Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 13 de agosto de 2019 Páx. 36681

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (subgrupo C1).

Mediante a Resolución do 20 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, acórdase o peche e apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e escala operativa do servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (subgrupo C1) (DOG núm. 41, do 27 de febreiro).

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral figuran regulados no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes de incorporación a listas, pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 12 de xuño de 2019 (DOG núm. 117, do 21 de xuño), fixéronse públicas as listas provisionais de admitidos e excluídos.

Rematado o prazo establecido na devandita resolución para presentar reclamacións, unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006, acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 11 do decreto regulador, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (subgrupo C1).

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, apartado de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e información da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

As devanditas listas incluirán a seguinte información:

– Solicitantes admitidos/as na lista con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos/as con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición, debendo consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, e copia cotexada do modelo de autoliquidación da taxa.

Quinto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública