Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42478

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2019 pola que se convoca o Curso superior sobre dereito de patentes.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior sobre dereito de patentes, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O curso ofrecerá coñecementos específicos sobre a protección das invencións a través do dereito de patentes e dos modelos de utilidade. En particular, expoñerase a normativa aplicable ás patentes e a natureza propia deste tipo de dereitos.

Paralelamente, o curso permitirá coñecer cales son os instrumentos xurídicos para defender un dereito de patente e identificar as actividades que poden prohibirse no exercicio deste dereito. Así mesmo, o curso mostrará os mecanismos xurídicos existentes para determinar quen é o lexítimo titular dunha patente e, de ser o caso, en que circunstancias pode cederse ou licenciarse o seu uso a terceiros, especialmente cando a titular ou a destinataria da cesión da patente é a Administración.

2. Contidos.

No programa do curso serán tratados os seguintes temas:

– A actividade administrativa en materia de patentes.

– A protección das creacións industriais: patentes e modelos de utilidade.

– Política empresarial para a protección da innovación.

– O concepto de invención: exclusións.

– O requisito de novidade nas patentes.

– O requisito da actividade inventiva nas patentes.

– O dereito á patente: a designación do inventor.

– As patentes universitarias.

– O procedemento de concesión de patentes.

– O Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi).

– A protección internacional das patentes: o PCT.

– A patente europea.

– Os recursos administrativos en materia de patentes.

– As invencións realizadas no marco dunha relación de emprego ou servizos.

– Novos avances tecnolóxicos (intelixencia artificial, internet das cousas) e dereito de patentes.

– Invencións non patentables.

– A patente con efecto unitario.

– O modelo de utilidade, diferenzas co deseño industrial.

– O procedemento de rexistro do modelo de utilidade.

– O dereito exclusivo de explotación da patente.

– Os requisitos de protección do modelo de utilidade.

– Límites do dereito de patente.

– Invencións creadas pola Administración pública: protección e atribución de titularidade.

– Os usos defensivos e abusivos dos dereitos de patente.

– Nulidade e caducidade das patentes.

– A acción de indemnización por danos e perdas en materia de patentes.

– As licenzas de patentes.

– Patentes e biodiversidade.

– As medidas cautelares en materia de patentes.

– As dilixencias de comprobación de feitos e as dilixencias preliminares en materia de patentes.

– As accións exercitables en defensa da patente.

– Xurisprudencia sobre o alcance de protección da patente nas accións de nulidade e infracción.

3. Número de prazas: 50.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 7, 8, 9, 10, 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23, 24 e 28 de outubro de 2019.

Horario: de tarde, ordinariamente de 16.00 a 20.00 horas.

Duración: 50 horas lectivas.

5. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administración públicas de Galicia, tanto autonómica, como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I ou II do persoal laboral.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

6. Inscrición.

6.1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.2. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 1 de outubro de 2019.

6.3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 5 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

7.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

7.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite: Administración a que pertenza, situación administrativa e tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinado pola data e hora de presentación das solicitudes, de acordo cos criterios establecidos no punto 5, persoas destinatarias, desta resolución.

9. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

9.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou atópanse excluídas de acordo co disposto no punto segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

O prazo de presentación de alegacións será de dous días contados desde a súa publicación.

9.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da organización do curso.

11.1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

11.2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula ( https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública