Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 1 de agosto de 2019 Páx. 35525

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 2 de maio de 2019, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización e convocar para o exercicio 2019 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Segundo. As entidades colaboradoras do Plan Foexga 2019-2020 son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación), tal e como figura no anexo V, das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes e de execución do proxecto:

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos 5 días hábiles desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará no prazo dun mes desde o día seguinte a esa data, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematarase no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación subvencionable (e como data límite final o 31 de outubro de 2020), prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Convocatoria

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

2019.1

2019 00009

09.A1.741A.7708

41.000,00 €

319.000,00 €

O director xeral do Igape ampliará o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presencia e maior potencial de crecemento futuro, e, consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

• Eixe 2. Maior presencia en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados, pero sobre todo, zonas xeográficas.

• Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

• Eixe 5. Unidade de axentes impulsores. Colaboración cos organismos intermedios. Obxectivos: coordinación e complementariedade a través da cooperación entre os distintos axentes da internacionalización evitando duplicidades, colaborar cos organismos intermedios, como revulsivos para estimular as empresas en vertentes como a innovación, a competitividade e a internacionalización, apoiando activamente as accións desenvolvidas polos actores intermedios e fomentando a participación de empresas galegas en iniciativas agrupadas que fomenten e faciliten ademais a colaboración empresarial.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece, no seu artigo 4, como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxecto destas bases é posibilitar o apoio á participación das empresas galegas non pemes nas misións comerciais e participación en feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais do Plan do fomento das exportacións galegas 2019-2020 (Foexga). Están programadas 230 accións internacionais que se celebrarán ata o 31 de outubro de 2020 e considérase moi interesante a inclusión das empresas galegas non pemes nelas, xa que a participación de empresas de maior tamaño, experiencia e volume poden actuar como efecto tractor doutras empresas e, polo tanto, contribuír ao obxectivo principal de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das nosas empresas.

Así mesmo, alíñase na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que, entre outros obxectivos, ten o de conseguir un aumento do número de empresas da base exportadora, a procura e apertura de novos mercados, o apoio na ampliación de cota de mercados con menor presencia e maior potencial de crecemento futuro, e a consolidación de cota nos mercados maduros.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación algunha das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos dos beneficiarios, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das empresas galegas non pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.

2. O obxectivo principal deste programa é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que, no seu artigo 19.2, establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

2. No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia, e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables

1. Serán subvencionables a participación de empresas galegas que superen o límite establecido para seren pemes no seguinte tipo de actuacións:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro).

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

E que sexan convocadas polas cámaras de comercio declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas do Plan Foexga 2019-2020.

2. Gasto subvencionable:

O importe facturado en concepto de cota polas entidades colaboradoras para a participación do solicitante nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións galegas 2019-2020, sendo esta cota a resultante da convocatoria de cada actuación e de importe non superior ao resultante para as pemes participantes en accións do Plan Foexga 2019-2020.

A cota deberá ser certificada para cada convocatoria pola entidade colaboradora organizadora da actuación.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e a data de fin de execución segundo o establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á da presentación da solicitude de axuda correspondentes a: reserva das empresas de participacións nas accións.

4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será dun máximo do 70 % da cota establecida para a participación nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións galegas 2019-2020 coa seguinte distinción dependendo do tipo de beneficiario.

Tipo de empresa solicitante

Empresas non pemes con menos de 500 empregados

Empresas non pemes con máis de 500 empregados

70 %

60 %

O gasto subvencionable máximo limitarase a 4.000 € por empresa no caso de participación en misión comercial e a 12.000 € no caso de participación en feira ou evento expositivo.

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgaranse con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. Para os efectos destas axudas, considéranse entidades colaboradoras as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación galegas, declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas do Plan Foexga 2019-2020 que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións indicadas no artigo 3.1 destas bases e o Igape. Serán as encargadas de organizar e executar as devanditas actuacións.

Na súa relación co Igape, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Comprobar que as empresas que soliciten participar na acción cumpren os requisitos do artigo 8 destas bases para ser beneficiario da axuda.

b) Convocar a acción.

c) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar na acción.

d) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda.

e) Desenvolver as actuacións.

f) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida emitindo o correspondente documento polo que se establecen as condicións da axuda .

g) Xustificar a axuda ante o Igape.

3. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

4. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polo ditos organismos.

c) Difundir a convocatoria destas axudas nas súas páxinas web e dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto polo Igape e da Xunta segundo o establecido no anexo IV a estas bases e comunicar ás empresas esta obriga.

d) Conservar as solicitudes das empresas para participar na acción e os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un prazo de catro anos desde a presentación da documentación.

e) Subministrar, por requirimento do Igape, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro de 2020, informe de resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

f) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

h) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

6. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Programar, organizar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionando a súa realización e os custos e pagamentos que lle correspondan no seu desenvolvemento; asumindo a xestión económica e a dirección técnica, e realizando a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.

b) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas polo Igape -co seu orzamento orientativo non limitativo- (segundo o modelo do anexo III) para a súa revisión co fin de garantir o establecido nestas bases e, a adecuación dos criterios de selección das empresas interesadas aos obxectivos destas bases e aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación así como para a súa difusión.

c) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións obxecto de apoio, conforme os procedementos que garantan os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia e igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comprobar que as empresas seleccionadas cumpren os requisitos establecidos no artigo 8 destas bases para ser beneficiarias das axudas.

d) Enviar ao Igape a información/documentación que se vaia facilitar ás empresas participantes na acción. Entre outros, o informe país/sectorial onde consten as oportunidades de negocio para as empresas galegas e as relacións bilaterais do país con Galicia.

e) Cubrir convenientemente o formulario de solicitude de axuda a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

f) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida no prazo dun mes desde a notificación á entidade colaboradora da resolución de concesión correspondente á actuación en que participa a empresa.

g) As cámaras deberán ingresar ás empresas os importes íntegros -sen compensación doutros gastos non elixibles- correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de trinta (30) días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as cámaras deberán remitir ao Igape un escrito informando disto con copia simple das transferencias efectuadas.

h) Enviarlle ao Igape as axendas das empresas participantes -no caso de empresas que non soliciten elaboración de axenda pola cámara deberá recadarse -coa solicitude de axuda e enviar ao Igape- información dos obxectivos da acción e tipo de reunións que se deberán manter-.

i) Comunicarlles ás empresas a obriga de responder a un cuestionario relativo á actuación realizada. O Igape non aboará a subvención ata que se responda ao devandito cuestionario.

j) Poñer todos os medios para recadar das empresas a documentación necesaria para a debida xustificación do gasto elixible.

k) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

l) Reintegrar, nos casos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de mora. Esta obriga será independente das sancións que, se é o caso, resulten exixibles.

Artigo 7. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser consideradas empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece na epígrafe 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013) e o Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 que o modifica (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019).

f) Que estean ao día nos pagamentos adebedados ás cámaras de comercio, industria y navegación de que formen parte.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas dela e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 16.2. O Igape porá á disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.

Artigo 8. Obrigas

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 6.5 letras a), b), c), e), f) e g), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria.

c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban ser presentadas ante o Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 19 destas bases. A axuda aboarase a través da cámara unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.

d) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

e) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de catro anos desde a presentación da documentación.

g) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Solicitude

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas segundo o modelo do anexo III.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de dez (10) días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

Artigo 10. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

A documentación requirida deberase presentar, así mesmo, por medios electrónicos a través da mesma aplicación informática.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quedase libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Existencia de crédito.

No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 11. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e o seu pagamento. Corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 12. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data da solicitude na aplicación informática. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Resolución e notificación das resolucións

1. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección da Área de Internacionalización do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade colaboradora, contía da subvención e obrigas que corresponden á entidade colaboradora

3. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarlles aos beneficiarios das axudas. Esta comunicación farase á empresa no momento da súa inscrición atendendo á resolución de concesión correspondente á actuación en que participa.

Artigo 15. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa. O interesado, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Xustificación da actuación

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es

Neste formulario deberá identificar as empresas beneficiarias da axuda e declarar ante o Igape que as devanditas empresas cumpren os requisitos para obter a condición de beneficiario segundo o artigo 8 destas bases reguladoras e que foron seleccionadas segundo o modelo de convocatoria remitido ao Igape.

Tamén deberá detallar a acción realizada, as actuacións levadas a cabo polos participantes e os resultados percibidos, así como achegar un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos en que se cubra ademais os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da entidade colaboradora de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, a entidade colaboradora deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 18.6. A entidade colaboradora responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúase do anterior, os documentos que, de conformidade co artigo 18.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estivese en formato papel, o interesado deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o interesado das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:

a) Relación de empresas seleccionadas a través da convocatoria aprobada participantes na acción subvencionada e a ficha de inscrición correspondente a cada unha delas.

b) Certificación de cota de participación emitida pola entidade colaboradora organizadora da actuación.

c) Orixinal das facturas das entidades colaboradoras ás empresas deben reflectir os seguintes datos:

1º. Data de emisión.

2º. NIF da empresa beneficiaria.

3º. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

4º. Detalle dos servizos prestados, persoa que viaxa, datas, cidade/s de orixe e destino.

A factura debe estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

d) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola beneficiaria, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de xustificación do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, e estarán debidamente selados pola entidade financeira, e asinados polo beneficiario. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

2º. Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

e) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas (evidencias actuacións difusión, fotografías eventos, acreditación da aceptación ao evento, etc) e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 6.5.c) destas bases (fotografías do cartel con plano xeral de ubicación e de detalle, enlace á web onde se informa sobre o proxecto).

f) Informe de resultados da entidade colaboradora que inclúa información concreta dos resultados e beneficios obtidos coa acción subvencionada.

7. En todos os casos, os beneficiarios e as entidades colaboradoras deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 19. Pagamento ás entidades colaboradoras

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás empresas os importes íntegros -sen compensación doutros gastos non elixibles- correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 30 días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás pemes, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

3. As entidades colaboradoras deberán informar as beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.

Artigo 20. Incumprimento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa.

2. As cantidades que se vaian reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro quedase acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta dos beneficiarios. A exixencia de reintegro aos beneficiarios procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

6. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea.

d) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.

e) Cando non acrediten que se atopan ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 6.5.c) destas bases.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

7. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

8. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 21. Control

Os beneficiarios e as entidades colaboradoras destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e as entidades colaboradoras e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, entidade colaboradora, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento dos beneficiarios.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento, todo iso de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e no resto da normativa que resulte de aplicación, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade do beneficiario:

Estas axudas están financiadas polo Igape polo que en todas as medidas de comunicación deben incluírse exclusivamente o logo de Igape e Xunta de Galicia, a marca turística de Galicia.

A obriga de dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consiste na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Xunta de Galicia, a marca turística de Galicia. Esta publicidade deberá divulgarse na páxina web da empresa así como mediante un cartel específico no caso de actuacións de participación en feiras, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

ANEXO V

Convenio de colaboración entre o Igape e a entidade colaboradora _________________________________________ para a xestión de axudas relativas ao Programa Sinerxía da Internacionalización

Dunha parte, Juan Manuel Cividanes Roger, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q 6550010J, domiciliado en Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela. Está facultado para este acto en virtude da delegación de facultades do 23 de decembro de 2016 do presidente do Igape, feita pública mediante a Resolución do 25 de xaneiro de 2017 (DOG nº 23, do 2 de febreiro).

Doutra parte, ___________________________________, con NIF______________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a ____________ colaboran no desenvolvemento do Plan Foexga 2019-2020, para o cal asinaron o convenio de colaboración para a xestión de axudas relativas ao Plan Foexga 2019-2020 con data _____________.

II. Que ambas as partes consideran que é de interese para o impulso da internacionalización das empresas galegas completar o Plan Foexga cun programa que permita a participación das empresas non pemes nas accións do mencionado plan, polo que acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes.

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto da colaboración

O presente convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ______________________________ e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización.

Segunda. Condicións das actuacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións das actuacións e gastos subvencionables, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación das solicitudes, a dotación orzamentaria, a xustificación e o aboamento da subvención, modificacións, incumprimentos e reintegros, establécense nas mencionadas bases reguladoras da axuda.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade _______________________ é unha entidade colaboradora do Plan Foexga segundo Resolución do 30 de novembro de 2018 que a habilita para ser entidade colaboradora do Programa Sinerxía da Internacionalización.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, a maiores das obrigas asumidas pola condición de entidade colaboradora do Plan Foexga sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape e darlle publicidade ao Programa Sinerxía da Internacionalización.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, poñer todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas ás empresas beneficiarias e colaborar na difusión deste programa.

c) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que as empresas solicitantes en participar na acción obteñan a condición de beneficiaria, así como a corrección da documentación que se lles exixe para percibir a subvención.

e) Tramitar ante o Igape as solicitudes de axuda. A tramitación destas solicitudes será unicamente telemática, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así como a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión a internet, etc).

f) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das actuacións subvencionadas así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

h) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

i) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

A entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do Programa de Sinerxía da Internacionalización e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicar ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

f) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co seu NIF e IAE da entidade colaboradora, ou ben anexa copia do seu NIF e IAE a este convenio.

g) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben anexar copia da certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada actuación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol da empresa beneficiaria, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras deste programa.

Sétima. Control

Tanto as entidades colaboradoras, como as empresas beneficiarias, quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, se for o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación dos expedientes, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da oficina virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse polo director xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo director xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2020 sen prexuízo das prórrogas que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril), na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, firma e selo:

O director xeral do Igape

Data, firma e selo:

O/A representante legal da entidade colaboradora