Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 10 de outubro de 2019 Páx. 44784

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2019 pola que se dá publicidade ao encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución dos traballos descritos no proxecto de derruba de dous edificios no Barrio da Residencia (Lugo).

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 2 de outubro de 2019, do Servizo Galego de Saúde, pola que se encarga á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución dos traballos descritos no proxecto de derruba de dous edificios no Barrio da Residencia (Lugo).

– Actividade: Tragsa asumirá a execución dos traballos descritos no proxecto de derruba de dous edificios no Barrio da Residencia (Lugo) que se anexa á resolución da encomenda.

– Natureza e alcance da xestión encomendada:

O encargo ten natureza de encargo a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Tal condición de medio propio vén recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do número 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

A empresa pública Tragsa encargarase de realizar as seguintes tarefas:

1. Executar os traballos derivados deste encargo a medio propio con suxeición ao proxecto correspondente, achegando os medios que resulten necesarios.

2. Proporcionarlle ao Servizo Galego de Saúde información periódica (mensualmente) sobre os avances das diferentes actuacións e os posibles atrancos do obxecto do encargo así como canta información se lle solicite sobre a realización dos traballos.

3. Manter aberta en Santiago de Compostela unha oficina de enlace coa Administración.

4. Proporcionar os medios materiais que sexan necesarios ao persoal que execute materialmente a prestación. O persoal dependerá exclusivamente da empresa Tragsa, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador.

A empresa encargarase da dirección de obra e da execución e coordinación do plan de seguridade e saúde.

Así mesmo, para conseguir o máximo aproveitamento dos materiais resultantes da derruba (residuos), para que estes poidan ser transformados nun produto limpo e eficaz para a fabricación de novos materiais para empregar en novas construcións, mellorando a protección do ambiente e contribuíndo á conservación dos recursos naturais, e conseguir, así mesmo, unha redución dos custos da demolición, a empresa pública Tragsa encargarase do procedemento necesario para o seu alleamento.

– Financiamento: o orzamento de execución material ascende a 278.001,99 €. Á dita cantidade teranse que engadir 11.120,08 € de taxas de licenza municipal e 12.705,00 € de dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde, polo que para a realización dos traballos obxecto deste encargo a medio propio o Servizo Galego de Saúde destinará, como máximo, a cantidade de 301.827,07 € con cargo á aplicación orzamentaria 50.01.412B.621.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

– Prazo de vixencia: tres meses, que se contarán desde a sinatura da acta de implantación, non considerándose neste encargo a posibilidade de recepcións parciais de traballos executados.

A empresa Tragsa está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo. Poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde