Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 1 de outubro de 2019 Páx. 43308

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 13 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (código de procedemento SA463H).

BDNS (Identif.): 474474.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/s entidade/s solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) e no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes que establece o artigo 8.3. En todo caso, a entidade deberá estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán solicitar as axudas a través destas.

g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos con carácter xeral.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vaia aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes abondos para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar as axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden a fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e outros trastornos adictivos con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), xestionado pola Consellería de Sanidade (código de procedemento SA463H)

O contido dos programas, que se desenvolverán durante o ano 2020, deberá axustarse ás liñas de actuación que sinala a orde, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (código de procedemento SA463H).

Cuarto. Contía

Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2019, crédito por importe total 377.375,75 €, que irá con cargo ao código de proxecto 201800005 e distribuirase de acordo coa táboa que figura a continuación:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe

Liña I. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas drogodependentes.

50.01.413A.781.30

100.000,00 €

Liña II. Programas de incorporación social e inserción sociolaboral de persoas con trastornos adictivos.

50.01.413A.481.30

120.000,00 €

Liña III. Programas de atención integral ás persoas con trastornos adictivos.

50.01.413A.481.30

157.375,75 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código SA463H.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade