspectos organizativos necesarios para favorecer a continuidade asistencial e a coordinación e comunicación entre os niveis asistenciais de atención primaria e atención hospitalaria.

e) Analizar as liñas de xestión de procesos asistenciais de atención primaria e de propostas de mellora das relacións de atención primaria coa atención hospitalaria.

f) O estudo e a análise de propostas de nova organización da xestión de atención primaria.

g) Asesorar sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación no ámbito da atención primaria.

h) Presentar propostas de mellora dos servizos do Servizo Galego de Saúde no ámbito das funcións descritas.

i) Estudar e emitir informe sobre plans, programas ou proxectos que sexan sometidos á súa consideración.

j) A análise e avaliación das necesidades de recursos humanos.

k) A aprobación do seu regulamento interno de funcionamento.

l) Calquera outra que lle sexa atribuída ou encomendada.

2. No desenvolvemento das súas funcións, o Consello integrará a perspectiva de xénero, para o cal se terán en conta as diferenzas que na análise, avaliación e intervención en materia de atención primaria se poidan dar en función do sexo en xeral e en materia de violencia de xénero en particular.

Artigo 3. Composición

1. O Consello Técnico de Atención Primaria estará formado por un máximo de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario.

2. As persoas integrantes do consello serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde, e entre elas, contarase cando menos:

– Cunha vogalía por proposta da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen).

– Cunha vogalía por proposta da Sociedade Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (Agapap).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (Agefec).

– Cunha vogalía por proposta da Sociedade Galega de Fisioterapeutas (Sogafi).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Española de Trabajo Social y Salud en Galicia (AETSYS).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia (FAPsGal).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Médicos de PAC (Agampac).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Matronas (AGAM).

– Cunha vogalía por proposta da Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica (AGAEP).

– Cunha vogalía por proposta da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.

– Cunha vogalía en representación da categoría de persoal de servizos xerais (PSX) proposta polo Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía por proposta de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de sanidade.

– Cunha vogalía por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

– Con dúas vogalías por proposta das asociacións que forman parte do Consello Asesor de Pacientes do Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía por proposta dos colexios oficiais de médicos de Galicia.

– Cunha vogalía por proposta dos colexios oficiais de enfermaría de Galicia.

– Cunha vogalía por proposta dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

– Cunha vogalía por proposta do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

– Cunha vogalía por proposta do Colexio Oficial de Traballadores Sociais de Galicia.

– Cunha vogalía por proposta do Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos.

– Cunha vogalía por proposta da consellería con competencias en materia de educación.

– Cunha vogalía por proposta da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en recursos económicos do Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en Saúde Pública da Consellería de Sanidade

– Cunha vogalía de entre os/as profesionais do ámbito do centro directivo con competencias en Formación do Servizo Galego de Saúde.

– Cunha vogalía por proposta da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

3. O nomeamento das persoas integrantes do consello terá unha duración de 3 anos e poderá ser renovado sucesivamente por outros períodos de igual duración.

4. Na composición do Consello procurarase unha composición paritaria entre homes e mulleres.

5. Cada institución ou órgano representado poderá propoñer unha persoa suplente para o caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 4. Organización

1. O Consello Técnico de Atención Primaria terá a seguinte organización: Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogalías.

2. As persoas titulares da Presidencia e da Vicepresidencia do consello serán designadas pola persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde de entre as persoas integrantes do consello.

3. A Secretaría do consello será asumida por unha persoa adscrita ao Servizo Galego de Saúde e designada para tal efecto pola persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 5. Funcións da Presidencia do Consello Técnico de Atención Primaria

Corresponde á persoa que exerza a Presidencia de consello a realización das seguintes funcións:

a) Exercer a representación do consello.

b) Manter a continuidade do consello, coordinando as actividades deste e executando os acordos que se adopten.

c) Acordar a convocatoria das reunións ordinarias e extraordinarias.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Visar as actas e certificacións de acordos adoptados polo consello.

f) Solicitar, en nome do Consello, a colaboración de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como invitar a participar no pleno ou nas comisións que, se é o caso, se poidan crear, a expertos de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

g) Outras funcións que lle poidan ser atribuídas.

Artigo 6. Funcións da Vicepresidencia do Consello Técnico de Atención Primaria

Corresponderá á Vicepresidencia a realización das seguintes funcións:

a) Asumir a Presidencia do consello nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular desta.

b) Participar nas reunións con voz e voto.

c) Aqueloutras funcións que expresamente lle sexan encomendadas pola Presidencia ou polo Pleno.

Artigo 7. Funcións da Secretaría do Consello Técnico de Atención Primaria

A persoa responsable da Secretaría terá as seguintes funcións:

a) Asistir ás sesións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións seguindo as instrucións da Presidencia e realizar as notificacións ás persoas integrantes do consello.

c) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións, así como realizar o arquivamento dos documentos do consello.

d) Expedir as certificacións das consultas, ditames ou acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións inherentes á súa condición.

Artigo 8. Funcións das vogalías

As persoas que exerzan as vogalías terán as seguintes funcións:

a) Participar nos debates das sesións e emitir o seu voto, así como expresar o sentido deste e os seus motivos, e formular votos particulares.

b) Presentar propostas de mellora dos servizos, dentro do seu ámbito de competencias.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

e) Outras funcións inherentes á súa representación.

Artigo 9. Réxime de funcionamento

1. O Consello Técnico de Atención Primaria funcionará en pleno e poderá crear comisións sectoriais, se se considera necesario.

2. Para a válida constitución do consello para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que exerza a presidencia e da persoa que exerza a secretaría, ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, das persoas integrantes, presentes ou representadas.

3. O Consello poderase constituír e convocar e poderá realizar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.

Non obstante, agás que non sexa posible, as convocatorias serán remitidas ás persoas integrantes do órgano colexiado a través de medios electrónicos, segundo o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

4. O Pleno do Consello reunirase polo menos dúas veces ao ano, ou por requirimento da Presidencia ou dun terzo das persoas que o integran.

5. As comisións sectoriais que se poidan crear, cuxa composición será acordada polo Pleno, reuniranse cando así sexa necesario para o desenvolvemento das tarefas específicas que lles sexan encomendadas. A organización e o funcionamento destas comisións rexeranse polas normas que se establezan no Regulamento de réxime interno.

6. Na composición das comisións sectoriais procurarase unha composición paritaria entre homes e mulleres.

Artigo 10. Convocatorias

1. A convocatoria das reunións do Pleno será realizada pola Secretaría de acordo coa orde da Presidencia e cos asuntos que esta indique. As comisións sectoriais terán o seu propio réxime de convocatorias de conformidade co acordado polo Pleno.

2. Ao escrito de convocatoria, que incluirá a orde do día, deberá unirse a documentación específica sobre os asuntos que se van tratar e remitirse ás persoas integrantes do consello cunha antelación mínima de corenta e oito horas. A convocatoria realizarase por medios electrónicos. Cando a documentación dos asuntos que se traten sexa considerable e dificulte a súa remisión por medios electrónicos, poderase habilitar un acceso a esta para as persoas integrantes do consello.

Artigo 11. Constitución

1. O Pleno do Consello Técnico de Atención Primaria considerarase constituído coa presenza das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que exerzan as vogalías.

2. Poderán asistir ás reunións, con voz e sen voto, aquelas persoas que sexan invitadas pola Presidencia en calidade de expertas en relación coas materias incluídas na orde do día.

Artigo 12. Réxime de acordos

1. Os acordos do Consello Técnico de Atención Primaria adoptaranse por maioría simple.

2. De cada sesión que se realice redactarase a acta correspondente en que consten os acordos adoptados, que se poderán motivar, se así o solicitan as persoas integrantes do consello.

Artigo 13. Recursos materiais e humanos

O Servizo Galego de Saúde prestará o apoio administrativo, de persoal e material que sexa preciso para que o Consello realice as funcións atribuídas.

Artigo 14. Réxime xurídico

Ao Consello seralle de aplicación o previsto nos artigos 15 a 22 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e nos artigos 14 a 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, respecto do funcionamento dos órganos colexiados, así como o previsto no seu regulamento interno de funcionamento.

Disposición adicional única. Gasto público

A creación do Consello Técnico de Atención Primaria non supón incremento do gasto público. A pertenza a este órgano considerarase de carácter honorario e a asistencia ás reunións do consello non terá carácter retribuído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade