Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2019 Páx. 34330

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de xullo de 2019, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública o expediente de cancelación do convenio Padrón, número de elenco 2717560, do concello da Fonsagrada (expediente 57/2018).

O 22 de maio de 1996 foi aprobado o convenio Padrón, número de elenco 2717560, subscrito entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e Manuel Pérez Pérez e Manuel López Vidal, en virtude dun poder notarial outorgado na Fonsagrada o 29 de novembro de 1995 ante a notaria Carmen Susana Mora Ferreiro. A superficie conveniada foi de 27,51 ha.

O 16 de xullo de 2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta un escrito asinado por Manuel Pérez Pérez, Manuel López Vidal, Lucita Álvarez Castelao, Elisa Álvarez Rancaño, Manuel Gómez Álvarez, Pascasio Manuel Mª Pérez Fernández, Benjamín Pérez Fernández, Hortensio Gómez Álvarez, Nieves Pérez Pérez e Carlos López López, en calidade de propietarios de parcelas incluídas no convenio, no cal comunican o seu interese en que esta Administración inicie a tramitación da cancelación de oficio do convenio Padrón, número de elenco 2717560, ao resultar imposible a solicitude de todos os titulares de dereitos de parcelas incluídas no convenio ao estaren emigrados, ausentes ou en paradoiro descoñecido.

O 28 de marzo de 2019 a técnica do distrito VII A Fonsagrada-Ancares, informa de que non ten constancia de ningunha cuestión que impida continuar coa tramitación deste expediente de cancelación do convenio.

En aplicación da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o 11 de febreiro de 2019 o xefe do Servizo de Montes de Lugo certifica que o convenio Padrón, 2717560, non presenta saldo debedor.

A disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 245, do 28 de decembro), establece entre outras consideracións que:

«1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2021, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado».

Por todo isto, vaise propoñer á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a cancelación do convenio Padrón, 2717560.

De acordo co establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sométese a información pública o expediente de cancelación do convenio Padrón, número de elenco 2717560, do concello da Fonsagrada (Lugo). O acto adoptouno a xefa territorial.

Durante o prazo de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación deste expediente está dispoñible ao público, para a súa consulta, na Comarca Forestal da Fonsagrada-Distrito Forestal VII A Fonsagrada-Ancares (r/ Marmoiral, s/n, 27100 A Fonsagrada), no Servizo de Montes de Lugo (rolda da Muralla, núm. 70, baixo 2º, 27071 Lugo) e na páxina web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal/anuncios/avisos/vixentes/forestal/).

Durante o prazo sinalado, as alegacións, suxestións ou observacións serán dirixidas á Xefatura Territorial do Medio Rural de Lugo a través de calquera rexistro previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lugo, 3 de xullo de 2019

Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo