Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 13 de setembro de 2019 Páx. 40218

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas e puntuacións provisionais do segundo e terceiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, quenda de discapacidade intelectual, convocado pola Resolución do 1 de marzo de 2018.

A base oitava da Resolución do 1 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de celador/a, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes á publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal de oficio ou con base nas reclamacións presentadas anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso, serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Finalizado o prazo de reclamación contra o modelo provisional de respostas correspondente ao segundo e terceiro exercicios, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente ao segundo e terceiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de celador/a, convocado pola Resolución do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 13 de marzo) na quenda de discapacidade intelectual así como publicar as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes nestes exercicios.

Segundo. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes á súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal a efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos