Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 29 de xullo de 2019 Páx. 34703

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 8 de xullo de 2019 polo que se convocan probas selectivas para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo administrativo e polo que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

Entre as medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2019, acordadas na Mesa de Negociación e adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia na súa reunión do 8 de marzo de 2019, inclúese a provisión dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

En cumprimento deste obxectivo, a Mesa do Parlamento de Galicia acorda:

1. Convocar un proceso selectivo para ingresar, por promoción interna, no corpo administrativo do Parlamento de Galicia para cubrir a antedita praza.

2. Aprobar as bases que rexerán esta convocatoria, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e no artigo 16 do seu Estatuto de persoal, que son as seguintes.

Bases da convocatoria

Primeira. Normas xerais

O obxecto desta convocatoria é a selección dunha persoa para ingresar nunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, mediante promoción interna.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

Ao proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG núm. 248, do 26 de decembro de 2007), así como o disposto nesta convocatoria.

Incompatibilidades: a praza está sometida ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario ou funcionaria de carreira ao corpo auxiliar do Parlamento de Galicia (grupo D) e ter unha antigüidade nese corpo de, polo menos, dous anos.

b) Estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharelato ou equivalente, ou ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

c) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

d) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera Administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

Os requisitos establecidos deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento do nomeamento como funcionario ou funcionaria de carreira do corpo a que pertence a praza resultante deste proceso.

Terceira. Solicitudes

As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas deberán formular a súa solicitude segundo o modelo que figura no anexo II destas bases, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo, nº 63, 15701 Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes tamén se poderán formular na sede electrónica do Parlamento de Galicia (https://sede.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia.

O prazo de presentación será de vinte (20) días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.1. Documentación.

a) O modelo de solicitude, segundo o anexo II, cuberto.

b) O xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, a documentación acreditativa de atoparse nalgunha das situacións a que fai referencia esta convocatoria susceptibles da exención do pagamento.

c) A declaración responsable asinada segundo o anexo III dos méritos alegados para a fase de concurso e a documentación acreditativa correspondente, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria.

d) A declaración responsable asinada segundo o anexo IV de non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera Administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

A documentación acreditativa dos méritos que se presente en papel deberá estar compulsada.

No caso de presentación por sede electrónica, a compulsa dos orixinais en papel debe ser electrónica de acordo co artigo 29 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Os documentos orixinais asinados electronicamente serán válidos sempre que se manteñan en soporte electrónico. Os documentos electrónicos con código de verificación CSV serán validos en calquera soporte, pois a través do número de referencia poderase cotexar co orixinal.

3.2. Dereitos de exame.

O importe dos dereitos de exame será de 31,69 euros, que se aboarán mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES 50 2080 0388 21 3110000 502, na cal se indicará como concepto: «Taxas selección CAPI» e mais o nome, os apelidos e o DNI da persoa aspirante.

Ás persoas aspirantes excluídas do proceso selectivo devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentas do pagamento da taxa dos dereitos de exame as persoas que estean incursas nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.3. Discapacidades.

As persoas interesadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, se for necesario e xustificado, posibles adaptacións de tempo e medios especiais para a realización dos exercicios.

De ser o caso, deberán indicalo na súa solicitude, onde especificarán claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente e achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente.

Cuarta. Admisión das persoas aspirantes

Logo de rematar o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará unha resolución en que se declarará aprobada a relación provisional de persoas admitidas e excluídas inicialmente, xunto coa motivación da exclusión, se for o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa
www.parlamentodegalicia.gal

As persoas aspirantes excluídas inicialmente dispoñerán dun prazo de dez (10) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motiva a exclusión.

As persoas que, no prazo sinalado, non reparen a causa de exclusión ou aleguen a omisión serán definitivamente excluídas da participación no proceso selectivo.

Ao transcorrer o antedito prazo, a Presidencia ditará unha nova resolución pola que determine a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderase implícita nesta resolución definitiva e a súa publicación servirá de notificación a quen presentase alegacións.

Contra esta resolución poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados ambos os dous prazos desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia. Non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou da escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá unha titulación inferior á exixida para a admisión nas probas. Na súa composición débese atender aos principios de imparcialidade e de profesionalidade e ás normas de igualdade de mulleres e homes.

A resolución do nomeamento do tribunal publicarase na páxina web corporativa
www.parlamentodegalicia.gal.

O tribunal poderá acordar solicitarlle á Oficialía Maior a incorporación de persoas asesoras especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales persoas asesoras deberáselle comunicar á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberanse abster ou poderán ser recusados por calquera persoa interesada, e particularmente polas persoas aspirantes, cando concorran algúns dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou cando se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo ou á escala a que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación. Neste caso, deberanllo comunicar á Presidencia do Parlamento.

Cando se produza esta situación e, consecuentemente, a vacante dun membro do tribunal titular, a persoa suplente cubrirá o devandito posto e a Presidencia designará unha persoa suplente.

A persoa que presida o tribunal, na sesión de constitución, formulará e solicitará dos membros do tribunal unha declaración expresa de non se atoparen incursos nas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas previstas nestas bases.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría dos seus membros e será necesaria, en todo caso, a presenza do presidente ou presidenta e do secretario ou secretaria.

As decisións do tribunal adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta, coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdan na interpretación e na aplicación das normas contidas nas bases desta convocatoria e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con algunha discapacidade, que así o indicasen na solicitude, poidan participar nas probas en igualdade de condicións con respecto ao resto das persoas participantes.

En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de selección que o contraveña.

Para os efectos de comunicacións e de posibles incidencias, o tribunal cualificador terá a súa sede no domicilio oficial do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo, nº 63, 15701 Santiago de Compostela.

Sexta. Proceso de selección

O sistema de selección será o de concurso-oposición.

6.1. Fase de oposición.

A fase de oposición da proba selectiva constará de dous exercicios obrigatorios e eliminatorios, salvo a excepción sinalada máis adiante para o segundo exercicio. Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo I a estas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, na data de publicación do nomeamento do tribunal, estean publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total.

6.1.1. Exercicios.

Primeiro exercicio.

Constará de dúas partes:

Primeira parte: consistirá en contestar por escrito un cuestionario tipo test de cincuenta (50) preguntas referido ao temario que se inclúe nesta convocatoria. O cuestionario estará composto por preguntas con tres respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta.

No test poderanse poñer ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente. Por cada pregunta incorrecta non se descontará puntuación.

O tempo máximo de duración desta proba será dunha hora (1 h) e valorarase de 0 a 15 puntos.

Segunda parte: consistirá na resolución dun suposto práctico relacionado cos contidos do temario, para o cal será requisito o manexo das ferramentas informáticas a que se refiren os temas 23, 24 e 25. Polo tanto, esta segunda proba deberá realizarse nun ordenador, que se lle facilitará a cada persoa opositora.

O tempo máximo de duración desta proba será de dúas horas (2 h) e valorarase de 0 a 15 puntos.

Valorarase a correcta utilización das ferramentas informáticas, a maquetaxe do documento, a ortografía, a orde e a claridade da linguaxe administrativa e o axuste do seu contido ao tipo de documento de que se trate.

O tribunal poderá determinar a realización das dúas probas na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispoñer a realización dunha pequena pausa entre unha e outra proba.

A puntuación mínima para superar este primeiro exercicio será de 15 puntos.

Segundo exercicio: só para as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio.

Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán cara ao galego e outra do galego cara ao castelán, durante o prazo máximo dunha hora (1 h).

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto.

Estarán exentas da realización deste exercicio as persoas aspirantes que acrediten posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas ou documentos verificables electronicamente), de non constaren en poder da Administración parlamentaria, deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio no prazo máximo de tres (3) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación das cualificacións.

Coa convocatoria para a realización deste exercicio publicarase unha listaxe das persoas que están obrigadas a facelo. A non-aceptación da solicitude de exención entenderase implícita na inclusión nesta listaxe e a súa publicación servirá de notificación a quen teña solicitada a exención.

6.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberase realizar no prazo máximo de corenta (40) días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal.

Entre a realización dun exercicio e o seguinte deberán transcorrer un mínimo de cinco (5) días hábiles.

A convocatoria para a realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e publicarase na páxina web corporativa www.parlamentodegalicia.gal polo menos corenta e oito (48) horas antes da data e da hora sinaladas para o seu inicio.

As persoas aspirantes deberanse presentar, para a realización de cada exercicio, provistas do documento nacional de identificación ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

As persoas aspirantes serán convocadas para a realización de cada exercicio nun único chamamento e será excluída da oposición quen non compareza.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas colaboradoras designadas por este, se for o caso.

Os exercicios distribuiranse en galego. Porén, tamén se lles distribuirán en castelán ás persoas aspirantes que así o soliciten.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

Se nalgún momento do proceso selectivo o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos na convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar proceder á súa exclusión.

Os exercicios realizados non levarán ningunha marca ou sinal que permita identificar a súa autoría. O tribunal facilitará a cada persoa aspirante dous sobres para introducir de xeito independente o exercicio realizado e a identificación do seu autor ou autora. Os sobres pecharanse e gramparanse conxuntamente, diante da persoa interesada.

As persoas aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistas de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

As persoas participantes poden presentar, nos tres días hábiles seguintes á realización de cada exercicio, as reclamacións que consideren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido.

Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anula algunha das preguntas do cuestionario tipo test, substituiranse, por orde, polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

6.1.3. Cualificacións.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes á realización do exercicio tipo test publicarase o seu contido e as respostas correctas na páxina web corporativa.

As cualificacións dos exercicios publicaranse na páxina web corporativa e no taboleiro de anuncios da Administración parlamentaria.

A cualificación total do primeiro exercicio será o resultado da suma das puntuacións da primeira e da segunda parte. Para poder superar este primeiro exercicio e poder realizar o segundo será necesario acadar unha puntuación mínima de 15 puntos.

O segundo exercicio cualificarase como apto ou non apto, e para superalo será necesario obter o resultado de apto, sen prexuízo das excepcións establecidas no punto 6.1.1.

Só superarán a fase de oposición as persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio e acaden a cualificación de apto no segundo.

A cualificación acadada na fase de oposición será a puntuación total do primeiro exercicio, que se sumará á puntuación da fase de concurso.

Unha vez rematada a corrección dos dous exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa
www.parlamentodegalicia.gal. Concederase, a partir dese momento, un prazo de dez (10) días para que as persoas aspirantes fagan as alegacións que xulguen oportunas ante o tribunal.

6.2. Fase de concurso.

6.2.1. Acreditacións.

A documentación acreditativa dos méritos alegados deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos a que se refire o punto 3.1.b), de non constaren en poder da Administración parlamentaria, acreditaranse coa seguinte documentación:

– O servizos prestados noutras administracións públicas, así como os dereitos de conciliación exercidos nese período, mediante unha certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. Xunto co certificado achegarase a documentación acreditativa debidamente compulsada dos méritos nel reflectidos, entre a cal se atopará o nomeamento como persoal funcionario, como interino ou como contratado administrativo, ou ben o contrato laboral.

– Os cursos de formación, mediante a presentación do orixinal ou a copia compulsada do documento acreditativo da súa realización, onde debe figurar o número de horas de duración do curso.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido neste punto ou as que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

No caso de presentación por sede electrónica, observarase o disposto no parágrafo final do número 1 da base terceira.

6.2.2. Valoración dos méritos.

A puntuación máxima da fase de concurso será de 20 puntos.

En ningún caso a puntuación obtida na fase de concurso poderá aplicarse para superar a fase de oposición.

A fase de concurso consistirá en valorarlles ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición os seguintes méritos:

a) Antigüidade e experiencia profesional, ata un máximo de 6 puntos:

a.1) Por servizos prestados como persoal funcionario de carreira no extinto grupo E ou no actual grupo D no Parlamento de Galicia: 0,020 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillas/os e familiares.

a.2) Por servizos prestados como persoal funcionario de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia a alínea anterior: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia por coidado de fillas/os e familiares.

b) Postos similares, ata un máximo de 3 puntos:

Polo traballo desenvolvido na Administración pública en anteriores postos, en materias relacionadas co posto a que se opta: 0,050 puntos/mes.

c) Grao persoal consolidado, ata un máximo de 2 puntos:

– Nivel 16: 1 punto.

– Nivel 17: 2 puntos.

d) Exercicio de dereitos de conciliación, ata un máximo de 1 punto:

Contabilizarase a conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

– Permiso por parto, adopción ou acollida (artigos 121 e 122 da LEPG): 0,20 puntos.

– Permiso do outro proxenitor por parto, adopción ou acollida (artigo 124 da LEPG): 0,20 puntos.

– Redución de xornada (artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia): 0,04 puntos/mes.

– Excedencia para o coidado de fillas/os e familiares (artigo 176 da LEPG): 0,04 puntos/mes.

Os meses computaranse por días naturais (30 días).

e) Formación, ata un máximo de 8 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por instancia da Administración parlamentaria, por outras administracións públicas, escolas oficiais de formación das comunidades autónomas e universidades ou por outras entidades, sempre que, neste último caso, os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos valoraranse os cursos realizados sobre procedemento administrativo, arquivo, atención á cidadanía, seguranza e saúde laboral, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias deste tipo de postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 1,00 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1,5 puntos por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

6.2.3. Publicación das puntuacións.

As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, na páxina web corporativa www.parlamentodegalicia.gal e no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia, con posterioridade á publicación das cualificacións do último exercicio da fase de oposición.

As persoas aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para efectuar perante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

Sétima. Listaxe das cualificacións finais

7.1. Ao rematar as probas, o tribunal emitirá unha resolución cos resultados obtidos por cada persoa aspirante nas fases de concurso e de oposición e a suma total dos puntos, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e mais na páxina web corporativa. Só superará as probas a persoa aspirante que obteña a maior puntuación.

Na mesma resolución o tribunal elevaralle á Mesa do Parlamento unha proposta en favor da persoa aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, resolverase a favor da persoa que obtivese a puntuación máis alta na segunda parte do primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na primeira parte do primeiro exercicio e, se continúa, acudirase á puntuación acadada na fase de concurso. Se persiste o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido comezando pola letra L, de conformidade co sorteo realizado e publicado na web corporativa.

7.2. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado, co ingreso da persoa proposta no corpo administrativo do Parlamento de Galicia. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa e notificaráselle á persoa seleccionada.

Oitava. Presentación de documentos

A persoa seleccionada deberá presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte (20) días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, a seguinte documentación:

A copia cotexada do título exixido, da certificación de ter aprobadas as probas referidas na base segunda, alínea b) ou da certificación académica que acredite ter realizados todos os estudos para a súa obtención, sempre que non consten en poder da Administración parlamentaria. No caso das titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar a credencial da súa validación ou homologación.

Se, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación ou se, despois de examinala, se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, a persoa non poderá ser promovida e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por falsidade na solicitude inicial.

Novena. Nomeamento

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, a persoa seleccionada será nomeada por resolución da Presidencia como persoal funcionario do corpo administrativo do Parlamento de Galicia. Este nomeamento notificaráselle á persoa interesada e publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na web corporativa www.parlamentodegalicia.gal

A persoa funcionaria deberá tomar posesión ante a Presidencia do Parlamento, do posto que se lle asigne dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

A falta de toma de posesión dentro do prazo, imputable á persoa interesada, producirá o decaemento do seu dereito a ocupar a praza obxecto deste proceso selectivo.

Décima. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, un recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO I

Temario do corpo administrativo do Parlamento de Galicia

1. O Regulamento do Parlamento de Galicia: natureza e estrutura.

2. Os órganos parlamentarios: a Presidencia, a Mesa, as comisións, as ponencias, o Pleno, a Deputación Permanente e a Xunta de portavoces. Os grupos parlamentarios. A xestión administrativa da súa actividade.

3. O funcionamento do Parlamento: a orde do día, as sesións e os debates.

4. O procedemento lexislativo ordinario. Os proxectos e as proposicións de lei. A súa tramitación administrativa.

5. Os procedementos lexislativos especiais. A súa tramitación administrativa.

6. Os diversos procedementos parlamentarios: a investidura, a moción de censura e a cuestión de confianza.

7. As interpelacións e as preguntas. As proposicións non de lei e as mocións. A súa xestión administrativa.

8. Os debates xerais, as comparecencias e as sesións informativas.

9. A lei: concepto e clases. Disposicións do Executivo con forza de lei: decretos-lei e decretos lexislativos.

10. O regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria.

11. O acto administrativo: concepto e clases. Elementos do acto administrativo. Suxeito, obxecto, causa, fin e forma. Eficacia. Executividade e suspensión. Nulidade e anulabilidade. Revogación e revisión de oficio.

12. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

13. Iniciación, ordenación, instrución e finalización do procedemento administrativo.

14. Os recursos administrativos: concepto e clases. Requisitos xerais. Materias impugnables, lexitimación e órganos competentes. Recurso de alzada, de reposición e de revisión.

15. A contratación administrativa na Administración parlamentaria. Elementos e clases dos contratos. Formas de adxudicación.

16. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos.

17. A autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

18. O persoal ao servizo da Administración parlamentaria. Clases de persoal. Os sistemas de acceso e de provisión. Dereitos e deberes. O réxime disciplinario.

19. As situacións administrativas e o réxime de incompatibilidades do persoal da Administración parlamentaria. Extinción da relación funcionarial.

20. A normativa autonómica do traballo en igualdade en Galicia.

21. O sistema retributivo do persoal da Administración parlamentaria. Nóminas: estrutura e normas de confección. Altas e baixas.

22. O procedemento financeiro da execución do orzamento de gasto. Órganos competentes. Fases do procedemento.

23. Coñecemento e práctica das ferramentas ofimáticas Word e Excel.

24. Coñecemento e práctica da ferramenta ofimática Outlook.

25. Coñecemento e práctica da ferramenta ofimática Adobe.

ANEXO II

SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN EN PROCESOS SELECTIVOS

DATOS DA PERSOA SOLICITANTE

NOME/RAZÓN SOCIAL

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NIF

NOME DA VÍA

NÚMERO

ANDAR

PORTA

CÓDIGO POSTAL

PROVINCIA

CONCELLO

LOCALIDADE

TELÉFONO

ENDEREZO ELECTRÓNICO

E NA SÚA REPRESENTACIÓN (deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito)

NOME

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NIF

DATOS PARA OS EFECTOS DE NOTIFICACIÓN

Medio de notificación preferente

missing image fileElectrónico, a través do enderezo da Internet https://sede.parlamentodegalicia.gal. Só se poderá acceder á notificación co certificado electrónico asociado ao DNI da persoa indicada.

missing image filePostal (cubrir o enderezo só se é distinto do indicado anteriormente)

NOME DA VÍA

NÚMERO

ANDAR

PORTA

CÓDIGO POSTAL

PROVINCIA

CONCELLO

LOCALIDADE

OBXECTO DA SOLICITUDE:

Participación na convocatoria do PROCESO SELECTIVO:

DOCUMENTACIÓN QUE SE ACHEGA:

missing image fileFotocopia do DNI

missing image fileCertificación acreditativa do coñecemento da lingua galega no nivel exixido

missing image fileXustificante de ter aboados os dereitos de exame

missing image fileAcreditación do grao de discapacidade superior ao 33 %, polo que solicitan as adaptacións indicadas en observacións

missing image fileDeclaracións segundo os modelos anexos que figuran nas bases

missing image fileOutros

OBSERVACIÓNS:

missing image fileA persoa solicitante ou representante declara que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

O Parlamento de Galicia é o responsable destes datos, que serán incorporados ao rexistro da actividade de tratamento denominada «Procesos selectivos», cuxa finalidade é a xestión de selección de persoal, lexitimada polo cumprimento das obrigas legais. Destinatarios: non está prevista a cesión de datos. Dereitos: as persoas solicitantes poderán exercer os seus dereitos, previstos nos artigos 15 ao 22 do Regulamento xeral de protección de datos, a través da páxina web: http://www.parlamentodegalicia.gal/Portada/ProteccionDatos, na que dispoñen de información adicional.

LEXISLACIÓN APLICABLE

Bases da convocatoria dos procesos selectivos

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público

Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia

Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP)

Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa

SINATURA DA PERSOA SOLICITANTE OU REPRESENTANTE

Lugar e data

,

de

de

Presidencia do Parlamento de Galicia

Anexo III

Declaración responsable dos méritos que se alegan para participar no proceso selectivo para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia

D/Dª……...…………………......……………………………………....................................., aspirante a participar no proceso selectivo para a cobertura dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, que ocupa o posto de ......................... do corpo auxiliar nesta administración,

Declara responsablemente:

Que os méritos que se relacionan son correctos e certos e que están xustificados documentalmente nas acreditacións que se achegan, ou ben xa constan en poder da Administración parlamentaria.

a) Antigüidade.

a.1) Servizos prestados como persoal funcionario de carreira do Parlamento de Galicia no extinto grupo E ou no actual grupo D (para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillas/os e familiares).

Posto: ................................................................................ Grupo: ........ Tempo: ….. meses.

Posto: ................................................................................ Grupo: ........ Tempo: ….. meses.

a.2) Servizos prestados como persoal funcionario de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia o punto anterior.

Administración pública de:.....................................................................................................

Posto: ................................................................................ Grupo: ........ Tempo: ….. meses.

Administración pública de:.....................................................................................................

Posto: ................................................................................ Grupo: ........ Tempo: ….. meses.

b) Traballo desenvolvido na Administración pública en anteriores postos, en materias relacionadas co posto a que se opta.

Administración pública de:.....................................................................................................

Posto: ................................................................................ Grupo: ........ Tempo: ….. meses.

c) Grao persoal consolidado: ..........

d) Conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os meses computaranse por días naturais (30 días).

d.1) Tempo de permiso por parto, adopción ou acollida: ....................................... meses.

d.2) Tempo de permiso do outro proxenitor por parto, adopción ou acollida: ......... meses.

d.3) Tempo de redución de xornada: ..................................................................... meses.

(Artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia).

d.4) Tempo de excedencia para o coidado de fillas/os e familiares: ...................... meses.

(Artigo 176 da LEPG).

e) Formación.

Denominación do curso

Entidade que o imparte

Ano de realización

Horas de duración

Santiago de Compostela, ...... de ..........................de 2019

(Sinatura)

ANEXO IV

Declaración responsable

D/Dª………...…………………......…………...………….......... con DNI ………....................

Declara responsablemente:

Que non foi separado/a do servizo de ningunha Administración pública mediante expediente disciplinario nin está inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

Asina esta declaración para os efectos de participar no proceso selectivo para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

Santiago de Compostela, ...... de ..........................de 2019

(Sinatura)