Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42429

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463F).

A evidencia científica dispoñible indica que a estratexia más axeitada para diminuír o impacto sanitario e social do uso de substancias adictivas no contexto actual é actuar mediante unha combinación de medidas que interveñan de xeito simultáneo nos ámbitos da exposición e a accesibilidade ás substancias psicoactivas, do seu consumo e da redución do dano asociado.

A Xunta de Galicia é unha Administración sensible a este problema xerado polo consumo de substancias adictivas e vén traballando neste tema desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 nace o Plan autonómico sobre drogodependencias froito da necesidade de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas que ata aquel momento se desenvolvía en Galicia. Este plan intentaba reunir todas as accións que se estaban a desenvolver para abordar e reducir os problemas derivados do consumo destas substancias. Desde o seu inicio buscaba dirixir os esforzos da Administración autonómica en tres direccións: a organización, a planificación xeral e a coordinación das actuacións das diversas administracións, institucións e organismos implicados na loita contra as adiccións.

No ano 1996 apróbase a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece no seu capítulo II que a planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na nosa comunidade autónoma, preveranse nun Plan de Galicia sobre drogas. Esta lei indica ademais cales son as accións que se levarán a cabo nas áreas de prevención, asistencia, incorporación social, formación, investigación, coordinación e outras que se consideren oportunas polas distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais.

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue ademais as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas (e os seus plans de acción) como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga. Esta última, na súa planificación para os anos 2013 a 2020, proporciona o marco xeral e as prioridades de intervención para os estados membros.

Unha destas liñas de actuación prioritaria no ámbito da redución da demanda refírese á implantación de medidas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención e fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco que supón o consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Con este fin, as medidas de prevención deben incluír a detección e intervención temperáns, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica (selectiva e indicada) dirixida tamén a familias e comunidades.

Outra liña incide no esforzo que se debe realizar na elaboración e implantación de medidas de redución da demanda eficaces e diferenciadas, e que sexan apropiadas para as necesidades específicas de determinados grupos, patróns ou modalidades de consumo específicos; con atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinados.

Por último, esta estratexia anima tamén a fomentar a participación e implicación activa e significativa da sociedade civil (incluídas as organizacións non gobernamentais, as persoas consumidoras de substancias adictivas e as usuarias dos servizos relacionados co consumo destas substancias) na loita contra este problema de saúde pública.

Os sistemas de información dispoñibles amosan a realidade actual dos consumos de substancias adictivas no noso contorno. Segundo a última edición publicada da Enquisa sobre alcohol e drogas en España (Edades 2015) sinala que o alcohol é a substancia psicoactiva máis xeneralizada na poboación galega de 15 a 64 anos, na medida en que o 97,2 % refire que tomou bebidas alcohólicas nalgunha ocasión na súa vida, o 82,9 % nos últimos 12 meses e o 65,4 % nos últimos 30 días. O tabaco segue sendo a segunda substancia de maior consumo en Galicia, onde o 34,4 % da poboación fumou nos últimos 30 días; e o cánnabis consolídase como a terceira substancia máis consumida (a primeira das substancias ilegais). Con respecto ao resto de substancias analizadas, o 10,4 % refire ter consumido cánnabis nos últimos 12 meses, o 2,8 % cocaína, o 0,2 % heroína e o 0,6 % éxtase.

De maneira similar ao acontecido coa enquisa Edades, a Enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (Estudes 2014-15) indica que as substancias consumidas por unha maior porcentaxe de estudantes de 14 a 18 anos son o alcohol, o tabaco e o cánnabis: o 69,3 % refire ter consumido alcohol nos últimos 12 meses, o 31,1 % tabaco e o 22,2 % cánnabis. No caso do alcohol, as cifras de prevalencia de consumo aumentaron nestes últimos anos de xeito leve. No caso do tabaco e do cánnabis, os datos reflicten unha tendencia de consumo lixeiramente ascendente.

Tendo en consideración todo o anterior e resaltando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional entre os diferentes organismos e institucións que levan a cabo accións neste tema, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención do consumo de substancias psicoactivas levadas a cabo polas entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor en Galicia.

A orde conta cun total de 29 artigos, 2 disposicións adicionais e 2 disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión destas axudas todas aquelas entidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA463F).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer á concesión destas subvencións todas as entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das condutas adictivas.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso das agrupacións de entidades, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.

Ningunha entidade privada poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 4. Requisitos

1. A existencia, ou creación no seu caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.

2. A unidade a que fai referencia a epígrafe anterior estará constituída, polo menos, por unha persoa, profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

En cumprimento da prohibición establecida no punto 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade poderá requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.

3. Presentar un proxecto de actuación para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 orientado á prevención das condutas adictivas, que incluirá os seguintes programas:

a) Clase 1: ata 2 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 5.

b) Clases 2 e 4: entre 4 e 8 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 5. Entre os programas elixidos incluiranse obrigatoriamente algún de 2 dos 3 ámbitos principais de intervención: escolar, familiar e xuvenil.

c) Clase 3: os 4 programas enumerados no punto 3 do artigo 5.

d) Se a Consellería de Sanidade actualizase a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas o compromiso de realización de programas a que se refire o punto 4 deste artigo estenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso e co fin de facilitar a transición, a Consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.

4. Estar inscrita, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades privadas.

5. O proxecto presentado polas entidades pertencentes á clase 4 deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, podendo ser de carácter comunitario, municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presenta un proxecto común. Para a acreditación da poboación destinataria revisarase o padrón municipal que figure no Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso das entidades que pretendan desenvolver plans comunitarios acreditarán a poboación destinataria mediante un certificado municipal que indique a poboación da zona en que se desenvolve o proxecto.

6. A entidade solicitante deberá manifestar de xeito expreso a clase a que opta, segundo o indicado no artigo 9.

7. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

8. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 12.

10. Enviar á Consellería de Sanidade todos os materiais e publicacións (en formatos físicos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde para que sexan revisados e aprobados. Os materiais que utilicen a imaxe corporativa da Consellería de Sanidade deberán cumprir ademais cos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas básicos os seguintes:

a) Ámbito escolar: «Saúde na escola» e «Non pasa nada ¿pasa algo?».

b) Familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas complementarios:

a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Creative» (sempre que se leve a cabo con medios propios da entidade), «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.

Poderanse presentar ata un máximo de 3 programas complementarios. Neste caso terán unha especial valoración as actividades relacionadas coa prevención do consumo de cánnabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e as TIC.

Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas. O programa Sísifo soamente será valorado para as entidades que opten á clase 3.

3. Serán programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos dirixidos a drogodependentes en situación de emerxencia social (programa Sísifo), os seguintes:

a) Programa de captación activa e intervención en medio aberto.

b) Programa de centro de encontro e acollida.

c) Programa de intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.

d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

4. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 6. Funcións da unidade de prevención de condutas adictivas

Serán funcións da unidade de prevención a que se refire o punto 1 do artigo 4 as seguintes:

1. Executar e avaliar os programas de prevención de condutas adictivas incluídos no proxecto presentado, así como rexistrar as actividades realizadas na aplicación informática SAPIS.

2. Ser un nexo de unión entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e calquera entidade ou institución que teña relación coa prevención das condutas adictivas e atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación sobre este tema no seu ámbito territorial. Do mesmo xeito, deberá difundir á sociedade as actividades preventivas que se estean realizando.

3. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda, subministración e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

4. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do plan de trastornos adictivos vixente.

5. Elaborar os informes que permitan o seguimento e a avaliación dos proxectos preventivos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Colaborar coas organizacións e institucións que a Consellería de Sanidade designe para monitorizar e avaliar as actividades e os programas preventivos desenvoltos.

Artigo 7. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas nesta orde ascende a 2.000.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2019: 365.000,00 €.

b) Ano 2020: 654.000,00 €.

c) Ano 2021: 654.000,00 €.

d) Ano 2022: 327.000,00 €.

2. A contía a que se refire o punto 1 deste artigo inclúe 266.000,00 euros procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos. A contía repartirase nas catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2019: 76.000,00 €.

b) Ano 2020: 76.000,00 €.

c) Ano 2021: 76.000,00 €.

d) Ano 2022: 38.000,00 €.

3. Estas contías poderíanse ver incrementadas, se for o caso, a través das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, incluíndo a dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado, aplicándose en todo o demais o disposto no mencionado artigo.

4. No caso de que se producise este incremento de crédito a Consellería de Sanidade repartiríao do seguinte xeito:

a) Faríase unha repartición unicamente entre as entidades beneficiarias que non recibisen o 100 % solicitado na asignación ordinaria de subvencións. Se se dera o caso de que todas as entidades beneficiarias xa recibisen o 100 % solicitado a repartición faríase, de xeito excepcional, entre todas as entidades que recibisen subvención (sen contar coas que non a recibisen).

b) Esta nova repartición faríase de xeito proporcional, tendo en conta a puntuación acadada por cada unha delas no artigo 10 e seguindo o mecanismo de asignación establecido no artigo 11.3.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible faríase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

5. En calquera caso, a concesión destas subvencións limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

6. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 27.

Artigo 8. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso, a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A subvención en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto (excepto no caso previsto no artigo 7.4.a). Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no punto 1 deste artigo. A porcentaxe de cofinanciamento sinalada no anexo I de solicitude será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 27 desta orde. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se desenvolverá, resultado de sumar a subvención que se solicita, a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto e, se for o caso, outras axudas recibidas para este mesmo fin.

4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán inadmitidos ou excluídos se se detectase que non hai unha realización conxunta das actividades e que, polo tanto, supoñan actuacións independentes en cada integrante da agrupación.

5. Subvencionaranse os programas e as actividades recollidos no proxecto e desenvolvidos entre o 1.7.2019 e o 30.6.2022.

6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación de entidades privadas. Por iso só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 9. No caso de entidades cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados con base na puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 10.

8. Só serán seleccionados para a adxudicación da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos na fase de baremación. No caso das entidades que concorran á clase 1 a puntuación mínima será de 15 puntos.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nas presentes bases.

10. Se dous ou máis proxectos acadasen a mesma puntuación na fase de baremación, o desempate resolverase seguindo os seguintes criterios:

a) O que empregue a lingua galega tanto na redacción como no desenvolvemento das actividades propostas.

b) O que obteña maior valoración no punto 1 do artigo 10.

c) O que obteña maior valoración no punto 7 do artigo 10.

d) O que obteña maior valoración no punto 9 do artigo 10.

e) De persistir empate resolveríase por sorteo simple.

11. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 27 relativo ao pagamento e á xestión económica.

Artigo 9. Clases e contías das subvencións

1. Clase 1. Entidades que desenvolven programas individuais.

Destínase a esta clase o 3,5 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (70.000,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 4 proxectos que acaden maior puntuación. A subvención máxima que se outorgará a cada unha das entidades desta clase será de 20.000,00 €.

2. Clase 2. Proxectos de prevención de drogodependencias dirixidos a comunidades étnicas con especial risco.

Destínase a esta clase o 3,5 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (70.000,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 35.000,00 euros.

3. Clase 3. Proxectos de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social con carácter, cando menos, supraprovincial.

Destínase a esta clase o 23 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (460.000,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 230.000,00 euros.

4. Clase 4. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en plans comunitarios ou en un ou varios concellos.

Destínase a esta clase o 70 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (1.400.000,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 14 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 100.000,00 euros.

Artigo 10. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:

1. Calidade técnica do proxecto de prevención de condutas adictivas (ata 60 puntos). Os programas definidos no artigo 5 serán valorados do seguinte xeito:

a) Para as clases 1, 2 e 4, valorarase con ata 7,5 puntos cada un dos programas presentados.

b) Para a clase 3, valoraranse os programas presentados con:

1º. Ata 17 puntos polo programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

2º. Ata 17 puntos polo programa de centro de encontro e acollida.

3º. Ata 14 puntos polo programa de diminución de riscos e redución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.

4º. Ata 12 puntos polo programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Para a avaliación dos programas individuais e o cálculo da súa puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo alcanzable por cada programa. Este cálculo farase convertendo as unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Grao de interacción da entidade cos recursos do seu contorno (Administración local, recursos escolares, sociais e sanitarios), definido na memoria explicativa e acreditado coas xustificacións oportunas dos organismos referidos: ata 7 puntos.

3. Coa finalidade de fomentar a agrupación de entidades, incentivaranse aqueles proxectos que promovan o asociacionismo e a xestión compartida de recursos presentando un proxecto común. Así, ao proxecto que agrupe dúas ou máis entidades daráselle 5 puntos.

4. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de condutas adictivas, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 13 anos: 9 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 e 12 anos: 7 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 7 e 9 anos: 5 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 4 e 6 anos: 3 puntos.

d) Tempo de colaboración entre 1 e 3 anos: 1 punto.

No caso das agrupacións de entidades, a puntuación que se lle asignará será a da entidade con maior tempo de colaboración.

5. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) do espazo xeográfico en que desenvolve o proxecto:

a) Se está definido como alto: 3 puntos.

b) Se está definido como medio-alto: 2 puntos.

c) Se está definido como baixo: 1 punto.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente só se valorará esta epígrafe unha vez, asignándoselle os puntos da entidade co IRE máis alto.

6. Titulación e xornada laboral do persoal con que vaia contar a entidade beneficiaria para levar a cabo o proxecto (tomando como referencia os grupos de clasificación dos corpos e escalas do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia establecidos na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia). Valorarase con ata 10 puntos do seguinte xeito:

a) Persoal contratado a xornada completa:

– Por cada persoa con título universitario oficial de grado (grupo A), 2 puntos.

– Por cada persoa con título de técnico superior (grupo B), 1 punto.

– Por cada persoa con título de bachiller, de técnico ou graduado en educación secundaria obligatoria (grupo C), 0,5 puntos.

Ata un máximo de 7,5 puntos.

b) Persoal colaborador a xornada completa:

– Por cada persoa con título universitario oficial de grado (grupo A), 1 punto.

– Por cada persoa con título de técnico superior (grupo B), 0,5 puntos.

Ata un máximo de 2,5 puntos.

Para os efectos da valoración das xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración das xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nos puntos anteriores e redondeando a puntuación a dous decimais.

7. Proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade.

– Ata o 50 %: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,25 puntos.

– Máis do 70 %: 0,5 puntos.

No caso de agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

8. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

– Desde o 2 % ata o 10 %: 0,15 puntos.

– Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,25 puntos.

– Máis do 20 %: 0,5 puntos.

No caso de agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

9. Emprego de persoas perceptoras de Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 0,5 puntos ás entidades que teñan contratada cando menos unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,25 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,5 puntos.

10. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 0,5 puntos ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,25 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,5 puntos.

11. Emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo cos criterios seguintes:

– Máis do 10 % e ata o 23 % de de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,25 puntos.

– Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

No caso de agrupacións para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de empregados maiores de 45 anos realizados por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

12. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, valorarase con 0,5 puntos.

No caso de agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,25 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,5 puntos.

13. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante:

a) Igual ou superior ao 12 %: 3 puntos.

b) Entre o 9 % e o 11 %: 2 puntos.

c) Entre o 6 % e o 8 %: 1 punto.

Artigo 11. Cálculo das contías das subvencións

1. Os posibles excedentes derivados da non selección de ningún proxecto nunha ou en varias clases redistribuiranse entre as demais do seguinte xeito:

a) No caso de que se xerara algún resto nas clases 1, 2 e/ou 3 (xa sexa por non resultar seleccionado ningún proxecto ou por que as entidades seleccionadas xa tivesen asignado o 100 % solicitado), o orzamento global destinado a esa ou esas clases pasaría integramente á clase 4.

b) De quedar vacante a clase 4 o excedente repartiríase a partes iguais entre as clases 1, 2 e 3.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase co das clases 2, 3 e 4 sucesivamente.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así obterase o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se despois destes cálculos, a contía resultante fose superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 8.2, xerándose en consecuencia un resto orzamentario coa diferencia entre ambas cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non teñan acadado o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación faríase calculando un novo euro/punto con base na suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se finalizadas estas operacións seguise existindo algún resto orzamentario, volvería a repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos dunha clase acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade para repartir na seguinte.

5. De darse o caso de que todos os proxectos da clase 4 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 12. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 14 desta orde.

b) Anexo II de declaración de axudas. Este anexo presentarase unicamente no caso de solicitudes conxuntas. Achegarase un exemplar por cada unha das entidades acompañantes á solicitante da subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, a declaración responsable incluída nos anexos I e II será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado con marxes de 2 cm, letra tipo Arial, tamaño 11 puntos e interlineado sinxelo.

2. Estrutura.

A memoria contará con dúas epígrafes:

a) Descrición xeral do proxecto. Esta epígrafe incluirá, nun espazo máximo de 5 páxinas, os seguintes ordinais:

1º. Descrición detallada da unidade de prevención: localización, infraestrutura física e de medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con toda a información sobre o número, o sexo, a vinculación contractual, a titulación e a xornada laboral necesaria para calcular a puntuación definida no artigo 10).

2º. Orzamento detallado do proxecto.

3º. Descrición do grao de interacción da unidade con outras entidades, recursos ou grupos de interese do seu contorno implicados na prevención das condutas adictivas.

b) Descrición de cada programa. A continuación incluirase unha epígrafe individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de 3 páxinas por programa, os seguintes ordinais:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo detallada.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Descrición detallada das actividades que se desenvolverán.

7º. Cronograma detallado das intervencións.

8º. Equipo que desenvolverá a intervención.

9º. Materiais que se utilizarán.

10º. Monitorización e avaliación.

Os ordinais 2º, 4º e 5º desta alínea b) só se cubrirán se o programa non está incluído na carteira de servizos.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no anexo I, segundo corresponda, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase á entidade interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no citado artigo.

Artigo 17. Instrución e comisión de valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, a través do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso a comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento no que a comisión de avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída na forma en que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogalías:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Unha persoa do persoal técnico do devandito servizo, que exercerá as funcións de secretaría.

3º. O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública que, para o efecto, designe a persoa que teña atribuídas as funcións de presidencia da comisión, como persoas responsables da avaliación, se é o caso.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 18. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. Esta resolución conterá, de maneira expresa, a relación das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Infórmase as entidades interesadas, da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase presentando o formulario normalizado proposto no anexo III, ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa, e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non fora así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 24. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso a entidade beneficiaria concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que tivesen recibido outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

As entidades beneficiarias poderán subcontratar ata o 75 % da contía total concedida.

Artigo 25. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables unicamente aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 8.5.

As subvencións outorgadas nesta convocatoria dirixiranse a financiar gastos correntes, isto é, aqueles necesarios para o desenvolvemento das actividades programadas; quedando excluídos os gastos de capital.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal. Ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal.

b) Axudas de custo, sempre que garden relación co proxecto e sexan debidamente xustificadas.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo tales como os correspondentes aos alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

4. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 26. Xustificación

1. As entidades beneficiarias remitirán nas datas sinaladas no artigo 27 á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

a) Declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade beneficiaria da subvención en que se faga constar:

– O conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados. Nesta declaración farase referencia tanto ás axudas efectivamente percibidas como ás aprobadas ou concedidas e ás pendentes de resolución, así como a calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención.

– Que a entidade beneficiaria non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para os efectos do previsto no artigo 31.7 da citada lei, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades beneficiarias están ao día coas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de entidades, a declaración da entidade representante entenderase feita de acordo coas emitidas polas persoas representantes de cada unha das entidades.

Esta declaración farase mediante a presentación do formulario normalizado do anexo II.

b) Certificación expedida pola persoa titular da tesouraría da entidade, co visto e prace do presidente, en que se faga constar:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria e imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data da emisión e data de recoñecemento de pagamento.

Esta xustificación farase mediante a presentación do formulario normalizado do anexo IV.

c) As xustificacións orixinais ou copias compulsadas das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente, nóminas ou boletíns de cotización á Seguridade Social, que acrediten os gastos realizados.

d) A documentación xustificativa do pagamento efectivo dos gastos realizados.

2. Segundo o artigo 8.5 as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1.7.2019 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento deberán referirse unicamente a gastos xerados a partir desa data. A entidade beneficiaria presentará a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos na forma que se especifica no artigo 27, coa finalidade de que a Comunidade Autónoma realice o recoñecemento da obriga do pagamento.

3. A xustificación acreditará expresamente o destino e o importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades.

4. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente e nelas constará, cando menos, a seguinte información:

a) Número de factura.

b) Nome e apelidos ou razón social, número de identificación fiscal e enderezo, tanto do/a expedidor/a como do/a destinatario/a.

c) Descrición da operación e a súa contraprestación total, indicando o tipo impositivo aplicado.

d) Lugar e data da súa emisión.

5. O último pagamento da subvención quedará condicionado á comprobación e á certificación da realización da actividade e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu.

6. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 27. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I de solicitude, que marcará as contías que deben asumir a entidade beneficiaria e a Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía inicialmente concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos pagamentos a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I.

b) Se se producise a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención e o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada exixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2019.

Primeiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2019. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, trala aceptación da subvención concedida e a remisión do anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este pagamento deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do primeiro pagamento á conta.

b) Anualidade de 2020.

Primeiro pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2020. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2019 e o 30.6.2020. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2020.

A presentación desta xustificación é obligatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no primeiro pagamento anticipado.

Segundo pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2020. Efectuarase a partir do 1.8.2020, unha vez remitido o anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do segundo pagamento á conta.

c) Anualidade de 2021.

Segundo pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2021. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2020 e o 30.6.2021. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2021.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no segundo pagamento anticipado.

Terceiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía total outorgada para o ano 2021. Efectuarase a partir do 1.8.2021, unha vez remitido o anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do pagamento final.

d) Anualidade de 2022.

Pagamento final, por importe de ata o 100 % da contía outorgada para o ano 2022. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2021 e o 30.6.2022. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2022.

A presentación desta xustificación final é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no terceiro pagamento anticipado.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 29. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) nº 2016/679, do 27 de abril.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas e ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file