Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 3 de outubro de 2019 Páx. 43519

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2019 (código de procedemento TR351B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a dita consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea para o emprego, e de acordo coa Axenda 20 para emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e no eido da colaboración institucional.

A Estratexia española de activación para o emprego 2017-2020, aprobada polo Real decreto 1032/2017, do 15 de decembro, desenvolve os eixes das políticas activas de emprego e entre os seus principios de actuación establece o de «colaboración con interlocutores sociais e outros axentes públicos e privados, sectoriais ou locais, incluíndo empleadores, con obxecto de xerar redes de confianza, obter mellor información e reforzar as dimensións territorial e sectorial das políticas de activación». Entre os obxectivos do eixe 5 para o fomento do emprendemento inclúense o asesoramento integral ás persoas emprendedoras que proporcione unha mellor viabilidade dos proxectos empresariais, así como promover o desenvolvemento territorial, apoiando especialmente a creación de novas iniciativas empresariais en zonas rurais.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tendo especial relevancia o apoio ao emprego local. Ademais, a propia Unión Europea, aconsella centrar os esforzos na dinamización das economías locais, a través de plans e programas que favorezan a permanencia da poboación no seu propio contorno.

A constitución dunha contorna local propicia á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motor da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

A Axenda 20 para o emprego contén entre as medidas en materia de emprego de calidade, as relacionadas coa orientación a servizos na atención ás persoas demandantes e empresas, entre outras, afondar na formación continua do persoal técnico da Rede de técnicos de emprego de Galicia, desenvolvendo un currículo específico e especializado en relación cos servizos que se prestan.

Tendo en conta o exposto, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) por parte das entidades locais.

Neste contexto, a implementación da Rede de técnicos de emprego de Galicia, como infraestrutura especializada na promoción do emprego, adquire precisamente o seu maior potencial, grazas á súa distribución por todo o territorio da Comunidade Autónoma. Porén, esta vantaxe estratéxica precisa de canles de comunicación axeitadas que confiran fluidez ao intercambio de experiencias e de información interna, para converter en sinerxías colectivas o traballo individual realizado por cada técnico.

Para este exercicio de 2019 continúase coa implantación en e para Galicia, dun programa autonómico, que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal de axentes de emprego e desenvolvemento local, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral. Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 2 da disposición derradeira duodécima da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren neste caso.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias contidas da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais (procedemento TR351B), a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.

2. As aplicacións orzamentarias e os créditos destinados ás axudas e subvencións establecidas na presente convocatoria serán os que establece a Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, na aplicación 09.40.322C.460.1 (código de proxecto 2015 00490) e polo importe de 2.200.000 €.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2014-2018 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período e terá en conta, en coherencia cos programas Impulsa de Lugo e Ourense, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Definición e funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local (en diante, AEDL) configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolveraa a entidade contratante, para o que as persoas contratadas como AEDL analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. As persoas contratadas como AEDL realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Artigo 4. Contía da subvención e período subvencionable

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2018 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Economía, Emprego e Industria:

a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2018 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.

b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrada no ano 2018 inferior a 500 persoas desempregadas.

c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias, que aínda que teñan unha media de paro rexistrada no ano 2018 inferior a 500 persoas desempregadas, a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes, ou a dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano e será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

3. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Os modelos figuran como anexo I desta orde a título meramente informativo. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.

5. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada pola entidade solicitante como información accesible de xeito que a correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade solicitante segundo o modelo que se publica como anexo II en que conste:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3º. A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención. En caso de solicitude conxunta de tres ou máis concellos, ou de dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos, achegaranse as respectivas certificacións de todos os concellos que se agrupan.

4º. As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

b) Memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL en que se especifique:

1º. Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación.

2º. Definición do proxecto global.

3º. Fases de desenvolvemento do proxecto.

4º. Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.

5º. Instrumentos e infraestrutura que se posúe para a súa posta en práctica.

6º. Número de AEDL para contratar.

7º. Accións e actividades que desenvolverán os e as AEDL.

8º. Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.

9º. Custos laborais totais anuais dos contratos.

10º. Plan de adaptación dos e das AEDL ao posto de traballo.

c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración de desenvolvemento conxunto do proxecto e referencia ás achegas económicas e ás achegas dos concellos agrupados.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta, e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.

d) Acreditación de que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos cada concello deberá acreditar a citada remisión.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante que solicita a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, no seu caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo competente en materia de emprego das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración Central para que esta, nun acto único para todas as xefaturas territoriais, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

4. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración Central estará composta polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego ou quen a substitúa, que exercerá as funcións da presidencia, e serán vogais as persoas responsables de cada unha das xefaturas territoriais, e unha persoa adscrita ao Servizo de Programas de Cooperación, que realizará as funcións de secretario/a.

5. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde, a Comisión de Valoración prevista no artigo 10 valorará as solicitudes presentadas conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias, perseguindo a maior repercusión posible das subvencións no ámbito territorial e tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Número de persoas desempregadas existentes no ámbito territorial da entidade (ata 10 puntos).

b) Poboación susceptible de ser atendida (ata 5 puntos).

c) A existencia de persoas contratadas como AEDL ao abeiro da orde do ano 2018 (ata 5 puntos).

d) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente (ata 5 puntos).

e) O grao de incidencia que na creación de postos de traballo terán as actividades que desenvolverán os e as AEDL (ata 5 puntos).

f) O establecemento de obxectivos operativos relacionados coa creación de empresas e o fomento da cultura emprendedora (ata 5 puntos).

g) Proxectos que na súa realización posibiliten a integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral (ata 5 puntos).

h) Poboación existente no ámbito territorial da entidade, segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes no ano 2018 publicadas polo Instituto Galego de Estatística o 9 de xaneiro de 2019:

1º. Concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes: ata 10 puntos.

2º. Concellos cunha poboación de 5.001 a 20.000 habitantes: ata 5 puntos.

3º. Mancomunidades: ata 5 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 50 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. As entidades solicitantes terán que obter como mínimo 20 puntos para acceder ás subvencións reguladas nesta orde. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega.

3. A puntuación final das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local incrementarase ata un 30 %, de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola presentación da solicitude conxunta, cando vaia acompañada dunha memoria explicativa da realización e o financiamento conxunto da actuación, incrementarase nun 10 %.

b) En función do número de concellos asociados ou da poboación beneficiaria ou destinataria das obras ou servizos, poderá incrementarse ata nun 10 %.

c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata nun 10 %.

4. No caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35 %.

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da xefatura territorial que corresponda quen, unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, resolverá a concesión ou denegación da axuda, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante resolución motivada e individualizada, que se lles deberá notificar ás persoas interesadas.

2. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, duración e data de inicio, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento, e poderá ter efecto retroactivo sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo ou pola AEDL, cando xa estivese contratado ou contratada pola entidade local.

3. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Requisitos e selección dos e das axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas candidatas para seren contratadas e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

2. Os e as AEDL seleccionaranse polas entidades beneficiarias das subvencións logo da presentación de oferta na oficina da rede pública de oficinas de emprego da Xunta de Galicia correspondente ao seu domicilio, entre demandantes de emprego desempregados ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución de concesión da subvención.

3. Se ao tramitar a dita oferta non se atopan persoas candidatas idóneas, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos das persoas candidatas mencionadas no parágrafo primeiro, sen que sexa necesario neste caso a inscrición das persoas que se contraten como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

4. Non será necesario realizar este proceso de selección cando a persoa que se contrate estea a prestar servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra os requisitos establecidos neste artigo.

Artigo 15. Contratación das persoas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Os e as AEDL seleccionados de conformidade cos procedementos establecidos no artigo anterior, serán contratados a tempo completo pola entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse dentro do exercicio 2019, nos termos expresados na resolución de concesión.

2. A concesión e goce destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

3. A entidade beneficiaria debe facilitar aos AEDL os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración, conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, sen prexuízo das instrucións que para a realización das tarefas dirixa a Administración ao responsable da entidade beneficiaria das axudas. Serán as persoas responsables da entidade beneficiaria as que impartirán todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices aos traballadores, sendo a entidade a responsable da calidade técnica das tarefas que desenvolva.

Artigo 16. Substitución das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da persoa inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente, logo de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación e achegando a seguinte documentación orixinal ou copia cotexada:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa traballadora substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social da persoa traballadora substituta.

c) Contrato de traballo mediante a modalidade contractual máis adecuada.

d) Certificado de selección da persoa traballadora substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha persoa candidata que quedase en lista de espera na primeira selección.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da nova persoa traballadora deberá levarse a cabo previa solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, agás que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego, desempregadas ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas candidatas para seren contratadas e desempeñaren as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 14.1 desta orde.

5. Se ao tramitar a dita oferta, non se atopen persoas candidatas idóneas, a entidade beneficiaria, logo de autorización expresa da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, poderá acudir a outros procedementos de selección de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos das persoas candidatas mencionados no parágrafo anterior, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas que se contraten como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 17. Adaptación inicial e actualización permanente da formación das persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación das persoas contratadas como AEDL aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e a cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, poñendo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá comprobar mediante visitas aos centros de traballo ou outros procedementos, a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.

3. Co fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración con outros órganos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere conveniente, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitando a este persoal regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

4. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación das persoas contratadas como AEDL nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 18. Coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia

A coordinación da Rede de técnicos de emprego de Galicia, integrada polos axentes de emprego e polos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL), levarase a cabo desde a Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 19. Avaliación das actividades levadas a cabo polas persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Co obxecto de facilitar e axilizar o traballo diario das persoas contratadas como AEDL e de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos e polas AEDL, disponse dun sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permite avaliar as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles (XATEmprego).

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Economía, Emprego e Industria poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar a cabo as persoas contratadas con cargo a estas axudas.

Artigo 20. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0043.html, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios e as usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación deles, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da Rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións desenvolvidas polas persoas contratadas como axentes.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Contratos de traballo ou, se é o caso, prórroga dos respectivos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Partes de alta ou certificación que acredite a alta na Seguridade Social das persoas contratadas.

c) Unha declaración responsable do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

d) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do ou da AEDL, debidamente acreditados.

e) Se é o caso, certificación da persoa secretaria da entidade solicitante sobre os resultados da presentación da oferta ante o Servizo Público de Emprego e sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto mensual desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, cando estes sexan inferiores aos custos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.

g) O documento de consentimento de cesión de datos da persoa contratada como AEDL, segundo o modelo que se estableza pola Secretaría Xeral de Emprego.

2. Se é o caso, a comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizarase polo servizo competente en materia de emprego da respectiva xefatura territorial a través das correspondentes aplicacións informáticas, cando a persoa estivese xa contratada pola entidade local.

3. Unha vez recibidos os fondos a entidade beneficiaria deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria unha certificación acreditativa da súa recepción. Para estes efectos deberá presentar:

a) O certificado de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0042.html.

b) Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

f) Comunicar, no prazo de 10 días, á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria que corresponda:

1º. As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

2º. Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que desenvolvan as persoas contratadas como AEDL, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

h) Poñer á disposición dos e das AEDL todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

i) Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición dos técnicos, especialmente, o sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades (XATEmprego) que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

j) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizada a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

1º. Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados.

2º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

3º. Nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez se dispoña destes.

k) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, se realicen por persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

2. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:

a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa aplicable vixente, en relación co tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.

b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, respondendo fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Economía, Emprego e Industria polos danos e perdas que lles puidesen causar.

c) A entidade beneficiaria manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 21.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 22.1.j): no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se reintegrará será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

2. A obriga ao reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira. Límites orzamentarios

A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 2.200.000 € prevista na aplicación 09.40.322C.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou, na súa falta, de conformidade co disposto no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional quinta. Consentimento escrito

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais das persoas contratadas como AEDL, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o modelo que se estableza pola Secretaría Xeral de Emprego, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

Para os efectos do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, as entidades beneficiarias das axudas para a contratación de AEDL incorporarán os datos de carácter persoal nun ficheiro propio, declarado previamente no Rexistro da Axencia Española de Protección de Datos.

A entidade beneficiaria comunicará á Consellería de Economía, Emprego e Industria os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, solicitando previamente ao interesado o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura), así como os académicos e profesionais. A consellería comprométese a utilizar estes datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

En todo caso, aplicaranse sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento, as medidas de seguridade establecidas no artigo 22.2 desta orde, no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Autorización para desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file