Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 27 de setembro de 2019 Páx. 42926

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT402F).

BDNS (Identif.): 474306.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán acceder a estas subvencións as persoas, físicas (autónomas) ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción e promoción de actividades musicais, que se atopen dadas de alta no IAE de produción ou edición discográfiaca e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que deba conter maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións ao fomento e promoción do talento musical, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT402F).

Cuarto. Importe

O financiamento destas axudas nesta convocatoria realizarase en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destinarase en todo caso un crédito global de 120.000 euros, correspondente da aplicación dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais 11.A1.432B.770.0, e distribuídos en dúas anualidades, 60.000 euros no ano 2019 e 60.000 euros no ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais