Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 10 de outubro de 2019 Páx. 44791

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2019 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional técnico xestor de sistemas, especialidade programación, pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade e, en execución do previsto na Resolución do 30 de setembro de 2016 (DOG do 18 de outubro) modificada pola Resolución do 12 de xullo de 2019 (DOG do 23 de xullo) pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2016, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional técnico xestor de sistemas, especialidade programación, grupo II, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría profesional técnico xestor de sistemas, especialidade programación, grupo II, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre.

1.2. O proceso de selección, de promoción interna e de acceso libre realizarase conxuntamente. Se a praza vacante se cubre pola quenda de promoción interna, as/os aspirantes que participaron pola quenda de acceso libre superando algún exercicio distinto do de galego, pasarán a formar parte dunha listaxe de espera, de conformidade co texto refundido dos criterios de xestión de listaxes de espera http://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/plan_pas/descargas/2019_04_17_texto_refundido_criterios_xestion.pdf.

Pola contra, se a praza non se cubre por promoción interna, adxudicarase pola quenda de acceso libre.

1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

1.4. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.5. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.6. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.7. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou a dalgún estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún Estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que lle habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder, se é o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de: grao, diplomatura, arquitectura técnica, enxeñaría técnica ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso, ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á que se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.10.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da USC.

b) Estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional.

c) Pertencer a unha categoría distinta que á da praza ofertada nesta convocatoria.

d) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis meses como persoal laboral fixo na categoría á que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán presentar a súa solicitude e a documentación que a acompañe, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes apartados.

Para isto, as/os aspirantes deberán completar o formulario que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando os medios de identificación e sinatura que se indica no punto 3.9.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

Quen teña a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación, debendo presentar unicamente a documentación para este procedemento, que non se atope debidamente acreditada no expediente.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– De conformidade co disposto na base 6.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que estean exentas da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, xuntarán para tal efecto fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

3.4. A documentación xustificativa dos méritos que se valoren na fase de concurso será achegada no momento de presentar a solicitude e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, no que conste a categoría e os períodos nos que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude, se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

O certificado acreditativo dos puntos indicados nas letras a) e b) anteriores (certificaranse os cursos que constan no expediente persoal), expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC e engadirase á solicitude da persoa aspirante.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes, os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. No formulario de solicitude as/os aspirantes deben asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.

3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique no punto de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica. Para poder acceder a elas, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.10. Os dereitos de exame serán de 35,78 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pago do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.10.1. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa, os membros de familias numerosas de categoría xeral, e as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Todas as circunstancias que supoñen unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, achegando copia da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda. As relativas á condición de demandante de emprego, así como a de non percibir prestación ou subsidio por desemprego, deberanse acreditar con sendos certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

3.10.2. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm para o que o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no punto 3.9 desta convocatoria.

4.4. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.5. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.6. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo e será nomeado por resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.2. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír aos que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria do/da presidente/a constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución, o tribunal para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a, e da metade polo menos dos seus membros.

5.7. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá todas as dúbidas que puideran xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel ca exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás que se refire o punto 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Q de conformidade co establecido na Resolución do 24 de xaneiro de 2019, da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal e achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizara a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata de un novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro (BOE do 8 de novembro), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira, nivel B2 ou nivel C2, ou equivalente e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

6.7. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria no DOG.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes, pola quenda de promoción interna e de acceso libre, que acadaran o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

A publicación indicada no punto anterior irá acompañada da cualificación final do proceso selectivo realizada de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria, e mais da proposta provisional da persoa que superou o proceso selectivo. No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade, e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.5. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.9.

7.6. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará pola quenda de acceso que corresponda, a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no punto 5.11 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte a aquel no que se fixese pública a proposta de contratación, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6, Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Fotocopia compulsada do documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Fotocopia compulsada da titulación exixida.

d) Fotocopia compulsada do Celga.

e) Declaración xurada de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

f) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado e, salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 %, poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de seis meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaboraranse listaxes de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia no punto correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico xestor de sistemas, especialidade programación

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás as exencións previstas na descrición do primeiro e cuarto exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto que será obrigatorio e non eliminatorio, para as persoas que se presenten pola quenda de acceso libre.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

– Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que acreditaran documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

– Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 120 preguntas tipo test, mais 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 125 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, que supón unha valoración de 15 puntos.

– Terceiro exercicio: consistirá en resolver un suposto práctico proposto polo tribunal e relacionado coas diferentes materias descritas nos bloques de coñecementos específicos que figuran no programa. O tribunal avaliará a calidade técnica das solucións propostas, a sistemática, a capacidade de análise, os coñecementos sobre o programa, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

O tempo para a realización deste exercicio será de tres horas.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 12,5 puntos.

– Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna.

Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 30 preguntas tipo test, máis 3 de reserva, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

Se con base nas reclamacións presentadas se tivese que anular algunha pregunta, teranse en conta as preguntas de reserva.

II. Fase de concurso.

Quenda de promoción interna: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría incluída na clasificación do convenio colectivo vixente para o persoal laboral de Administración e servizos da USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías de persoal laboral de Administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valoraranse a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de Administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de Administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras Administracións públicas: valorarase 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de Administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación: valorarase igual que para promoción interna, ata un máximo de 5 puntos.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveranse por unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico xestor de sistemas, especialidade programación

Programa

• Coñecementos específicos:

– Bloque I. Lexislación no ámbito dos sistemas de información e administración electrónica.

1. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Capacidade de obrar e concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados no procedemento administrativo. Rexistros. Notificacións. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Funcionamento electrónico do sector público.

2. Iniciativas de desenvolvemento da Administración electrónica. Sistemas horizontais para as administracións públicas do Centro de Transferencia de Tecnoloxía. Rede SARA. DNI electrónico, @firma, Cl@ve, Geiser, Sistema de Interconexión de Rexistros, substitución de certificados en papel, INSIDE, ARCHIVE.

3. Real decreto 4/2010, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica. Coordinación entre administracións e interoperabilidade no marco da Administración electrónica.

4. Resolución reitoral do 11 de xullo de 2012 pola que se aproba a política de utilización de certificados electrónicos na USC. Resolución do 28 de febreiro de 2013 pola que se acorda a publicación do Regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso da cidadanía aos servizos públicos da USC e se crea a sede electrónica, o rexistro electrónico e o taboleiro de anuncios. Criterios para a implantación da Administración electrónica na USC, aprobados na Comisión de Administración Electrónica da USC o 10 de abril de 2013. Instrución 3/2013, do 31 de maio de 2013, da Secretaría Xeral da USC, sobre tramitación de procedementos iniciados a través da sede electrónica. Plan de implantación da administración electrónica na USC 2013-2015 e Plan de implantación da administración electrónica na USC 2016-2019. Regulamento da Universidade de Santiago de Compostela polo que se regulan as notificacións electrónicas obrigatorias, aprobado polo Consello de Goberno do 3 de marzo de 2017.

5. Lei 59/2003, de sinatura electrónica.

6. Lexislación sobre protección de datos: Regulamento 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de abril de 2016, xeral de protección de datos; Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

7. Real decreto 3/2010 polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica: principios básicos, requisitos mínimos, auditoría de seguridade e categorías dos sistemas. Política de seguridade da información na USC. Política xeral de protección de datos da USC. Normativa sobre utilización das tecnoloxías da información e das comunicacións na USC.

– Bloque II. Sistemas de información.

8. Modelo entidade-relación. Modelo relacional. Normalización.

9. Sistemas de xestión de bases de datos relacionais. Control de concorrencia. Bloqueos. Integridade. Recuperación de erros. Estándar ANSI SQL:2008. Linguaxe de definición de datos (DDL). Linguaxe de manipulación de datos (DML) e DCL.

10. Implementación de bases de datos en MS SQL Server 2014. Deseño lóxico e físico. Índices. Técnicas de optimización de consultas.

11. Implementación de bases de datos en MYSQL 8.0. Deseño lóxico e físico. Índices. Técnicas de optimización de consultas.

12. Programación T-SQL en MS SQL Server 2014: procedementos almacenados, funcións, control de fluxo e control de transaccións.

13. Xestión dos datos corporativos. Almacén de datos (Data-Warehouse). Arquitectura OLAP. Minaría de datos. Xeración de informes á dirección. Implementación con MS SQL Server 2014, MS SQL Server 2014 Integration Services, MS SQL Server 2014 Analysis Services e MS SQL Server 2014 Reporting Services.

14. Conceptos de patróns de deseño. Patróns GoF (Gang of Four). Patróns de deseño en aplicacións empresariais (P of EAA).

15. Arquitectura de aplicacións web. Estruturación en capas. Principais patróns de organización da capa de acceso a datos, da capa de servizos e da capa de presentación.

16. Servizos web. Tecnoloxías XML e JSON. Servizos web baseados nos estándares do W3C e principios REST.

17. Integración de aplicacións. Conceptos básicos de mensaxaría. JMS 2.0.

18. Sistemas de xestión de identidade e control do acceso. Directorio activo. Protocolo LDAP. Sigle-Sign-On. Apereo Central Authentication Service, versión 5.3.x. Sistemas federados de xestión de identidade. RedIRIS SIR. OAuth 2.0. JWT (RFC 7519).

19. A biblioteca de infraestrutura TI (ITIL). Soporte ao servizo. Entrega de servizos.

– Bloque III. Enxeñaría do software.

20. Enxeñaría do software. Proceso software, modelos de proceso software. Ciclos de vida. Modelos de ciclo de vida. Fases do ciclo de vida. Modelos de desenvolvemento.

21. Enxeñaría de requisitos. Verificación. Validación. Especificación de requisitos. Xestión de requisitos. Técnicas de recollida de requisitos. Escritura de casos de uso Cockburn. Problemas, técnicas e ferramentas de deseño de interfaces de usuario.

22. Técnicas de programación. Programación estruturada. Análise e programación orientada a obxectos. Enxeñaría inversa e reenxeñaría. Linguaxe unificada de modelaxe (UML).

23. Linguaxes de programación, clasificacións e conceptos. Técnicas de xestión da complexidade do código. Boas prácticas de codificación e uso de variables, estruturas de control, definición de interfaces e estruturación do código.

24. Deseño e programación orientada a obxectos. Elementos da programación orientada a obxectos: obxectos, clases, métodos, colaboracións entre obxectos.

25. Java, versión 11, linguaxe e biblioteca estándar. Elementos sintácticos e estruturais da linguaxe. Interfaces de programación presentes no JDK SE, versión 11.0.4. API de Java EE 8. Programación coa API JDBC de JEE 8. Programación coa API JPA 2.2 sobre provedor de persistencia JBoss Hibernate 5.4. Servizos web JAX-WS e JAX-RS. Transaccións. Despregamento de aplicacións web en Apache Tomcat 9.x.

26. Programación web. Implementación dos aspectos de presentación con HTML 5 e CSS3.

27. Aplicación de Javascript (implementación de referencia de Firefox 69.0) á programación no navegador. Técnicas AJAX. Implementación de técnicas AJAX con jQuery 3.4.x e jQuery UI 1.12.x.

28. PHP versión 7.3, linguaxe e biblioteca estándar. Elementos sintácticos e estruturais da linguaxe. Configuración e despregamento de aplicacións en servidores HTTPD Apache. ASP 3.0 e ADO 2.8. Despregamento de aplicacións ASP clásicas en Windows Server 2012 R2.

29. Métodos de proba do software. Fundamentos. Caixa negra e caixa branca. Estratexias de proba do software. Tests automatizados. JUnit. Integración continua.

30. Control de versións centralizado e distribuído. Uso de subversion 1.12 e Git 2.23.x. Construción e xestión integrada de proxectos de desenvolvemento: MAVEN.

31. Implementación dos aspectos arquitectónicos, persistencia, presentación e integración con Spring Framework 5.0.x. Inversión de control e xestión de dependencias. Configuración do contedor IoC. Validación. Implementación de tests. Acceso e datos e xestión de transaccións. Spring Web MVC. Tecnoloxías de implementación de vistas. Integración de JMS, JMX, correo electrónico, execución e programación de tarefas, linguaxes dinámicas e caching.

32. Implementación de aplicacións con Spring Boot 2.1.x. Construción, empaquetado e despregamento de aplicacións. Configuración. Aplicacións web. Integración de tecnoloxías de acceso a datos, mensaxaría e servizos web. Test de unidade, integración e funcionais. Instrumentación e monitorización.

33. Drupal 8.8. Arquitectura, instalación e configuración. Desenvolvemento de temas (Theming con twig). Desenvolvemento de módulos.

34. Metodoloxías de desenvolvemento de sistemas de información. Orientación ao proceso e orientación aos datos. Metodoloxías áxiles: SCRUM.

35. Dirección e xestión de proxectos: PMBOK. Áreas de coñecemento, grupos de procesos e características fundamentais dos procesos. Plan de dirección de proxecto.

– Bloque IV. Seguridade nos sistemas de información.

36. Servizos, técnicas e mecanismos para a seguridade das tecnoloxías da información: as técnicas e mecanismos criptográficos, os servizos de certificación electrónica, os protocolos seguros. Certificados dixitais. Sinatura dixital. Tarxetas criptográficas. Infraestrutura de clave pública (PKI).

37. Seguridade en contornos de rede privados. Mecanismos de protección da confidencialidade. Servizos de directorio. Xestión de identidades. Single sign-on. Tipos de conectividade. Acceso remoto. VPN. Elementos de seguridade para internet.

38. Seguridade no desenvolvemento de aplicacións. Vulnerabilidades en aplicacións web segundo OWASP: execución de comandos en sitios cruzados, inxeccións SQL, execución de arquivos malintencionados. Boas prácticas OWASP na implementación segura de aplicacións web e prevención de ataques habituais.

– Bloque V. Telecomunicacións e infraestruturas.

39. A familia de protocolos IP. Direccionamento e DNS. Programación sobre TCP/IP: uso de sockets. Protocolo HTTP e SSL: conceptos básicos e aspectos de programación.

40. Servidores. Arquitecturas e montaxes básicos para despregamento de aplicacións. Balanceo de carga e alta dispoñibilidade. Modelos de virtualización. Sistemas de almacenamento corporativos: arquitecturas e compoñentes. Virtualización do almacenamento.

41. Servizos de computación na nube. Modelos de servizo IaaS, PaaS, SaaS. Servizos de máquinas virtuais, bases de datos, despregamento de aplicacións web, almacenamento de datos e contedores en Microsoft Azure.

• Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Dereitos e liberdades. A súa garantía e suspensión. O Defensor do Pobo. O Tribunal Constitucional.

2. O acto administrativo. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrución e finalización. A revisión dos actos en vía administrativa.

4. Os recursos administrativos.

5. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

6. Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público: clases de persoal ao servizo das Administracións públicas. Dereitos e obrigas. Código de conduta do empregado público.

7. Texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

8. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

9. Estatutos da USC (1): órganos de goberno unipersoais e colexiados. O persoal de administración e servizos.

10. Estatutos da USC (2): réxime económico e a programación plurianual.

11. Estrutura das ensinanzas universitarias oficiais. As ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento.

12. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

13. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

14. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

15. A calidade na universidade española. Organismos que xestionan a mellora da calidade nas universidades. Instrumentos utilizados para a xestión, mellora e avaliación da calidade universitaria: conceptos básicos.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.