Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 19 de setembro de 2019 Páx. 40613

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2019 pola que se convoca o curso Formación sobre o Plan de xestión de emerxencias para persoal de parques naturais.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 11 de xaneiro de 2019, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso: Formación sobre o Plan de xestión de emerxencias para persoal de parques naturais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal do Parque Natural do Invernadeiro, Parque Natural de Enciña de Lastra e o Parque Natural do Monte Aloia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo poderá participar persoal dos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra así como do Servizo de Parques Naturais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que desenvolva funcións relacionadas cos devanditos parques naturais que se atopen en situación de servizo activo, permiso por maternidade/paternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á Egap a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A Egap adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. No proceso de selección aplicaranse os seguintes criterios:

1º. Terá preferencia o persoal empregado público asignado aos parques naturais de referencia que teña dedicación exclusiva para eses parques.

2º. De xeito subsidiario, poderá ser seleccionado aquel outro persoal que preste servizos nos ditos parques de forma parcial.

3º. No caso de non cubrirse as prazas segundo os anteriores criterios, poderá ser seleccionado o persoal dos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra así como do Servizo de Parques Naturais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que desenvolva funcións relacionadas cos devanditos parques naturais.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2019, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro (DOG núm. 25 do 5 de febreiro), comezarase pola letra Q.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A Egap publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Transcorrido o prazo de alegacións, a Egap publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Egap cunha antelación mínima dun día natural anterior ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades impartidas na modalidade presencial:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade formativa non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial, se a houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito para participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

– É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

– As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

– Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

– Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

As datas e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da Egap

1. A Egap e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a Egap e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A Egap e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19056.

Formación sobre o Plan de xestión de emerxencias para persoal de parques naturais.

1. Obxectivos.

O obxectivo xeral da formación será o de informar ao persoal do parque natural sobre o contido do Plan de xestión de emerxencias do parque natural, e da súa implementación.

Os obxectivos específicos que se pretenden acadar son:

– Dar a coñecer o marco normativo dos plans de protección civil e de emerxencias en Galicia.

– Informar do resultado da análise de riscos presentes no parque e do seu nivel de gravidade.

– Identificar as infraestruturas, os medios de protección e as medidas preventivas.

– Informar da xerarquización e da asignación de funcións.

– Explicar os procedementos que se deben seguir en caso de emerxencia ou incidente.

– Consignas en caso de emerxencia ou incidente.

– Coñecementos no emprego de equipos, medios e ferramentas.

– Características e utilización dos equipos de protección individual.

2. Destinatarios/as.

– Persoal do Parque Natural do Invernadeiro, Parque Natural de Enciña de Lastra e o Parque Natural do Monte Aloia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– Persoal dos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra así como do Servizo de Parques Naturais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que desenvolvan funcións relacionadas cos devanditos parques naturais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 8 h.

Datas: 9 de outubro de 2019.

Horario: das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 20.00 h.

Proba final: ás 19.00 h.

Lugar: Centro de Recuperación de Fauna «O Rodicio» Alto do Rodicio-Maceda (Ourense).

Prazas: 20.

4. Contido.

– O marco normativo dos plans de protección civil e emerxencias en Galicia. O Plan de xestión de emerxencias do parque natural.

– Análise de riscos e o seu nivel de gravidade no parque natural.

– Tipoloxías de emerxencia ou incidente.

– Estruturas e medios de protección e medidas preventivas.

– Xerarquía e funcións, directorio.

– Procedementos en caso de emerxencia ou incidente. Toma de decisións.

– Emprego de medios e ferramentas.

– Comunicacións e mensaxes.

– O equipo de protección individual (EPI).

– Supostos prácticos.