Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Xoves, 29 de agosto de 2019 Páx. 38265

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 29 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT a 220 kV DC de E/S na SE Ponte Bibei da LAT Conso-Trives 220 kV, no termo municipal de Manzaneda, provincia de Ourense (expediente IN407A 2016/250-3).

De conformidade co previsto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U., con NIF A85309219 e domicilio en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Madrid.

Segundo. Características do proxecto

LAT con tensión nominal de 220 kV, de 1.994 m de lonxitude con condutor tipo AL/AW cóndor, sobre torres metálicas de celosía, con dobre circuíto e 2 condutores por fase, que conectará o apoio existente T-19 do circuíto Trives-Conso 220 kV (que vai compactado en dobre circuíto coa LAT Trives-Aparecida de 400 kV), co novo apoio T-5 da actual liña de entrada e saída na subestación de Ponte Bibei da LAT Trives-Conso 220 kV.

Terceiro. Consideracións

O citado proxecto someteuse a información pública mediante Acordo do 22 de abril de 2018 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense (DOG nº 95, do 21 de maio).

Durante a tramitación do expediente obtivéronse informes de carácter ambiental dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución pola que se formula o informe de impacto ambiental do proxecto de LAT a 220 kV E/S na SE Ponte Bibei da LAT Conso-Trives 220 kV. O 8 de xullo de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 21 de xuño da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático polo que se fixo público o dito informe de impacto ambiental.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar á empresa REE a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT a 220 kV E/S na SE Ponte Bibei da LAT Conso-Trives 220 kV, no termo municipal de Manzaneda (Ourense).

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Quinto. Condicións

1. En cumprimento do disposto no informe de impacto ambiental emitido o 19 de xuño de 2019 polo órgano ambiental e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 11.552,26 € (1 % do orzamento do proxecto de execución) a contía do aval, que deberá constituír a empresa promotora (REE) para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

A empresa promotora deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Addenda ao proxecto de execución da LAT a 220 kV E/S na SE Ponte Bibei da LAT Conso-Trives 220 kV, asinado por Ángel Gallego del Monte, enxeñeiro industrial (colexiado nº 5.302, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), con visado dixital deste colexio con número 201602172 e data do 15 de marzo de 2018, e no cal figura un orzamento de 1.155.226 €.

3. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, deberánselle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, xunto coa documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

6. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran no informe de impacto ambiental formulado o 19 de xuño de 2019 polo órgano ambiental.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no informe de impacto ambiental (IIA):

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 4 do IIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 5 do IIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 4 do IIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado del: punto 5.8 do IIA.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa REE procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

8. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas