Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 2 de outubro de 2019 Páx. 43458

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2019 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 24 da Resolución do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para o ano 2019, cofinanciadas polos fondos comunitarios derivados del programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 80, do 26 de abril).

O 2 de setembro notificáronse as resolucións do 22 de agosto de 2019, desta dirección, polas que se concederon subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de enerxías renovables térmicas.

De acordo co disposto no artigo 24.1 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2019.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referidas datas límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 24.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 18 de novembro de 2019.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia