Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 9 de agosto de 2019 Páx. 36446

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 3 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2010/269-1).

De conformidade co previsto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U., con NIF A85309219 y domicilio no Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Madrid.

Segundo. Características do proxecto

LAT trifásica con dous condutores por fase, en configuración de dobre circuíto (DC), a 220 kV de tensión nominal, de 27.687 metros de lonxitude, en condutor tipo AL/AW Condor, tendida en vinte e unha (21) aliñacións sobre torres metálicas de celosía enclavadas en zapatas de formigón individuais, para unha capacidade térmica de transporte de 788 MVA/circuíto (verán) e de 881,9 MVA/circuíto (inverno), coa orixe en posición de liña instalada na subestación Lousame (expediente IN407A 2009/471-1) e remate en posición de liña instalada na subestación Mazaricos (expedientes IN407A 1999/84-1 e IN407A 2009/472-1). Condutor composto terra-óptico tipo OPGW-TIPO1-17kA-15.3 e condutor de terra convencional tipo Alumoweld 7n7. Illadores de vidro.

Terceiro. Consideracións

O citado proxecto someteuse a información pública por Acordo do 10 de agosto de 2018 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (DOG nº 172, do 10 de setembro).

Durante a tramitación do expediente obtivéronse informes de carácter ambiental dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Axencia Turismo de Galicia, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural, Servizo de Montes de Pontevedra da Consellería do Medio Rural, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial da Coruña, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Concello de Teo, Concello de Negreira, Concello de Cuntis e Concello de Valga.

Os informes remitíronse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, quen formulou a declaración de impacto ambiental o 22.2.2017, a cal foi obxecto de publicidade mediante Resolución do 27 de marzo de 2017 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 100, do 29 de maio).

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar á empresa REE a autorización administrativa de construción da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos (A Coruña).

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Quinto. Condicións

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV dobre circuíto Lousame-Mazaricos, asinado por Ángel Gallego del Monte, enxeñeiro industrial (colexiado nº 5.302, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), con visado dixital deste colexio con nº 201703687 e data do 21.11.2017, e no que figura un orzamento de 8.645.402 €.

2. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

5. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran na declaración de impacto ambiental (DIA) formulada o 22.2.2017 polo órgano ambiental.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na declaración de impacto ambiental:

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 4 da DIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 3 da DIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1.2 da DIA.

– Medidas de seguimento e o seu órgano encargado: punto 3.8 da DIA.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa REE procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipulada, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas