Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2019 Páx. 34032

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 9 de xullo de 2019 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o documento básico actuacións no Camiño Inglés en Santiago de Compostela, treito Cemiterio-Cruce de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06.

Con data 8 de xullo de 2019, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 2 de outubro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (num. 188) o Anuncio do 26 de setembro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico actuacións no Camiño Inglés en Santiago de Compostela, treito Cemiterio-Cruce de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e certificados, procedéndose á súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 80 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 16.5.2018) determina que a aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade da traza coma dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

Segundo. De acordo co establecido nos artigos 18 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 de Expropiación Forzosa, e os concordantes do seu Regulamento, someteuse ao trámite de información pública a relación de bens e dereitos necesarios para a execución do documento básico, durante un período de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

De acordo con todo o exposto, e tras as alegacións e certificados presentados polos organismos oficiais competentes

RESOLVO

Primeiro. Aprobar definitivamente o expediente de información pública así como o documento básico actuacións no Camiño Inglés en Santiago de Compostela, treito Cemiterio-Cruce de Meixonfrío, de clave AC/18/023.06, que contén a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados. Nas fases posteriores do procedemento, de acordo coas alegacións e informes presentados deberá de terse en conta:

– A corrección da ficha da parcela 13 substituíndo o concepto “expropiación” por “afección”.

– A programación das obras deberán de coordinarse co Concello de Santiago para garantir un aparcadoiro diante do tanatorio habilitado durante as obras.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas