En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de xuño de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:
«1ª. Aprobar a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico de Oribio, nos concellos de Triacastela e Samos (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento, S.L.
2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Triacastela e Samos quedan vinculados ás determinacións contidas na addenda ao proxecto sectorial que se aproba».
De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas da addenda ao proxecto sectorial do parque eólico de Oribio.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas
ANEXO
Disposicións normativas da addenda ao proxecto sectorial
1. Plan vixente.
O Concello de Tricastela non dispón de plan urbanístico, sendo por tanto de aplicación aos terreos afectados o réxime do solo rústico previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, segundo no disposto o número 4 da súa disposición transitoria primeira. Os terreos ocupados polas infraestruturas que compoñen o parque eólico terían a seguinte clasificación urbanística aplicando a Lei 2/2016:
– Solo rústico de protección de espazos naturais, xa que as instalacións previstas se atopan dentro da ZEC Ancares-Courel, de acordo co Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.
– Solo rústico de protección forestal, xa que as instalacións están situadas en terreos do Monte Veciñal en Man Común de Pasantes e de Queixadoiro.
– Solo rústico de protección patrimonial, xa que as instalacións se atopan dentro da área do BIC Camiño de Santiago, Camiño Francés, de acordo co previsto no Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés.
O Concello de Samos tampouco conta cun instrumento de plan xeral. Conta coa delimitación de solo urbano aprobada definitivamente o 29.9.1995 e coa do núcleo rural de Vigo do Real, aprobada definitivamente o 8.9.2015, ambas as dúas fóra da área de incidencia urbanística do proxecto sectorial do parque eólico de Oribio. Resulta pois de aplicación aos terreos afectados no concello de Samos o réxime do solo rústico previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, segundo o disposto no número 4 da súa disposición transitoria primeira. Os terreos ocupados polas infraestruturas que compoñen o parque eólico terían a seguinte clasificación urbanística aplicando a Lei 2/2016:
– Solo rústico de protección de espazos naturais, xa que as instalacións previstas se atopan dentro da ZEC Ancares-Courel, de acordo co Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.
– Solo rústico de protección forestal, xa que as instalacións están situadas en terreos do Monte Veciñal en Man Común de Abradelo, Gundriz, Santa Mariña e Carqueixeda.
– Solo rústico de protección patrimonial, xa que as instalacións se atopan dentro da área do BIC Camiño de Santiago, Camiño Francés, de acordo co previsto no Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés.
2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.
2.1. Adecuación do plan.
A clasificación de solo rústico de especial protección de infraestruturas axústase á superficie vinculada á modificación do parque eólico, suprimíndose a nova clasificación de solo correspondente ás infraestruturas eliminadas do proxecto sectorial vixente (posicións A1, A4, A6, A8 e A10 así como os viais e gabias asociadas a estas posicións).
A área delimitada polo proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016:
«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos do plan urbanístico e de ordenación do territorio».
Por tanto, deberá incluírse no plan xeral dos concellos afectados e, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito do novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto, que se superpoñerá complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.
O solo rústico de especial protección de infraestruturas aquí indicado, aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a seguir:
1) Ámbito de aplicación.
Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano nº 6 da addenda ao proxecto sectorial como solo rústico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.
De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito no que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.
2) Condicións de uso e licenzas.
O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.
Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun radio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.
3) Condicións de edificación.
A superficie máxima das edificacións será de 200 m2, computándose exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 7 m de altura. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural.
Os cerramentos e valados poderán realizarse de malla metálica, vexetais ou con materiais tradicionais da zona sen que poidan superar os 3 m de altura.
A altura máxima alcanzada polos aeroxeradores será de 152 m.
4) Condicións estéticas.
As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. En tal sentido, para o acabado das edificacións empregarase a pedra nas fachadas e a lousa no tellado, ou outros materiais tradicionais e propios da zona.
5) Condicións de servizos.
De acordo co previsto no artigo 39.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa costa os servizos de:
– Acceso rodado.
– Abastecemento de auga.
– Saneamento e depuración.
– Enerxía eléctrica.
– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.
– Dotación de aparcamentos.
Todas as instalacións que conforman o parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, quedan incluídas dentro deste solo cualificado como solo rústico de protección de infraestruturas.
2.2. Eficacia.
De acordo co Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia, á marxe das modificacións do plan local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.
A Lei 10/1995, de ordenación do territorio no seu artigo 24 establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten devanditos plans ou proxectos, que haberán de adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».
No mesmo sentido o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o concello no que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.
Cando se revise o plan municipal dos concellos afectados e/ou se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», coa normativa sinalada no apartado anterior.
2.3. Prazo.
A adecuación do plan xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:
– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.
– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.
– A adaptación, se é o caso, do plan á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia ou normativa que a substitúa.
3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.
As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.