Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 7 de outubro de 2019 Páx. 44324

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2019 pola que se prorroga a vixencia do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

I. Mediante a Resolución do 21 de novembro de 2018, do presidente do Servizo Galego de Saúde, encargouse á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

II. De conformidade co establecido na condición básica número 6 Duración, o encargo terá unha vixencia de sete meses contados desde a sinatura da acta de implantación, podendo ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.

III. A acta de implantación asinouse o 5 de decembro de 2018, polo que a vixencia do presente encargo remataba o pasado 4 de xullo de 2019.

IV. Mediante a Resolución desta presidencia do 29 de maio de 2019, e logo de solicitude do xerente de zona de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), prorrogouse, por un período de tres meses, a vixencia do encargo que rematará o vindeiro 4 de outubro de 2019.

V. Mediante o escrito do 9 de setembro de 2019, o xerente de zona de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) solicita unha nova prórroga de corenta e cinco días naturais, xustificando as causas do atraso na execución das obras na complexidade das operacións de demolición mecánica e da desmontaxe da estrutura metálica, que a incorporación de grandes máquinas de demolición tivo que facerse de forma paulatina por motivos de seguridade e que a situación das zapatas impide que poidan ser arrincadas sendo necesario picalas e fragmentalas, circunstancias todas elas dificilmente previsibles inicialmente e que retardaron os traballos.

VI. Mediante o escrito do 9 de setembro de 2019, o director das obras informa favorablemente a solicitude de prórroga.

Á vista destas circunstancias e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 4 do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Prorrogar, por un período de corenta e cinco días naturais, a vixencia do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo, cuxa vixencia rematará o vindeiro 18 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde