Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 4 de setembro de 2019 Páx. 38684

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 99/2019, do 1 de agosto, polo que se modifica o Decreto 24/2010, do 25 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública.

O Decreto 24/2010, do 25 de febreiro, publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de marzo de 2010, aprobou a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Desde 2010, a Agasp incrementou de forma notoria a súa actividade e é, con carácter xeral, especialmente relevante o aumento do número das actividades formativas, así como a xestión de novas competencias como a derivada da sinatura e execución do convenio co Ministerio do Interior para a formación dos membros da Policía Nacional e da Garda Civil destinados en Galicia. Como corolario do dito incremento é tamén singularmente destacable a asunción de novas competencias derivadas do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, modificado polo Decreto 20/2019, do 28 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local. Neste sentido, faise necesario un aumento da dotación de persoal, que debe ter o seu reflexo na estrutura orgánica para, deste xeito, adaptala ao exercicio práctico das competencias e das funcións atribuídas.

De conformidade co exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de agosto de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 24/2010, do 25 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)

O Decreto 24/2010, do 25 de febreiro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), queda modificado como segue:

Un. Modifícase a alínea f) do artigo 2, que queda redactada como segue:

f) Levar a cabo o asesoramento técnico-xurídico e financeiro e os informes que lle soliciten a persoa titular da Dirección Xeral e do Consello Reitor.

Dous. Engádese unha nova alínea d) no artigo 3, coa seguinte redacción:

d) Servizo de Coordinación, Planificación e Selección.

Tres. Engádese un novo artigo 7, coa seguinte redacción:

Artigo 7. Funcións do Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Ao Servizo de Coordinación, Planificación e Selección correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A planificación, elaboración, execución e control das convocatorias derivadas da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

b) A elaboración e xestión de calquera convenio ou acordo de colaboración que se lle encomende e, especialmente, dos convenios cos diferentes concellos derivados da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con estes concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

c) A planificación, elaboración, execución e control das listas de colaboración para a contratación de persoal auxiliar de policía local.

d) Elaborar as propostas, organizar e xestionar os cursos de formación presenciais e de teleformación que se lle encomenden para os corpos da policía local e policía autonómica e, de ser o caso, para persoal dos corpos da garda civil ou policía nacional, xuíces, xuízas, fiscais, persoal funcionario de institucións penitenciarias e persoas traballadoras da seguridade privada, así como xornadas, seminarios e cursos de actualización e de especialización dirixidos a estes.

e) Baixo a dependencia da persoa titular da Secretaría Xeral, a organización e coordinación do plan anual de actividades, da memoria anual sobre as actuacións da academia, así como cantas funcións de coordinación e planificación lle poida encomendar.

f) A planificación, execución e control do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, así como calquera actuación que en materia de salvamento e socorrismo poida exercer a Academia Galega de Seguridade Pública.

g) A realización, no seu ámbito de competencias, de cantos estudos e traballos se lle encomenden.

h) As demais funcións que, incluídas no ámbito respectivo, lle sexan asignadas.

i) Exercer cantas funcións lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proporá á Consellería de Facenda, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, as modificacións que procedan na relación de postos de traballo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Mentres non se aprobe a relación de postos de traballo, facúltase a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a adaptación ou, se é o caso, asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza