Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 21 de agosto de 2019 Páx. 37152

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021 (cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020) (código de procedemento BS623C).

BDNS (Identif.): 470325.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán beneficiarias da presente convocatoria as corporacións locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións mencionadas na orde. Enténdense incluídas as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.

As corporacións locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Aquelas corporacións locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada conforme as seguintes regras:

1º. Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 150 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior, deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.

2º. Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.

Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, excepto a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.

c) As corporacións locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.

d) Todas as accións serán deseñadas, desenvoltas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e teranse en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres a que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller.

Segundo. Obxecto

A orde ten por obxecto o establecemento e regulación da concesión de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral, para as anualidades 2019, 2020 e 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 a 2021 (cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020).

Cuarto. Importe

O crédito total destinado á presente convocatoria ascende á cantidade de cinco millóns, cincocentos setenta e cinco mil novecentos euros (5.575.900,00 €), coa seguinte distribución por programas:

Programas

Ano 2019

Ano 2020

Ano 2021

Total

Programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana

21.000,00 €

500.000,00 €

290.000,00 €

811.000,00 €

Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante

21.000,00 €

345.000,00 €

295.000,00 €

661.000,00 €

Programas dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social

26.000,00 €

1.050.000,00 €

612.500,00 €

1.688.500,00 €

Programas complementarios dirixidos á educación e apoio familiar dirixidos a familias en situación ou risco de exclusión social

25.000,00 €

1.000.000,00 €

580.000,00 €

1.605.000,00 €

Programas dirixidos a persoas sen fogar

20.400,00 €

500.000,00 €

290.000,00 €

810.400,00 €

Total

113.400,00 €

3.395.000,00 €

2.067.500,00 €

5.575.900,00 €

Estas partidas están cofinanciadas ao 80 % con fondos do PO FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.1, A inclusión activa, tamén con vistas a promover a igualdade de oportunidades, así como a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego; obxectivo específico 9.1.1, Mellorar a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, a través da activación e de itinerarios integrados e personalizados de inserción; liña de actuación 106, Accións específicas da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social