Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 1 de agosto de 2019 Páx. 35510

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terra Nosa.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terra Nosa aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Montserrat Lorenzo Font, secretaria do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Terra Nosa foi constituída en escritura pública outorgada no Porrriño o 29 de marzo de 2019, ante a notaria Margarita Colunga Fidalgo co número 280 do seu protocolo, por Bárbara González Villar.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a fundación ten por finalidade e obxecto «a protección do medio natural de Galicia a través da conservación da súa paisaxe, ecosistemas naturais e biodiversidade».

4. O padroado inicial da fundación está formado por Bárbara González Villar como presidenta, Carmen Villar Portela como vicepresidenta, e Montserrat Lorenzo Font como secretaria.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural da Fundación Terra Nosa con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

7. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

8. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación da Fundación Terra Nosa como de interese para a defensa do medio natural e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

9. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 17 de xuño de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 1 de xullo) clasificouse de interese para a defensa do medio natural a Fundación Terra Nosa e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, corresponde a dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terra Nosa, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Terra Nosa.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda