Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019 Páx. 40673

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2019 pola que se convoca un curso sobre a intervención do Consello Consultivo de Galicia na nova Lei de contratos do sector público.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, Egap) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar un curso sobre a intervención do Consello Consultivo de Galicia na nova Lei de contratos do sector público que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as do sector público autonómico de Galicia con responsabilidades en materia de contratación pública da Xunta de Galicia, entidades locais, universidades e Administración institucional dependente das anteriores que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á Egap a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A Egap adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Egap do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), dándose preferencia ao persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos grupos A1 e A2, que teña responsabilidades en materia de tramitación e instrución relacionados coas materias dos cursos.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2019, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Q.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A Egap publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a Egap publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de agarda.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Egap cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da Egap

1. A Egap e o Consello Consultivo de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a Egap e o Consello Consultivo de Galicia resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A Egap e o Consello Consultivo de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19057.

A intervención do Consello Consultivo de Galicia na nova Lei de contratos do sector público.

1. Obxectivos.

A recente Lei 9/2017, do 9 de novembro, de contratos do sector público (LCSP) supuxo unha innovación que persegue modernizar os procedementos de contratación, mellorar a eficiencia e simplificar os procedementos de contratación pública.

Ao tradicional elenco de competencias outorgadas aos órganos consultivos das AAPP (Consejo de Estado ou órganos consultivos autonómicos) a nova lei establece outras novas.

Este curso pretende analizar as competencias substantivas outorgadas pola nova LCSP aos órganos consultivos, e aos trámites e procedementos a través dos cales se exercen estas competencias.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con responsabilidades en materia de contratación pública da Xunta de Galicia, entidades locais, universidades e Administración institucional dependente das anteriores. Preferentemente, TAG dos grupos A1, A2, grupos I e II de persoal laboral e habilitados nacionais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 21 h.

Edicións: unha.

Datas: do 14 de outubro ao 15 de novembro de 2019.

Proba final presencial: o día 20 de novembro ás 9.00 horas, en Santiago de Compostela: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, nº 2-4.

Prazas: 30.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia: composición, competencias, organización e funcionamento.

Tema 2. Interpretación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 3. Modificación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 4. Resolución de contratos e extinción de concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 5. Revisión de oficio de actos en materia de contratación pública. Caso práctico.

Tema 6. Responsabilidade patrimonial derivada da contratación pública. Caso práctico.