Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35782

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria no ano 2019.

Mediante a Resolución do 28 de decembro de 2018 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019.

Trátase das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento dos seguintes programas:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (código de procedemento SI435B), financiado co PO FSE Galicia 2014-2020.

b) Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero (código de procedemento SI435A), financiado co PO FSE Galicia 2014-2020.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (código de procedemento SI427B), financiado co PO FSE Galicia 2014-2020.

d) Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres (código de procedemento SI435C), financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Esta convocatoria tramitouse como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2018.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe 2019

Importe 2020

Total

05.11.312G.460.1

2016.00018

797.065,00

-

797.065,00

05.11.313B.460.0

2015.00144

2.293.353,00

1.470.000,00

3.763.353,00

05.11.313D.460.1

2018.00112

800.000,00

-

800.000,00

Total

3.890.418,00

1.470.000,00

5.360.418,00

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas e que cumpren os requisitos para ser beneficiarias das axudas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a anualidade 2019 a través dos supostos previstos nas letras a) e b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 2.3 da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria no ano 2019, ao existir remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo aos mesmos créditos e logo da xeración de crédito financiado con fondos europeos do Marco 2014-2020.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co exposto, de acordo co previsto no Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia; correspóndelle, así mesmo, a aprobación das bases da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia.

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria na anualidade 2019 prevista no artigo 2.1 da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria no ano 2019.

2. O incremento da dotación será de 216.364,62 euros na anualidade 2019, 162.912,24 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.312G.460.1 (código de proxecto 2016.00018) e 53.452,38 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.460.0 (código de proxecto 2015.00144), consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

O crédito dispoñible para atender as axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade convocadas no ano 2019 quedaría así establecido en 5.576.782,62 euros, coa seguinte distribución por aplicación orzamentaria:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial

anualidade 2019

Crédito anualidade 2020

Ampliación anualidade 2019

Total

05.11.312G.460.1

2016.00018

797.065,00

-

162.912,24

959.977,24

05.11.313B.460.0

2015.00144

2.293.353,00

1.470.000,00

53.452,38

3.816.805,38

05.11.313D.460.1

2018.00112

800.000,00

-

-

800.000,00

Total

3.890.418,00

1.470.000,00

216.364,62

5.576.782,62

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 11.1 da Resolución do 28 de decembro de 2018 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade